Está Galicia preparada para facer fronte a unha DANA como a que arrasou Valencia? Que concellos sufrirían máis?

O recén actualizado Inungal admite que a zona costeira de Galicia atópase moi urbanizada e, non en poucos casos, as construcións enturbaron os leitos dos ríos. Ademais, expón que aínda que as choivas sempre se caracterizaron pola súa mediana intensidade e persistencia no tempo, na última década constátase un incremento das cicloxéneses explosivas, con choivas e ventos moi fortes e de formación moi rápida.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

España está sufrindo un dos peores temporais de choiva no que vai de século. Os efectos dunha DANA chegada ao mediterráneo están causando unha importante destrución ao seu paso: polo de agora xa son 95 os mortos confirmados, entre eles varios nenos, e ducias de desaparecidos. Os equipos de emerxencia vense desbordados pola magnitude e o impacto inesperado das choivas, que puxeron en alerta a toda a poboación en zonas como Valencia, Castela-A Mancha, Murcia e Andalucía. Ante esta situación, na mañá deste mércores o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, enviou unha mensaxe de solidaridade ás vítimas e asegurou que os afectados contarán "con todos os recursos do Estado español e, se fai falta, da Unión Europea". Polo de agora, aínda sen coñecer máis medidas, Defensa ofrece morgues portátiles, psicólogos e cans para localizar posibles cadáveres. Fai só unhas semanas que Galicia sufriu os efectos do furacán Kirk, que, salvando as distancias, tamén superaron as previsións. É innegable que algo está a mudar no tempo e que, iso, fai que cada vez fenómenos destas características sexan máis difíciles de predicir.

Estragos da DANA
Estragos da DANA | Fonte: EFE

Así as cousas, hoxe, sumidos nunha fonda tristura pola catástrofe que se está a vivir no resto de España, dende o Galicia Confidencial facémonos unha pregunta: podería Galicia enfrontarse a un fenómeno de tal magnitude? Que zonas serían as máis afectadas? E, sobre todo, estamos preparados para facerlle fronte? O pasado luns o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba a actualización do Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia (Inungal), onde, precisamente, se pode atopar a resposta a algunhas destas preguntas, se ben non á máis importante: pode acontecer o que estamos vendo no mediterráneo na nosa terra? Iso é algo que nin sequera os maiores expertos no campo da meteoroloxía saben, e aínda menos coa maior afectación do cambio climático a cada ano que pasa. O conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, advertiu este mércores de que "por moitas previsións e infraestruturas preparadas, non hai lugar no mundo onde se poida predicir esta catástrofe", pero asegurou que "en Galicia temos un sistema adecuado" e estamos "preparados". Aquí vos deixamos as principais conclusións extraídas dunha exhaustiva revisión deste plan:

CARACTERÍSTICAS DOS RÍOS GALEGOS: CURTOS E CON MAIOR CAUDAL EN OUTONO E INVERNO

Galicia conta con 29.154 quilómetros cadrados de terreo, representando o 5,78 % da superficie total de España, cunha poboación de 2,7 millóns de habitantes. Nela, hai unha marcada diferencia entre as zonas costeiras e as do interior, tanto polos caudais da auga como pola densidade da rede fluvial. Os ríos galegos caracterízanse por ter unha estreita relación entre as canles de auga e a fracturación do terreo, o seu curto percorrido (a excepción do Miño) e a bipolaridade costa/interior. A presenza de serras formando unha orla continua entre a costa e o interior propicia a existencia de ríos de curto percorrido: Eo, Masma, Ouro, Landro, Mera, Grande de Xubia, Anllóns, Xallas, Lérez, Verdugo-Oitavén... que raramente sobrepasan os 50 quilómetros; soamente o Tambre e o Ulla superan estas distancias. No interior, o Miño ten un percorrido por enriba dos 300 quilómetros, cunha clara morfoloxía na súa conca, que fai sinxela a acumulación de auga nunha única canle.

Por outra banda, as características morfolóxicas de Galicia central son bastante diferentes (aparecen con maior asiduidade as terras chás de serras). Un exemplo acontece co Miño, dende A Terra Chá recolle as augas que baixas das serras; o Ladra e o Parga recollen da Serra da Loba; o Anllóns das estribacións do Xistral, o Ferreira, o Neira... Todos aportan o seu caudal para ir formando a gran arteria galega. O Sil realiza idéntica función coas augas dalgunhas depresións e serras surorientais, posteriormente chéganlle as augas dos ríos Avia e Arnoia, que tamén nacen no corazón da Galicia central. Un factor importante dos ríos galegos é o seu rexime: os ríos costeiros teñen un clásico rexime pluvial cun máximo en outono e en inverno; os ríos do interior teñen semellantes características aos costeiros; e os ríos que nacen nas serras orientais e surorientais ofrecen un rexime pluvial caracterizado por dous máximos, un en outono-inverno, que é o máis importante, e outro en primavera.

Estragos da DANA
Estragos da DANA | Fonte: EFE

CARACTERÍSTICAS DA ZONA XEOGRÁFICA: CLIMA HÚMIDO CUNHA TEMPERATURA MEDIA ANUAL ENTRE OS 10 E OS 15 ºC

Así mesmo, a situación xeográfica de Galicia, situada no extremo noroccidental da Península Ibérica, fai que se atope sometida polo oeste á influencia do Océano Atlántico, e, polo norte, á do Mar Cantábrico, dobre influencia que condiciona moi notablemente o clima da rexión, facendo que esta se atope plenamente insertada dentro do que se deu en chamar a España húmida. De acordo coa división de España en rexións climáticas, Galicia pertence enteiramente á denominada zona verde (caracterizada por un clima de tipo europeo occidental), con algunhas diferenzas entre a rexión marítima (provincia da Coruña, metade norte de Lugo e provincia de Pontevedra na súa maior parte) e a rexión semimarítima (provincia de Ourense). A diferenza do que acontece no resto da península, a rexión marítima en Galicia esténdese considerablemente cara o interior, debido á orientación das Rías Baixas na fachada atlántica, que facilita a penetración de ventos cálidos e húmidos do suroeste, os cales, á súa vez, aportan abundantes choivas e contribúen a amortiguar as oscilacións térmicas. Pola contra, na rexión semimarítima é maior a amplitude das oscilacións anual e diurna da temperatura, o que afecta á meseta lucense e ás terras altas de Ourense.

Na maior parte de Galicia a temperatura media anual oscila entre os 10 e os 15 ºC. Non obstante, este último valor é superado nunha franxa próxima ao litoral occidental, mentres que nos zonas máis montañosas das provincias de Lugo (serras dos Ancares e do Courel) e Ourense (serras de Queixa, San Mamede, O Eixe e Segundeira), os valores permanecen por debaixo dos 10 ºC (e mesmo, ao redor da Cabeza de Manzaneda, dentro da Serra de Queixa, báixase dos 7,5 ºC). O mes máis frío do ano é, xeralmente, xaneiro, cunha temperatura media inferior a 7,5 ºC en toda a Galicia interior, que descende por debaixo dos 5 ºC nas zonas máis elevadas (achegándose xa aos 0 ºC nas serras de Queixa e dos Ancaras). Pola contra, nas rexións prelitorais xaneiro presenta temperaturas máis suaves, por enriba dos 7,5 ºC, especialmente nas Rías Baixas, onde os promedios chegan a superar os 10 ºC. Pola súa parte, o mes máis caloroso adoita ser xullo (aínda que nalgúns lugares pode ser agosto), cunha temperatura media máis elevada nas Rías Baixas, na conca inferior do Miño e no val do Sil, por enriba dos 20 ºC; mentres que nas terras altas do interior da rexión (meseta lucense e zonas montañosas de Ourense), os promedios do mes mantéñense entre os 15 e os 17,5 ºC.

CARACTERÍSTICAS CLIMÁTICAS: UNHA DAS REXIÓNS MÁIS CHUVIOSAS DE ESPAÑA, CON PRECIPITACIÓNS MEDIAS ANUAIS POR ENRIBA DOS 1.400 MM

A frecuencia e abundancia das precipitacións que recibe a nosa terra fan que Galicia sexa unha das rexións máis chuviosas do país. Estas precipitacións distribúense de maneira sensiblemente uniforme ao longo de todo o ano, non habendo unha estación propiamente seca, aínda que si cun mínimo ben acusado nos meses de verán. Na maior parte do territorio, a precipitación anual media supera os 1.400 milímetros, chegando a rebasar os 2.000 nalgunhas áreas das zonas máis expostas aos ventos húmidos. E, aínda que predominan en xeral as choivas de carácter continuo e persistente, tamén se rexistran, con relativa frecuencia, precipitacións de carácter tormentoso que se distribúen desigualmente, segundo a época do ano. Así, durante o verán, as treboadas adoitan ser de tipo convectivo local (treboadas de calor), sendo máis habituais nas zonas do interior da rexión, principalmente en áreas montañosas nas que o efecto orográfico vén reforzar os ascensos convectivos. Pola contra, en inverno e primavera predominan as treboadas de tipo frontal, fenómenos que adoitan producirse en áreas próximas ás Rías Baixas e ao litoral noroccidental. É nestas zonas, curiosamente, onde, dentro de España, se rexistra o maior número anual medio de días de sarabia (nalgúns lugares ata 15 días).

CARACTERÍSTICAS DAS INUNDACIÓNS: ADOITAN IR PRECEDIDAS DE PERÍODOS DE CHOIVA CONTINUADA, AÍNDA QUE AUMENTARON AS CHOIVAS TORRENCIAIS

Sacando algún caso de inundación puntual por unha precipitación intensa moi forte nun curto período de tempo (algo que, co cambio climático, cada vez acontece máis a miúdo, como estamos vendo), as inundacións que teñen lugar en Galicia sempre van precedidas de períodos de choiva continuada no tempo e un ou varios días a continuación con fortes precipitacións en períodos de tempo curtos. Así, as causas das inundacións que teñen lugar na nosa terra son clasificadas polo Inungal en tres tipos: inundacións por precipitacións 'in situ', que son aquelas que se producen por choivas moi intensas en zonas moi concretas e que destacan polos graves danos que causan nas contornas urbanas, sobre todo despois dun período prolongado sen choivas, por falta de limpeza das cunetas e os desaugues; inundacións por escorrentía ou desbordamento de leitos, que poden estar provocadas ou potenciadas polas choivas, o desxeo, a obstrución de leitos naturais ou artificiais, a acción das mareas...; e inundacións por rotura ou operación incorrecta de obras na infraestrutura hidráulica. Aínda que é relativamente frecuente que as inundacións se presenten como consecuencia destas causas combinadas.

CONCELLOS CON MAIOR RISCO: PADRÓN, VALGA, PONTECESURES, CATOIRA, DODRO E RIANXO

Sabendo todo isto, cales son as áreas con maior risco de sufrir inundacións? De acordo co Inungal, do total de 313 concellos galegos, 170 presentan risco por inundacións, se ben non todos no mesmo grao: 6 concellos están en alto risco (Padrón, Valga, Pontecesures, Catoira, Dodro e Rianxo); 41 en risco medio (A Rúa, Barbadás, Beade, Cabana, Caldas de Reis, Cambados, Cambre, Carballeda de Avia, Cenlle, Culleredo, Leiro, Lugo, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ponteceso, Portas, Ribadavia, Ribadumia, Sarria, Verín, Vigo, Vilamartín de Valdeorras, Vilanova de Arousa, Vimianzo, Xinzo de Limia, Zas, A Coruña, A Pontenova, As Nogais, Baiona, Camariñas, Cambre, Cervo, Culleredo, Gondomar, Laxe, Navia de Suarna, Nigrán, Oleiros, Riotorto, Viveiro e Xove); 85 en risco baixo (A Estrada, A Guarda, A Pastoriza, A Pobra do Caramiñal, Alfoz, Allariz, Ames, Arteixo, As Pontes, Baños de Molgas, Barreiros, Barro, Begonte, Bergondo, Betanzos, Brión, Bueu, Burela, Cangas, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Castro de Rei, Cedeira, Cee, Cerdido, Coirós, Coristanco, Cospeito, Cuntis, Dumbría, Fene, Ferrol, Fisterra, Foz, O Grove, Lobios, Lourenzá, Maceda, Malpica, Meira, Melide, Moaña, Mondariz-Balneario, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Mos, Muros, Muxía, Narón, Neda, Negreira, Noia, O Porriño, Oia, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Paderne, Pantón, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Quiroga, Redondela, Ribadeo, Ribeira, Rois, Sada, Salceda de Caselas, Samos, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo, Tomiño, Tordoia, Tui, Valdoviño, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa); e 38 en risco moi baixo (A Bola, A Pobra de Brollón, Boiro, Boqueixón, Bóveda, Chantada, Guitiriz, Láncara, Marín, Maside, Mazaricos, Meaño, Meis, Miño, Mondariz, Muras, O Carballiño, O Páramo, O Rosal, Oímbra, Pazos de Borbén, Pol, Porqueira, Rairiz de Veiga, Ribas de Sil, Rubiá, Salvaterra do Miño, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Taboadela, Touro, Trasmirás, Val do Dubra, Vedra, Vila de Cruces, Vilalba, Vilar de Barrio e Vilar de Santos).

Máis en concreto, os concellos considerados cunha perigosidade alta e un risco alto de inundación son Padrón, Valga, Pontecesures, Catoira, Dodro e Rianxo; os considerados con perigosidade media-baixa e risco alto son A Rúa, Barbadás, Beade, Cabana, Caldas de Reis, Cambados, Cambre, Carballeda de Avia, Cenlle, Culleredo, Leiro, Lugo, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ponteceso, Portas, Ribadavia, Ribadumia, Sarria, Verín, Vigo, Vilamartín de Valdeorras, Vilanova de Arousa, Vimianzo, Xinzo de Limia e Zas; os considerados de perigosidade alta e risco medio-baixo son A Coruña, A Pontenova, As Nogais, Baiona, Camariñas, Cambre, Cervo, Culleredo, Gondomar, Laxe, Navia de Suarna, Nigrán, Oleiros, Riotorto, Viveiro e Xove; e os de perigosidade media-baixa e risco medio-baixo son A Estrada, A Guarda, A Pastoriza, A Pobra do Caramiñal, Alfoz, Allariz, Ames, Arteixo, As Pontes, Baños de Molgas, Barreiros, Barro, Begonte, Bergondo, Betanzos, Brión, Bueu, Burela, Cangas, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Castro de Rei, Cedeira, Cee, Cerdido, Coirós, Coristanco, Cospeito, Cuntis, Dumbría, Fene, Ferrol, Fisterra, Foz, O Grove, Lobios, Lourenzá, Maceda, Malpica, Meira, Melide, Moaña, Mondariz-Balneario, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Mos, Muros, Muxía, Narón, Neda, Negreira, Noia, O Porriño, Oia, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Paderne, Pantón, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Quiroga, Redondela, Ribadeo, Ribeira, Rois, Sada, Salceda de Caselas, Samos, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo, Tomiño, Tordoia, Tui, Valdoviño, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

UN TOTAL DE 51 CONCELLOS DEBEN CONTAR CUN PLAN DE ACTUACIÓN MUNICIPAL OBRITARIO, E OUTROS 45 É RECOMENDABLE QUE O TEÑAN

Ademais, xunto a estes niveis de risco habería que ter en conta outros factores como que na costa galega as mareas vivas poden chegar aos 3,5 metros, algo que supón unha forte afectación porque a Galicia costeira atópase na súa maioría moi urbanizada e, non en poucos casos, como se recolle no propio Inungal, enturbáronse os cauces dos ríos. Así mesmo, e aínda que as choivas en Galicia se caracterizaron dende sempre pola súa mediana intensidade e persistencia no tempo (o que conleva unha saturación do chan e unha posterior escorrentía), na última década constátase un incremento de cicloxéneses explosivas, con choiva e ventos moi fortes e de formación moi rápida (o que provoca que o chan non ten tempo de saturarse e pódese producir escorrentía de tipo torrencial). Ante fenómenos destas características, a rede de pluviais amósase insuficiente. Para coñecer as zonas con maior risco de precipitacións 'in situ' realizouse un estudo dos rexistros de incidencias por inundacións no CIAE 112 durante os últimos 10 anos para coñecer cales son os concellos máis sensibles a este tipo de inundacións e constatouse que todos están en núcleos urbanos e zonas de costa: Ferrol, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Arteixo, Cangas, Ponteareas, Ribeira, Redondela e Sada.

Así as cousas, son 51 os concellos que obrigatoriamente deben contar cun Plan de Actuación Municipal ante o Risco de Inundacións (PAM) son, na provincia da Coruña: A Coruña, Cabana, Camariñas, Cambre, Culleredo, Dodro, Ferrol, Laxe, Oleiros, Padrón, Ponteceso, Santiago de Compostela, Rianxo, Vimianzo e Zas; na de Lugo: A Pontenova, As Nogais, Cervo, Lugo, Navia de Suarna, Riotorto, Sarria, Viveiro e Xove; na de Ourense: A Rúa, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Leiro, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribadavia, Verín, Vilamartín de Valdeorras e Xinzo de Limia; na de Pontevedra: Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Gondomar, Nigrán, Pontecesures, Ribadumia, Pontevedra, Portas, Valga, Vilagarcía de Arousa, Vigo e Vilanova de Arousa. Ademais, é recomendable que tamén conten con PAM outros 45 concellos, na provincia da Coruña: Arteixo, Bergondo, Betanzos, Brión, Carballo, Cariño, Carnota, Cedeira, Cee, Cerdido, Coirós, Fene, Malpica de Bergantiños, Muros, Narón, Neda, Ordes, Paderne, Ribeira, Rois, Sada e Valdoviño; na de Lugo: Alfoz, Burela, Castro de Rei, Cospeito, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Ribadeo; na de Ourense: Baños de Molgas e Allariz; e na de Pontevedra: Barro, Bueu, Cangas, Cuntis, Mos, O Porriño, Oia, Ponteareas, Redondela, Tomiño, Tui e Vilaboa.

ACTUACIÓNS, MEDIOS E RECURSOS EN FUNCIÓN DAS DIFERENTES FASES DA EMERXENCIA POR INUNDACIÓNS

Agora ben, en caso de producirse unha inundación, como actuarían os profesionais? Pois no Inungal recóllense tres fases ben diferenciadas ante emerxencias: fase de seguimento ou preemerxencia, identificada como unha situación que, por evolución desfavorable, pode dar lugar a unha emerxencia, polo que o obxectivo é alertar ás autoridades e servicios implicados, así como informar á poboación potencialmente afectada, adoitando chegar coa posta en funcionamento ordinario dos servizos de Protección Civil, sen maior mobilización de recursos ou cunha mobilización mínima; fase de emerxencia, que se dá cando a inundación é inminente ou cando xa comezou, dentro da que se poden dar tres situacións: inundacións en zonas localizadas, inundacións que superan a atención dos medios e os recusos locais cos que se conta e inundacións que poñen en xogo o interese nacional e son así declaradas polo Ministerio de Interior; e fase de recuperación ou normalización, posterior á emerxencia, e que se prolonga ata o restablecemento das condicións mínimas imprescindibles para unha volta á normalidade nas zonas afectadas pola inundación. Todas elas están dotadas cos recursos materiais e humanos precisos.

CONSELLOS PARA A POBOACIÓN XERAL E OS CONDUTORES

Ademais, o Inungal tamén recolle unha serie de consellos de prevención para a poboación ante un período de choivas: evitar os desprazamentos en coche; retirar os obxectos que poidan ser arrastrados pola auga, sobre todo os que poidan ocasionar contaminacións; revisar o estado dos desaugues próximos; evitar saídas ao monte e excursións ao aire libre; coñecer os sinais de alarma (sereas, campás da igrexa...), vías e lugares de evacuación, medios a empregar...; ter preparado un botiquín de primeiros auxilios e os medicamentos que se usan permanente ou esporadicamente; ter preparada unha lanterna e unha radio de pilas secas e cargadas; ter os produtos tóxicos fóra do alcance da auga; ter reservas de auga e alimentos e un equipo de emerxencia para cociñar; revisar periodicamente o tellado e as baixadas de auga e eliminar a acumulación de terra, follas e outros materiais que poidan obstaculizar o paso da auga cara o sumidoiro ou cuneta máis próximos; coñecer a altura do lugar máis alto da vivenda; colocar fóra do alcance das augas os bens e obxectos de valor.

E tamén as medidas a tomar durante unha situación de alarma ou emerxencia: prestar atención ao sinal de alarma e sintonizar a emisora local ou televisión; usar o teléfono só para comunicarse coas autoridades; retirar do exterior obxectos que poidan ser arrastrados polas augas; non estacionar coches en canles secos nin ao lado dos ríos; desconectar todos os aparatos eléctricos; se se chega a producir unha inundación na vivenda, abandonar sotos e plantas baixas; alonxarse de ríos, torrentes, pontes e zonas susceptibles de inundación e ter precaución de non atravesar unha zona inundada, nin a pé nin en coche; e alonxanse das zonas baixas de ladeiras e montes nas que poderían darse avalanchas. E tamén se dán recomendacións para os condutores: se ten que realizarse unha viaxe, circular, preferentemente, por estradas principais e autoestradas; se hai problemas de visibilidade, estacionar o coche nun lugar seguro; retirar os vehículos das zonas nas que se poidan producir balsas e de garaxes susceptibles de inundarse; non atravesar, aínda que se coñeza ben a estrada, zonas inundadas ou pontes cubertas de auga porque a forza da auga podería arrastrar o coche; evitar viaxar de noite, cando os perigos son máis difíciles de detectar.

Estragos da DANA
Estragos da DANA | Fonte: EFE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta