Galicia envía un helicóptero de rescate tras confirmarse máis de 50 víctimas pola DANA

Trátase do Pesca I. Rueda di "non saber aínda" se hai galegos entre os máis de 50 falecidos e numerosos desaparecidos. Pesar na política galega por esta traxedia, pola que o Goberno declara tres días de loito oficial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2024 | Actualizada ás 10:22

Comparte esta noticia

O presidente galego, Alfonso Rueda, confirmou que, en resposta á demanda de medios aéreos e tras manter contacto cos seus homólogos en Valencia e Castela A Mancha, un dos dous helicópteros que dependen da Xunta para tarefas de salvamento, partirá á zona de Levante afectada pola DANA para axudar nos traballos de rescate.

Rueda explicou que tivo a ocasión de falar, a través de mensaxes, tanto co popular Carlos Mazón como co socialista Emiliano García-Page para preguntar "como estaba a situación" na noite pasada e ofrecer a axuda que fose posible desde Galicia. "Os dous dixéronme que estaban moi preocupados e moi atentos á evolución que houbese. Parece que deixou de chover e iso, polo menos, é unha mínima axuda. Esta mañá a verdade é que aínda non puiden falar con eles", trasladou, a preguntas dos medios, á súa chegada a un acto en Santiago.

Iso si, confirmou que se están realizando as xestións necesarias, na liña da demanda de medios áereos (dado que os terrestres, á parte da distancia entre territorios, non poden acceder a moitas zonas), para que un dos dous helicópteros de salvamento que depende da Xunta. "O 'Pesca 1', que ten base en Vigo, está aprovisionándose agora mesmo e sairá inmediatamente, en principio cara a Levante, ou cara á zona onde lle digan que se están coordinando as áreas de salvamento. A previsión é que este medio, que pode facer un rescate de ata dez persoas simultaneamente, estea xa traballando pola tarde", explicou.

"A CIFRA É TREMENDA"

A preguntas dos medios, acerca de se podería haber galegos entre os falecidos ou desaparecidos (as primeiras cifras oficiais apuntan a que habería máis de medio centenar de vítimas mortais), Rueda asegurou que "non se sabe aínda". "A cifra de vítimas é tremenda, moito máis do que se esperaba, onte falábase de seis ou sete desaparecidos, pero agora estímase que máis de 50 vítimas. A situación parece tremenda, o que estamos a ver, e esperemos que non vaia a máis, pero as perspectivas non son nada boas", concluíu.

Efectos da DANA en Valencia
Efectos da DANA en Valencia | Fonte: EP

TRES DÍAS DE LOITO OFICIAL E SÁNCHEZ VIAXARÁ A VALENCIA

Así as cousas, o Goberno vai declarar tres días de loito oficial polos máis de 60 falecidos, segundo anunciou o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres. Así mesmo, indicou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ten previsto desprazarse este xoves a Valencia.

SOLIDARIEDADE

Tamén a portavoz do BNG, Ana Pontón, trasladou todo o cariño, a solidariedade e o apoio da súa formación ás persoas afectadas pola dana que está deixando “cifras catastróficas”, especialmente en Valencia. A portavoz nacional cancelou a rolda de prensa que tiña prevista para facer unha breve declaración institucional: “Encóllesenos o corazón ante as imaxes e os datos que estamos coñecendo sobre a dimensión que ten esta catástrofe, sobre todo en vidas humanas, en persoas desaparecidas”, lamenta. 

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou este mércores o apoio dos socialistas galegos aos afectados pola DANA que deixa decenas de falecidos e que afectou especialmente á Comunidade valenciana."Os socialistas galegos estamos absolutamente conmovidos, conmocionados pola traxedia ambiental que se está producindo no Levante español e todo o noso apoio, toda a nosa solidariedade", trasladou.

Pola súa banda, o Parlamento de Galicia expresou a súa solidariedade coas vítimas provocadas pola DANA en Valencia durante esta pasada madrugada. Fíxoo durante a primeira comparecencia deste mércores da Comisión de Orzamentos, a do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Tamén a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) aprazou os partidos da Copa do Rei-Mapfre entre o Parla Escola e a Valencia CF, así como entre o Pontevedra CF e o Levante UD, debido á DANA que está a azoutar o leste do país e que deixou xa medio centenar de falecidos.

Así mesmo, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, informou de que remitiu senllas cartas á presidenta da Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) e alcaldesa de Requena, Rocío Cortés Grado, así como ao presidente da Federación de Municipios e provincias de Castela A Mancha (FMPCLM) e alcalde de Talavera de la Reina, José Julián Gregorio López, para expresarlles a solidariedade e apoio en nome das administracións locais galegas. Tamén trasladou a disposición do municipalismo galego a colaborar con todo o que necesiten.

Tamén o Parlamento de Galicia mostrou a súa "vontade e compromiso" para que as institucións despreguen "todos os esforzos e medios" para colaborar na procura e rescate dos desaparecidos e no necesario para atender aos afectados. Nun comunicado, a Cámara galega desexou unha rápida recuperación ás persoas feridas, lamentou os danos materiais producidos e mostrou "a súa admiración" e recoñecemento ao esforzo de todos os profesionais que traballan na atención desta emerxencia.

MINUTOS DE SILENCIO

Tamén se gardaron minutos de silencio ante as sedes das principais institucións de Galicia, como o Parlamento galego, a Xunta de Galicia, as deputacións e os concellos. Na mañá deste mércores gardouse un minuto de silencio ante a sede da Xunta en San Caetano, así como ante a entrada das delegacións. Ademais, tamén se celebraron concentracións ante o Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia.

E diversos concellos se sumaron á convocatoria da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en memoria das persoas falecidas e en apoio ás familias e amizades afectadas. Así, entre outras localidades, gardáronse minutos de silencio ante os consistorios na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Monforte, entre outros, así como ante as dependencias das deputacións provinciais. Ademais, diversas entidades trasladaron a súa solidariedade, como o caso da Confederación de Centros históricos de España (Cocahi), con sede en Santiago, expresaron as súas condolencias aos familiares e seres queridos das persoas falecidas polo temporal que rexistra o levante e parte das provincias de Valencia e Albacete.

Ademais, os representantes dos traballadores do Concello de Ourense decidiron non celebrar a manifestación que tiñan prevista para este xoves como mostra de solidariedade coas vítimas. Así o fixeron saber a través dun comunicado no que indican que este xoves non se celebrará a manifestación coa que percorrerían as rúas da cidade, pero no seu lugar haberá unha concentración silenciosa na praza maior ás 12.00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta