Sanidade anuncia que o veto de bebidas enerxéticas a menores entra en vigor en 2025

Esta medida está contemplada dentro da nova Lei Galega de prevención de adiccións en menores

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2024 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

Os Orzamentos da Consellería de Sanidade para 2025 prevén a creación de 1.412 novas prazas de profesionais, que inclúen 523 para reducir a xornada laboral ata as 35 horas semanais no Servizo Galego de Saúde (Sergas), outras 790 nos procesos de estabilización, 30 de médicos de Urxencias, así como as necesarias para a posta en funcionamento do Centro de Protonterapia de Galicia e a estratexia de reprodución asistida, entre outras.

Ademais, para 2025 prevese a entrada en vigor da nova lei galega de prevención de adiccións en menores, que prohibirá a este colectivo o consumo de bebidas enerxéticas, incidirá nas medidas contra o botellón, limitará a publicidade do alcol e equiparará os vapeadores ao tabaco.

Estes son algúns dos anuncios que realizou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento galego para presentar os Orzamentos do seu departamento para o próximo ano, que suporán 5.458 millóns de euros, un 5,1% máis que en 2024.

"Sanidade está á cabeza das prioridades", recalcou, xa que leva o 40% dos recursos totais cos que contará a Xunta o próximo ano e crecerá por encima da media do que o fai o total dos Orzamentos (2,6%).

De feito, Gómez Caamaño subliñou que o montante dedicado a Atención Primaria crece un 5,4%, ata os 1.668 millóns en total; mentres que a Hospitalaria sobe un 5,1%, ata os 3.478 millóns.

Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela / Europa Press - Arquivo / Europa Press
Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela / Europa Press - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta