O Consello da Cultura de Galicia tratará o impacto da intelixencia artificial e a relación turismo-cultura en 2025

No ámbito expositivo, en 2025 inaugurarase unha mostra centrada no papel desempeñado polas mulleres na emigración, tradicionalmente invisibilizadas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2024 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

O plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) aprobou este mércores a súa programación para 2025, no que a institución atenderá ao impacto da intelixencia artificial na creación cultural, así como relación entre turismo e cultura.

A celebración do 75 aniversario de Castelao, a análise da situación da lingua, o patrimonio inmaterial e acción exterior destacan entre os elementos da programación da institución que preside Rosario Álvarez.

En concreto, a relación entre o turismo e a cultura será unha das accións prioritarias que o CCG desenvolverá no próximo ano. En cumprimento da súa función asesora, realizarase unha diagnose cualitativa e cuantitativa da situación actual desde diferentes sectores. Analizarase tamén a imaxe que se quere proxectar de Galicia, así como os límites e posibilidades dos novos modelos turísticos.

Outra das liñas de acción é a relación entre a artesanía e a industria, na que se abordará a sustentabilidade da cultura tradicional, adaptada aos novos tempos, e o aproveitamento industrial dos nosos recursos.

O avance imparable da intelixencia artificial (IA) e o seu impacto sobre a creación cultural será obxecto de análise e reflexión, así como o modo no que as tecnoloxías están a influír na creación actual. Estudarase a revolución na creación, acceso e difusión, así como o impacto nos xéneros, nos mercados e na autoría.

Outro dos eixos de acción tratará sobre a situación actual da arquitectura, con actividades centradas nas construcións abandonadas (civil, industrial, etc.) e unha revisión dos criterios de conservación e rehabilitación arquitectónica.

ÁMBITO EXPOSITIVO

No ámbito expositivo, en 2025 inaugurarase unha mostra centrada no papel desempeñado polas mulleres na emigración, tradicionalmente invisibilizadas. Ademais, están previstas novas itinerancias nacionais e internacionais das exposicións que o CCG mantén activas.

En 2025 conmemórase o 75 aniversario de Castelao, unha efeméride que a institución xa está a preparar en colaboración con outras entidades. Tamén se prestará atención á música de tradición oral, en consonancia co Día dás Letras Galegas, dedicado en 2025 ás cantareiras e á poesía popular do canto.

O patrimonio inmaterial será obxecto dun ciclo de actividades por todo o país, abordando in situ diversas manifestacións xeradas polas comunidades tradicionais.

Así mesmo, a análise da situación da lingua galega continuará sendo unha das liñas de traballo habituais. Ademais doutras actividades, o Observatorio da Cultura Galega realizará unha análise das actitudes, medidas e propostas para a dinamización do galego. Complementarase con outro estudo que medirá as necesidades para que haxa unha maior oferta de produtos culturais en lingua galega.

O Observatorio tamén realizará un estudo sobre a situación do sector musical. A institución continuará coa liña de investigación e documentación da colectividade emigrada, á vez que se iniciarán actividades destinadas a coñecer e estreitar vínculos coas comunidades de orixe estranxeira presentes en Galicia.

Membros do Consello da Cultura Galega na presentación do informe sobre a arquitectura indiana en Galicia
Membros do Consello da Cultura Galega na presentación do informe sobre a arquitectura indiana en Galicia | Fonte: CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta