Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/03/2025 | Actualizada ás 15:28
Outra vez os técnicos serán os que teñan que decidir sobre o futuro do Hospital Materno Infantil de Ourense tras o derrube de parte do falso teito da súa terceira planta. "Os que teñen que decidir son os técnicos", respondía este luns Alfonso Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta sobre este incidente. "Son os técnicos que analizaron ese derrubo e se eles garanten que se pode continuar prestando servizos, pois continuaremos, e se hai que tomar algunha medida non teña dúbida de que a atomaremos", indicaba. "Afortunadamente, non houbo danos persoais", engadía.
O Sindicato Médico de Galicia (Simega) denunciou a "lamentable" situación na que se atopa o Hospital Materno Infantil de Ourense tras este accidente, esixindo ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) unha "solución urxente" para evitar máis accidentes. Nun comunicado, o sindicato afirmou que existe un "risco real" tanto para profesionais como para pacientes pola "falta de mantemento" do edificio desde fai "máis dunha década", o que "non fixo máis que acrecentar a deterioración das instalacións".
"Traballadores do centro explican que hai máis de 10 anos anunciouse que se derrubaría o Materno para a construción dun novo centro, e desde entón o mantemento foi practicamente inexistente, de aí a sucesión de accidentes, sendo este xa o terceiro, pois unha pediatra resultou ferida leve na súa consulta pola caída dun teito meses antes do desprendemento do paritorio, suceso que non transcendeu, e agora pregúntanse se é que ten que haber feridos graves para que se adopten medidas", engadiu Simega, celebrando que "milagreiramente" nesta ocasión non se producisen danos persoais.
A AREA SANITARIA APUNTA A UNHA COMBINACIÓN DE FACTORES
Así, este derrube reavivou a preocupación polas malas condicións do inmoble, debido a que non é o primeiro incidente deste tipo no centro hospitalario. A finais de 2023, unha parte do teito da sala de partos tamén se esborrallou, o que provocou danos materiais. Desde a área sanitaria de Ourense asegurouse que o equipo técnico iniciou unha revisión completa dos falsos teitos do edificio tras o incidente, atribuíndoo a unha combinación de factores, como as "bruscas oscilacións de temperatura e humidade dos últimos días, o envellecemento dos materiais e o sistema de ancoraxe obsoleta". Así, procedeuse á limpeza inmediata da área afectada o mesmo día da caída, e os traballos de reparación comezaron este luns. A dirección do hospital lembrou que está en marcha a construción dun novo bloque de hospitalización, ao que se trasladará a actividade do Materno Infantil antes da súa reforma integral.
CRÍTICAS DO PSOE
O Grupo Provincial Socialista denunciou "atrasos e mala xestión" na execución das obras do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) e esixiu explicacións tanto á Deputación de Ourense como á Xunta de Galicia. "Trátase dunha situación preocupante que reflicte non só problemas estruturais nas instalacións, senón tamén unha evidente falta de planificación e compromiso por parte da administración autonómica", afirmou Álvaro Vila, portavoz socialista na Deputación.
Vila lembrou que as obras do CHUO, iniciadas en 2020, estiveron marcadas por atrasos e queixas de traballadores e sindicatos, e denunciou que a seguridade nas instalacións está en dúbida. Ademais, o PSOE rexistrou preguntas na Deputación para esclarecer se as obras estiveron paralizadas nas últimas semanas e que medidas están a tomarse para garantir a seguridade de pacientes, persoal sanitario e visitantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.