A patronal eólica contra a Xunta por querer impoñer repotenciacións en parques eólicos antigos

Alerta de que a fórmula "errónea" do texto pon en risco a 86 parques de máis de 20 anos, que suman máis 2.000 megawatts.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 24/10/2024 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

A Asociación Empresarial Eólica mostra a súa "preocupación" pola proposta de repotenciacións de parques incluída pola Xunta no proxecto de lei de acompañamento aos orzamentos galegos para 2025, xa que "expón un cambio de paradigma" que provoca "inseguridade xurídica".

Nun comunicado, a patronal eólica considera que a fórmula presentada no texto "é errónea e prexudicial para os intereses das empresas, a sociedade, a economía e a imaxe de país". "Choca frontalmente cos principios fundamentais do ordenamento xurídico existente", sentenza. Nun contexto de tramitación de eólicos en Galicia que o sector considera "dramático", lamenta que este tipo de cambios "poden xerar maior incerteza para os investidores".

E é que advirte de que "o proxecto de lei establece que serán obrigatorias as repotenciacións para aqueles parques que, ou ben alcanzasen o final da súa vida útil de deseño ou ben alcanzasen 25 anos desde a súa posta en funcionamento, en ausencia das devanditas previsións".

Informa de que Galicia conta con 3.874 megawatts instalados (183 parques eólicos), dos cales 2.007 megawatts (86 parques) contan con 20 anos ou máis de antigüidade e "poderían verse obrigados a ser repotenciados por esta lei". "É clave buscar unha solución para dinamizar as repotenciacións sen que sexa por mandato e evitar xerar así riscos adicionais, xudicialización de proxectos ou perdas inxustificadas aos promotores", agrega.

A Asociación Empresarial Eólica opina que o "concepto de vida útil de deseño non é sinónimo de obsolescencia do equipo, perda de operatividade ou riscos na seguridade". "Os promotores poden optar pola extensión de vida ou pola repotenciación, e o momento de facelo depende de cada proxecto, non se pode xeneralizar nin impor. A extensión de vida é unha fórmula produtiva, eficiente e sustentable, xa que mantén a produción eólica necesaria para o 'mix' sen pór en perigo ningún aspecto da seguridade", apostila.

Varios aeroxeradores no parque eólico de Vilachá, a 15 de marzo de 2024, en Lugo
Varios aeroxeradores no parque eólico de Vilachá, a 15 de marzo de 2024, en Lugo | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta