Bancos de alimentos: estantes baleiros e máis usuarios con necesidades

Os bancos de alimentos en Galicia teñen baleiros parte dos seus almacéns. Novas políticas europeas reconfiguran parte do fornecemento destas entidades. Polo de agora, as campañas de recollida e Operacións Quilo enchen boa parte das baldas para subministrar comida ás ONG que atenden persoas en risco de exclusión social ou traballadores en situación de pobreza que non chegan a fin de mes

Por Moncho Mariño | Santiago | 18/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A situación dos bancos de alimentos en Galicia estase a definir durante este 2024, todo debido aos cambios na distribución dos excedentes de alimentos que a UE realizaba cada ano a través do Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD). Este sistema dá paso a un modelo consistente nun fondo de “tarxeta moedeiro”. O Fondo Social Europeo Plus (FSE+) vén substituír o anterior Fondo de Axuda que queda extinto. Goberno central e Cruz Vermella asinaron un acordo para xestionar as tarxetas moedeiro a través do programa “Básico”. Agora, con este novo sistema, os Bancos de Alimentos deben “reinventarse” para a captación de alimentos e atender así a demanda da que son obxecto. Polo de agora existen convenios asinados entre estas entidades e administracións públicas como deputacións, concellos e o goberno autonómico. En tal caso, están expectantes ante o que ocorrirá durante este 2024 ante o mes de novembro cando se realiza a Gran Recollida, entre outros para atender as demandas do Nadal.

Voluntarios atenden ás persoas que veñen buscar comida no almacén do Banco de Alimentos de Lugo, a 2 de maio de 2023, en Lugo, Galicia (España). A subida da demanda obrigou ao Banco de Alimentos de Lugo a negarse a admitir novos usuar. Carlos Castro - Europa Press
Voluntarios atenden ás persoas que veñen buscar comida no almacén do Banco de Alimentos de Lugo, a 2 de maio de 2023, en Lugo, Galicia (España). A subida da demanda obrigou ao Banco de Alimentos de Lugo a negarse a admitir novos usuar. Carlos Castro - Europa Press

OS BANCOS DE ALIMENTOS ANTE OS CAMBIOS
Os tres bancos de alimentos consultados (Vigo, Santiago e Rías Altas) coinciden en describir a situación de “complicada”. Os excedentes de alimentos do programa FEAD serán xestionados primeiramente pola Cruz Vermella e logo pasarán ás autonomías. Isto farase a través do programa FSE+ aprobado en 2022 pola UE e que se convertiu en mandato para as CCAA. Agora son os gobernos autonómicos quen, dentro do ámbito das súas competencias, teñen a responsabildiade de identificar, valorar e derivar as persoas potenciais beneficiarias deste sistema para achegarlles as tarxetas moedeiro. O novo sistema impleméntase mediante a colaboración coa Cruz Vermella que pechou acordos con sete cadeas de supermercados para o troco destas tarxetas logo dunha licitación pública.

Este sistema deixou aos bancos de alimentos, nalgúns casos, sen o 25% das aportacións que enchían as súas baldas procedentes da UE. “En 2023 recibimos 500.000 quilos de alimentos que en 2024 deixamos de recibir” din fontes do Banco de Alimentos de Vigo. “Pedimos á Administración que nos bote unha man, porque atender á xente en situación de pobreza é unha obriga de todos” di José Pita do Banco de Alimentos de Santiago. “A situación é complicada, tivemos a última doazón en maio deste ano e durou até xullo, e logo non houbo máis recollidas aínda que si doazóns” apunta Manuel Moura do Banco de Alimentos Rías Altas.

En concreto, o Banco de Alimentos Rías Altas fixo unha compra por valor de 125.000€ para atender as necesidades das ONGs que solicitan víveres para as persoas que atenden. Porque esa é outra cuestión que moita xente descoñece, o banco de alimentos en si non atende directamente a persoas ou familias, son os Servizos Sociais dos concellos ou doutras administracións as que derivan xente en situación de risco de exclusión social ou en pobreza extrema ás ONGs máis próximas. Estas crean unha base de datos co número de persoas ou familias que necesitan atender para cubrir as súas necesidades.

Desde a Consellería de Política Social din que se destina "de xeito específico este ano máis de 150.000 euros". Ante a falta de alimentos neste bancos cren que "é consecuencia de que  o Goberno central substituíu o programa de axudas aos bancos de alimentos para poñer en marcha o programa Básico, que non da cobertura a todas as persoas que necesitan destas axudas".

Almacén do Banco de Alimentos de Vigo
Almacén do Banco de Alimentos de Vigo | Fonte: BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO

PERSOAS
Temos asinados convenios coa Deputación da Coruña, con concellos e coa Xunta, tamén hai entidades privadas que fan as súas aportacións” di Manuel Moura. Alén diso, os tres grandes momentos do ano para recoller alimentos son en marzo e abril o primeiro, o Maio Solidario, o segundo e a Grande Recollida que se fai na última fin de semana de novembro, polo menos na Coruña.

Sobre o perfil actual das persoas que reciben as aportacións dos bancos de alimentos as tres entidades consultadas coinciden que non se fala de perfil, porque “pode ser calquera”. Esta última observación vén xustificada ante o aumento dos prezos sobre os alimentos e outros gastos correntes que levan boa parte dos ingresos mensuais dunha familia. “Observamos a chegada de traballadores empobrecidos porque os seus salarios non son suficientes para chegar a fin de mes e moitos son xente nova que traballan en precario, esta xente chegou para quedar” din desde o Banco de Alimentos de Vigo.

Porén, o novo sistema mediante as tarxetas moedeiro da UE céntrase exclusivamente en familias con menores a cargo. Estas tarxetas moedeiro, finalmente serán xestionadas polas CCAA (de momento hai un tempo de transición coa Cruz Vermella xestionándoas). As tarxetas recollerán 100€ por persoa adulta e 30€ por cada menor a cargo. A cantidade total será subministrada mensualmente.

A sensación que transmiten os bancos de alimentos é a de estaren nun momento de transición tamén. A xente segue sendo solidaria, non obstante, a carestía da vida fai que moitas persoas doantes deixen de selo ante a suba da vida. Por outra parte, segue habendo aportacións elevadas por parte de cadeas comerciais e consorcios que poden substituír, en parte, os alimentos que agora deixan de chegar da UE.

Este 2024 é un ano de transición, adaptación ou reformulación para os bancos de alimentos. As novas políticas da Unión Europea cara as persoas en situación de pobreza e pobreza extrema cambiaron o sistema por completo e agora toca buscar novas vías para captar produtos non perecedeiros e básicos na alimentación das persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta