Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2024 | Actualizada ás 21:40
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anulou a súa axenda pública para este xoves, despois de transcender que o Goberno anunciase que haberá tres días de loito oficial polos polo menos 95 falecidos que deixou a DANA ao seu paso pola Comunidade Valenciana e Castela-A Mancha.
Rueda tiña previsto no mediodía deste jueve unha visita en Arteixo, acompañado polo conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, ao Porto Exterior da Coruña con motivo das obras da rede ferroviaria interior en Punta Langosteira. Tanto a Xunta como o Porto confirmaron a cancelación deste acto.
En todo caso, fontes do Goberno galego consultadas por Europa Press confirmaron que os conselleiros manterán a súa actividade. Tamén o fará o Parlamento, que mantén as comparecencias no marco da rolda para debullar os orzamentos das distintas áreas do Goberno e entes autonómicos.
Máis aló, os partidos como tal, a nivel autonómico, non teñen axenda prevista para este xoves. Nin PPdeG, nin BNG, nin tampouco PSdeG. De feito, fontes socialistas trasladaron a Europa Press que consideran que o Parlamento debería anular a actividade, no marco do loito oficial decretado no país, e anticiparon que eles procederán "en coherencia" con esta declaración estatal nos próximos días.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.