Os 'vacinódromos' volven poñerse en marcha para inmunizar conxuntamente contra a gripe e a covid-19

Este mércores, día 30, empezouse a vacinar ao grupo de idade de 70 a 79 anos na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 30/10/2024 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

Galicia activou este mércores, día 30, os recintos masivos de vacinación, coñecidos como 'vacinódromos', para inmunizar conxuntamente fronte á gripe e fronte ao covid-19, empezando polo grupo de idade de 70 a 79 anos. Así ocorreu na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, onde se habilitou a sala de exposicións do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo, que conta con 9 postos de vacinación. Ademais, hai outros tres postos o salón de actos do Hospital Público do Salnés.

Hoxe comezaron coa poboación de 79 a 70 anos. En total, serán citadas 29.683 persoas que recibirán unha mensaxe SMS no seu teléfono móbil coa data, hora e o punto de vacinación ao que deben acudir. Os festivos e domingos estarán pechados estes postos. No caso de Pontevedra están citadas diariamente 1.500 persoas mentres que no distrito sanitario do Salnés serán 500. O xerente da área Sanitaria, José Flores, acudiu ao 'vacunódromo' do Edificio da Xunta en Campolongo para observar a súa posta en marcha e destacou que ás 8.45 xa estaban as primeiras vacinas postas.

José Flores sinalou que foi unha xornada "sen ningún tipo de incidencia", algo que xeraba intranquilidade. "Sempre temos a dependencia tecnolóxica das aplicacións de rexistro", apuntou. En todo caso, quixo mandar unha mensaxe de concienciación acerca da importancia de inmunizarse. "Queremos enviar a mensaxe á poboación de que o noso obxectivo é vacinar a todo o mundo que queira", manifestou o xerente. "Se alguén non pode acudir, que non se preocupe porque imos facer repescas e recitacións", engadiu.

O xerente fixo especial fincapé na importancia da inmunización "para evitar que despois teñamos que lamentarnos durante os meses de frío". Respecto das reticencias á vacina do covid, o responsable sanitario sinalou que este xa non é "ese momento inicial" e, aínda que recoñece que ao principio da pandemia a vacinación foi "precipitada", a día de hoxe destaca que "é unha vacuna súper segura, igual que a da gripe".

As cifras do 28 de outubro mostran unha cobertura do 66 % en gripe e 62 % en covid para maiores de 80 anos. En canto aos menores de 6 a 59 meses, a cobertura da gripe sitúase no 24,51 %, mentres que nos profesionais sanitarios é do 22 % para gripe e 12,36 % para covid. O obxectivo é superar o 65% de cobertura alcanzado o ano pasado na poboación xeral. "Temos que pensar non só en protexernos de forma individual, senón en inmunizar a toda a comunidade", concluíu Flores.

Unha persoa recibindo a vacina da gripe
Unha persoa recibindo a vacina da gripe | Fonte: SFGA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario (1 pend. aprobación)