Setembro consolídase dentro da tempada turística galega: as pernoctacións hoteleiras aumentan un 4 %

Os viaxeiros soben un 6 % na comunidade no noveno mes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2024 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

As pernoctacións en establecementos hoteleiros en Galicia aumentaron un 4,2 % en setembro en comparación co mesmo mes de 2023, cun total de 1.148.419, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) este mércores. Este incremento é superior ao 2,8 % da media de avance no conxunto do país, por encima dos 39 millóns, cifra histórica para un mes de setembro.

No tocante aos viaxeiros, a comunidade galega anótase 632.434 en setembro, un 5,9 % superior ao dato do noveno mes de 2023. A estancia media en Galicia foi de 1,82 días en setembro, por baixo dos 1,85 do mesmo mes de 2023. Está lonxe dos 3,3 días de media no Estado. Galicia conta con 1.745 establecementos hoteleiros abertos en setembro (seis menos que hai un ano), os cales teñen 37.821 habitacións estimadas (449 menos en comparativa interanual) e 71.487 prazas (580 menos).

MENOR OCUPACIÓN QUE A MEDIA

O grao de ocupación de prazas é do 53,14 % nos hoteis da comunidade, 13 puntos menos que a media española (66,8 %). A ocupación por habitación é do 59,9 % en Galicia, lonxe do 77,2 % do Estado. Por comunidades autónomas, Baleares foi a rexión cun grao de ocupación por praza maior, cun 80,86 %, seguida de Canarias (74,24 %) e País Vasco (67,79 %), mentres que no lado contrario situáronse Castela-A Mancha, (39,92 %), Ceuta (44,31 %) e Estremadura (45,97 %). Os hoteis galegos contaban con 8.663 traballadores en setembro, o que supón 241 máis que un ano antes.

AUMENTO DE PREZOS E FACTURACIÓN

Os prezos dos hoteis españois incrementáronse un 7 % interanual en setembro, acumulando 40 meses de alzas. Esta subida é dous puntos superior ao avance do 5 % en Galicia. No noveno mes do ano, os hoteis galegos facturaron 75,8 euros de media por habitación ocupada, un 3,8 % máis. En España esta cifra é moi superior, con 125,2 euros por habitación, un 7,4 %.

DATOS ESTATAIS

As pernoctacións en establecementos hoteleiros españois superaron a cifra de 169,2 millóns nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, novo máximo histórico para este período e moi por encima dos 164,9 millóns de pernoctaciones de 2019, antes da pandemia, segundo os datos de Conxuntura Hoteleira feitos públicos este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Nos nove primeiros meses do ano rexistráronse 291,6 millóns de pernoctacións, un 5,2 % máis que en igual período de 2023 e tamén a cifra máis alta da serie para este período.

Só no mes de setembro, as pernoctaciones en hoteis españois aumentaron un 2,8 % interanual, superando a cifra de 39 millóns, máximo histórico para un mes de setembro. As pernoctacións realizadas por estranxeiros no noveno mes do ano avanzaron un 4,4 % interanual, mentres que as realizadas por españois baixaron un 0,7 %. Os prezos dos hoteis españois incrementáronse un 7 % interanual en setembro, acumulando 40 meses de alzas. No noveno mes do ano os hoteis españois facturaron 125,2 euros de media por habitación ocupada, un 7,4 % máis que o mesmo mes do ano anterior. A facturación media superou os 281,7 euros nos hoteis de cinco estrelas.

Imaxe dun establecemento hoteleiro en Santiago de Compostela
Imaxe dun establecemento hoteleiro en Santiago de Compostela | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta