Reclaman cesar a unha directora xeral de Educación por 'falta de humanidade' cos menores ingresados en saúde mental

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, dixo que estes mozos ingresados en unidades de saúde mental "teñen unha idade e unha autonomía" e avanzou que a Xunta poría a disposición os computadores e equipos informáticos necesario

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2024 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia



O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) e a Plataforma Adoece, conformada por familias con nenos ingresados en unidades de saúde mental en Vigo, reclaman o cesamento da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, tras as súas "nefastas" declaracións sobre o ensino a pacientes menores da unidade infanto-xuvenil de Psiquiatría do Hospital Álvaro Cunqueiro e o hospital de día do Nicolás Pena.

Ambas as entidades solicitan a Fernández que rectifique ou, se non, que sexa cesada despois da entrevista que concedeu o pasado xoves a Radio Voz para explicar a situación. Na mencionada unidade infanto-xuvenil, de recente creación, o ano pasado había un profesor que atendía aos estudantes de Secundaria que estaban ingresados, pero este ano a Xunta optou por darlles clases virtuais por entender que era o máis adecuado para este nivel.

STEG e Plataforma Adoece continúan reclamando que se blinde a atención educativa presencial para estes mozos, así como para os pacientes oncolóxicos que están nas súas casas. Neste contexto, critican que a directora xeral aínda non acudise a coñecer a aula Hospitalaria do Álvaro Cunqueiro.

Na entrevista en Radio Voz, Judith Fernández denunciou que se estaba "xerando un pouco de confusión" sobre este asunto e aclarou que estes estudantes de Secundaria que teñen que estar ingresados xa reciben atención educativa 'en liña' a través dos coñecidos como equipos AVA, en lugar do profesor que tiñan o ano pasado.

Así mesmo, dixo que estes mozos ingresados en unidades de saúde mental "teñen unha idade e unha autonomía" e avanzou que a Xunta poría a disposición os computadores e equipos informáticos necesarios.

Estas palabras, para STEG e Plataforma Adoece, reflicten "unha falta de humanidade e descoñecemento absoluto da situación pola que están a pasar estas familias e pacientes", á vez que insisten en que os nenos están a ser "privados dun dereito fundamental" como o da educación.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. PARLAMENTO DE GALICIA
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta