Nancy Escalante, Mulleres Bravas: "En Honduras moitas mulleres traballan de xornaleiras para sacar adiante a familia"

Nancy Escalante é integrante do proxecto 'Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida'. Este é un proxecto realizado por 'Amigas da Terra Galicia' e 'Enxeñería Sen Fronteiras Galicia' coa financiación de Cooperación Galega (Xunta de Galicia). Coa axuda de mulleres activistas e defensoras da vida e da terra hondureñas e galegas, dan a coñecer os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos extractivistas en Honduras e Galicia e "ofrecer alternativas sustentables para acadar outros camiños de produción e consumo"

Por Moncho Mariño | Santiago | 20/10/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Cal é o principal motivo da túa chegada a Galicia e cales son os nexos de unión con 'Mulleres bravas de Honduras e Galicia'?

Nancy Escalante
Nancy Escalante | Fonte: Agareso

Cheguei aquí grazas á aprendizaxe e ás actividades que desenvolvo na miña comunidade en Honduras, tamén por ter sido capacitada pola Rede Rexional do Sur das Mulleres do meu país. Súmaselle que son unha agricultora con formación para traballar ben as terras, estar organizada dentro da miña comunidade e na nosa Caixa Rural, ser estudante do bacharelato en Humanidades. Todo iso tróuxome até aquí, para coñecer outras cidades de España nunha xira onde temos realizado numerosas actividades.

-Cal é a principal actividade que realizas en Honduras e cales son os obxectivos que marcades dentro do voso traballo?
A principal actividade é traballar nas prácticas realizadas dentro da Escola de Campo con Amigas da Terra, tamén son voluntaria de saúde para o peso e medición dos nenos e promotora legal para mulleres vítimas de violencia doméstica. Mais o traballo agrario é moi importante para coñecermos novas prácticas que coñecemos grazas a Xavier e os enxeñeiros agrícolas da Escuela de Zamorano da Universidade do Departamento de Paraíso. Na nosa comunidade creamos, con Amigos da Terra, a Escola de Campo, ubicada na comunidade de Guanajiquil e integrada por dezaseis mulleres de dferentes comunidades. Aí facemos as nosas prácticas e as aprendizaxes para levalas despois ás nosas comunidades para reproducir o aprendido coas nosas veciñas e compañeiras. 

Son unha agricultora con formación para traballar ben as terras, estar organizada dentro da miña comunidade e na nosa Caixa Rural, ser estudante do bacharelato en Humanidades

-Na presentación do proxecto fálase do nocivos que son os produtos químicos para o chan na agricultura en Honduras. Cales son os principais perigos que afronta a agricultura no teu país?
A tala de árbores, as queimas e o uso dos químicos. A talla de árbores déixanos sen microorganismos para o chan e se se fan queimas matan eses microorganismos. Por outra parte, se cortan e queiman árbores quedaremos sen fontes de auga potable. Mais xa temos comités para a vixilancia dos bosques para evitar as queimas e as talas.

-Como se organizan estes comités para vixilar os montes e quen está interesado en cortar as árbores e para que?
Organizámonos no tempo de verán que é cando hai máis probabilidades de incendio, xente que pode ir camiñando e que lles caia un cigarro, isto pode prender na vexetación seca. Nós camiñamos moitos quilómetros nos montes, facemos un sacrificio para que non se produzan talas de árbores nos montes. Este fenómeno diminuiu en intensidade debido ao noso labor co comité e que sempre estamos alerta para chamar a policía para evitar a corta. Detrás das cortas hai persoas que queren sacar madeira de boa calidade. Ás veces nós usamos esa madeira para as nosas casas; e para podermos cortar madeira necesitamos un permiso. Se unha persona non ten ese permiso, é arrestado polas autoridades.

Na nosa comunidade creamos, con Amigos da Terra, a Escola de Campo integrada por dezaseis mulleres de dferentes comunidades

-Dicías antes que vos organizades para combater a violencia de xénero. Como materializades esa organización? Sentides algún rexeitamento ante esta acción contra a violenca doméstica?
Durante dous anos fun a cinco módulos para acceder ao meu carné de promotora legal, módulos organizados por Amigos da Terra. Nese carné di que calquera tipo de autoridade debe atendernos cando acompañamos calquera muller que sufrise violencia doméstica e en total. Dentro da miña comunidade, somos trinta mulleres habilitadas con ese carné. Se o maltratador é do meu lugar, podo chamar unha compañeira de fóra para ir no meu lugar e así nos intercambiamos. Logo acompañamos a muller vítima de violencia doméstica para que poida interpoñer unha denuncia. Unha vez na comisaría temos unha axente de enlace que nos apoia dentro das dependencias policiais. Grazas ás palestras e reunións organizadas na nosa comunidade, a violencia doméstica ten diminuído: no caso das mulleres adultas e tamén das nenas. As mulleres debemos estar libres de feminicidios e violencias domésticas.

-Que actividades desenvolverás durante a túa estadía en Galicia? Serán accións formativas?
Iremos a tres granxas onde aprenderei a muxir unha vaca ou a tratar co gando vacún. Esta aprendizaxe levareina para Honduras, aínda que eu só traballo na terra e na miña propiedade só podo cultivar millo, fabas e horta. Outras persoas, como un tío meu, si ten terras abondo para manter cabezas de gando.

-Parte desa produción da túa horta vai á venda?
En parte si. Na primeira tempada recollemos para autoconsumo, porque o inverno é moi duro e o produto pode quedar danado. En novembro xa imos tendo excedente para vender, cabazas, fabas, patacas e así podemos sacar diñeiro para termos outros produtos. Así pois, cando temos feitas as tarefas da nosa casa, o meu marido vai traballar nas terras do meu tío ou do meu primo. Logo en tempo de verán traballamos para unha empresa mais aí xa non temos dereitos a prestacións. Facémolo case por obriga pois así temos cartos para mercar material para os nosos fillos. 

Grazas ás palestras e reunións organizadas na nosa comunidade, a violencia doméstica ten diminuído: no caso das mulleres adultas e tamén das nenas

-As escolas están dentro das vosas comunidades ou os nenos e nenas teñen que trasladarse?
Ben, no caso do meu fillo, a escola está a vinte minutos camiñando e no caso da miña filla a escola está a media hora andando tamén.

-Falabamos antes da contaminación do terreo con produtos químicos. Que accións son as que polucionan a terra con química?
Basicamente son produtos químicos que, se van corrente abaixo, pode afectar a moitas persoas. Temos organizado un comité para evitar accións como esta. Tamén está o lixo que vai parar aos regatos e correntes de auga e para iso tamén organizamos un comité para ensinarlle á xente a recoller o lixo e deixalo no seu lugar. Sobre os químicos, antes do furacán Micht non usabamos fertilizantes artificiais e tampouco se sabía moito sobre o coidado do chan. Agora temos organizada unha escola de campo con quince mulleres que logo colaboran noutras comunidades para estender os coñecementos sobre tratamento de terras, corta de bosques e queimas. 

 En tempo de verán traballamos para unha empresa mais aí xa non temos dereitos a prestacións

-Cal viña sendo o papel das mulleres rurais dentro do teu país? A formación con Amigos da Terra e Mulleres Bravas de Honduras e Galicia empoderou as mulleres dentro da túa comunidade?
A maioría somos amas de casa e por iso pola mañá atendemos tarefas da casa e logo pola tarde traballamos nas nosas terras para que a actividade agraria non se perda. No meu caso, agora mesmo estudo un bacharelato de Humanidades. Quedei embarazada moi nova e pensei que a partir do embarazo perdería todo, mais a través de capacitacións continúo a miña formación. Por outra parte, durante o verán tamén traballamos na corta da cana e no cultivo de melón, porque nesa época o traballo na casa é menor. As familias van traballar de braceiros, porque é a única alternativa para gañar algo máis de carto. Unha das metas é poder mercar material escolar para os nenos. Son moitas as mulleres que van traballar de xornaleiras para sacar adiante a familia. Tamén Amigos da Terra axudou ás mulleres para botar a andar emprendementos como a venda de verduras e outras iniciativas. A dificultade está na falta de transporte para levar a mercadoría ao mercado.

-Cales son os aspectos comúns entre Mulleres Bravas de Galicia e Mulleres Bravas de Honduras?
Aquí hai moita máis vida urbana en comparación co lugar de onde veño eu. Aínda así, vexo que hai mulleres que traballan nas tarefas do agro. Hai dous días estiven nunha escola de capacitación agraria onde aprendín sobre composta, como tratar as árbores frutais e vin que había moitas mulleres facendo as mesmas tarefas. 

-Por último, cales son as cuestións que che gustaría aprender aquí para levar á túa comunidade?

Unha das cousas que vou aprender, como xa dixen, é a muxir. Até o de agora non sabía facelo, mais se aprendo poderei atender algunha emerxencia na granxa do meu tío. Imos intercambiar ideas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta