Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2024 | Actualizada ás 17:02
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que o Concello contratará a próxima semana a construción do parque da Parda, un "asunto totalmente transcendental" para o goberno municipal, tal e como lembrou.
O proxecto conta cun orzamento superior aos 5.300.000 euros, e derivará na creación do maior parque urbano da cidade.
Fernández Lores compareceu este xoves en rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Local e tamén ofreceu información sobre a mesa de contratación celebrada esta semana para facer realidade o proxecto de creación do novo parque da Parda.
Oito ofertas económicas optan á adxudicación desta obra, unha delas terá que xustificar a proposta económica, xa que os técnicos estiman que podería incorrer nunha baixa temeraria. A partir desa valoración, volverase a reunir a mesa de contratación para escoller á empresa gañadora.
RENUNCIA DE ZARA
O alcalde tamén informou que Zara comunicou ao Concello de Pontevedra que desiste da licenza que solicitou en xuño de 2023 para rehabilitar os inmobles de Michelena 11 e Gutiérrez Mellado 3 e 5, onde a multinacional galega quería construír unha macrotienda.
Lores lamentou que "cuestións privadas" fixesen decaer este proxecto de máis de 6.000 metros cadrados, repartidos en oito plantas, cun investimento próximo ao dez millóns de euros.
Esta decisión chega despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia denegase, o pasado mes de agosto, a demolición do edificio situado en Michelena 11, un contratempo ao que se lle sumou o xuízo aínda pendente cos comerciantes das Galerías Oliva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.