Mulleres de sal. Rosa Pardo, redeira: "Somos esenciais, se nós non arranxamos as redes, os barcos non poden ir ao mar"

Comezou no oficio con 14 anos, cando as condicións laborais deixaban moito que desexar. Volveu a el tras 15 anos traballando en fábricas conserveiras pola gran vantaxe que ten ser redeira: a conciliación. Agora, aos seus 42 anos, enfróntase a un futuro incerto cun sector do mar en declive. "Mentres existan mariñeiros que saian faenar, existirán redeiras para reparar as súas redes". A pregunta é: ata cando existirán mariñeiros?

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/04/2025 | Actualizada ás 21:48

Comparte esta noticia

Durante séculos, as mulleres do mar sempre estiveron aí: cosendo redes, descargado caixas, recollendo marisco a pé, levantándose pola noite, coidando a casa mentres os seus maridos faenaban. Sostiveron un oficio, unha comunidade e unha cultura. Pero, a miúdo, permaneceron invisibles, relegadas á marxe das historias oficiais do mar. Con esta serie de reportaxes Galicia Confidencial quere mirar de fronte a esas mulleres: darlles voz, nome e espazo. Reivindicar o seu papel presente, pasado e futuro nun dos sectores máis emblemáticos de Galicia. Porque, sen elas, o mar galego non se entende. Hoxe son máis de 4.000 as mulleres que traballan directamente no sector pesqueiro galego, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), principalmente en actividades como o marisqueo a pé, as conservas e as tarefas de redaría. Aínda así, a súa visibilidade e recoñecemento continúan sendo moi inferiores ao seu peso real no sustento da cadea mar-industria. Comezamos a nosa serie falando cunha das figuras máis representativas e, ao mesmo tempo, máis silenciadas: a redeira. A muller que cose o mar con fío e agulla.

Rosa Pardo, redeira en Portosín
Rosa Pardo, redeira en Portosín | Fonte: GC

Rosa Pardo é redeira en Portosín, vila pertencente ao concello de Porto do Son. Ten agora 42 anos e comezou no oficio de redeira con só 14. "Cando rematei o que por aquel entón se chamaba EGB --educación obrigatoria-- tiña claro que non quería estudar. Sempre aprobei todo, pero non me gustaba, así que decidín poñerme a traballar", conta ao GC. "Ao lado da miña casa vivía unha tía-avoa que era redeira. Estaba solteira e non tivera fillos, así que para ela meu pai era coma o seu fillo, polo que cando tiña que traballar, como a súa casa era moi pequeniña, viña para a nosa", sinala. Así, Rosa creceu vendo como os mariñeiros lle traían á súa tía-avoa as redes para arranxar e como ela traballaba. "Cando chegaba da escola poñíame a tecer coas agullas e pouco a pouco fun aprendedo e dándome conta de que me gustaba moito", lembra, visiblemente emocionada. Ademais da súa tía-avoa, cómpre destacar que toda a familia de Rosa era e segue sendo mariñeira: o seu pai era mariñeiro, o seu irmán tamén, o seu avó tamén... Finalizada a educación obrigatoria, o seu pai preguntoulle que quería facer, estudar ou traballar, e ela non dubidou nin un minuto en dicirlle que traballar, e, ademais, de redeira.

"COMECEI CON 14 ANOS, COBRANDO 500 PESETAS (3 EUROS) POR 8 HORAS AO DÍA; AVANZOUSE MOITO NAS CONDICIÓNS LABORAIS, PERO AÍNDA QUEDA POR FACER"

Así foi como con 14 anos Rosa se puxo á fronte dunhas agullas e comezou a reparar e tecer redes de pesca. Cinco anos botou no oficio, ata os 19, pero lamenta que "deixeino non porque non me gustase, senón porque, daquela, non estabamos nin aseguradas, nin cobrabamos por hora". De feito, lembra que "comecei cobrando 500 pesetas por traballar 8 horas ao día, o que a día de hoxe serían uns 3 euros". Foi por iso que, "cando saquei o carné de conducir, comprei o meu cochiño e marchei traballar para as fábricas". Dende esa estivo sempre en fábricas conserveiras da Pobra do Caramiñal, Ribeira e vilas próximas a Portosín, onde as condicións laborais eran bastante mellores que as que tiñan as redeiras por aquel entón. "Nas fábricas estiven moi ben, porque estaba asegurada, tiña o meu salario, traballaba as miñas horas... Así que botei así 15 anos", conta. Sen embargo, foi a falta de conciliación a que lle fixo volver aos seus comezos, ao mundo das redes. "A conciliación é o grande atractivo que ten este oficio", resalta, sen lugar a dúbidas. Rosa precisaba de tempo porque a súa vida persoal se truncou cando o seu pai enfermou de cancro e a súa nai tamén se puxo mal de saúde. "Dexei as fábricas para poder coidalos", sinala. "Nunha fábrica ti tes que fichar e cumprir as túas horas, podes ter os teus días por asuntos persoais ou por enfermidade, pero acabouse, mentres que aquí cada unha fai o seu horario adaptado ás súas necesidades", resalta.

Por sorte, cando volveu a ser redeira, as condicións melloraran con respecto a como ela as pillara no seu día, aínda que aínda queda por mellorar. "Avanzouse moito, pero aínda quedan cousiñas por facer", reivindica. Entre esas cousas, ela sinala dúas fundamentais: "Acadar un mellor salario e que as redeiras estean recoñecidas na Lei de Pesca de Galicia como parte do sector do mar". E é que, por incríble que pareza, a día de hoxe non o están. "E iso a pesar de que, supostamente, considérannos un traballo esencial, porque, por exemplo, cando foi a pandemia, os barcos estaban parados sen saír ao mar, pero nós tiñamos que estar traballando 12 horas ao día, porque dicían que eramos esencias", conta entre chances Rosa, pois parécelle incríble "que digan que somos esenciais cando ninguén nos coñece". "Fun o outro día ao traumatólogo a Santiago e non sabía cal era o oficio de redeira nin en que consistía, tivo que buscalo en Google", escacha á risa, aínda que cunha visible molestia no seu rostro. "Algo se está facendo mal, porque a ollos da sociedade seguimos sendo invisibles", lamenta, considerando que un primeiro paso para deixar de selo podería ser a súa inclusión na Lei de Pesca. "Se nós non arranxamos as redes, os barcos non poden ir ao mar", asevera.

Rosa Pardo, redeira en Portosín
Rosa Pardo, redeira en Portosín | Fonte: GC

"DENDE QUE EXISTEN AS REDES, EXISTEN AS REDEIRAS, PERO ANTES NON SE VÍA COMO UN TRABALLO, SENÓN UN COMPLEMENTO DAS TAREFAS DO FOGAR"

O oficio de redeira é tan antigo como o momento no que o primeiro mariñeiro saíu ao mar. A historiografía sinala que tería comezado no século XIX en Galicia, pero o certo é que sen ser recoñecido tivo que existir dende moito antes. Dende que comezou a pesca con redes houbo mulleres encargadas da súa confección, reparación e mantemento, aínda que durante moito tempo non fosen recoñecidas como traballadoras do sector. "Dende que existen as redes, existen as redeiras, ou os redeiros...", sinala Rosa, pois lembra que, "antes eran os propios mariñeiros os que reparaban as súas redes, ata que, como as mulleres eran as que estaban na casa, comezaron a botar unha man, tanto no mundo do arranxo das redes como no da venda do peixe que pescaban os seus maridos". Con todo, "estes traballos non foron considerados oficios como tal ata ben tarde, pois eran vistos máis ben como un complemento das tarefas do fogar propias das mulleres", lamenta. Sen embargo, a finais do século XX estas mulleres comezaron a organizarse e reclamar dereitos laborais propios. Un momento crave foi a década de 1990, cando as redeiras comezaron a asociarse e a loitar polo recoñecemento oficial da súa profesión. No 2009 lograron que se aprobara a súa inclusión no réxime especial do mar da Seguridade Social, e, no 2011, publicouse o recoñecemento oficial da profesión de redeira como ocupación no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, consolidando así décadas de loita polos seus dereitos laborais.

Lonxe quedan aqueles tempos nos que tamén había homes redeiros, mariñeiros que reparaban as súas propias redes, pois, a día de hoxe, como sinala Rosa, "en Galicia somos unhas 350 redeiras --hai uns anos eran moitas máis: no 2006, estimábase que 1.800; no 2016, segundo os datos rexistrados no Réxime Especial do Mar, 541; para 2023, a cifra quedara en 375, o que supón unha perda de case o 40 % dende o ano 2016--". "Pode haber arredor dun 5 % de homes redeiros, a maioría de fóra de Galicia e adicados ás redes para a pesca de arrastre, que son as máis pesadas e duras, pero a práctica totalidade de redeiras somos mulleres", resalta. E a que pode deberse esta falta de interese no oficio dos homes? Rosa teno claro: "Porque isto nunca foi visto, ata fai ben pouco, como un oficio, era un complemento salarial e por iso se foi ligando á muller". "Se fose un oficio con mellores condicións e no que se cobrase ben, fixo que tiñamos máis homes redeiros", considera.

"CANDO CHEGAN OS BARCOS DÉIXANNOS AS REDES CON AVARÍAS, ALGUNHAS DAS CALES TES QUE ARRANXAR A CONTRARRELOXO PARA O MESMO DÍA"

As redeiras non só arranxan as redes, traballo ao que moitas veces quedan reducidas a ollos da sociedade. As redeiras fan moito máis: "Nós facemos todo, dende o deseño ata a creación e os arranxos, de redes de cerco, palangre, artes menores...", sinala Rosa, que reivindica que "estamos presentes dende o comezo ata o final de cada rede". Agora ben, non todas lle consumen o mesmo tempo. Se tivese que sinalar as redes máis complicadas de manexar, diría que son as de cerco. "O cerco é, das catro artes que compoñen con redes, a máis difícil", asegura ensinándonos un aparello para capturar sardiña que ten 800 metros de longo. "Para aprender a tecer en cerco ninguén che quita de 3 a 5 anos de aprendizaxe, porque é o máis difícil", afirma, detallando ademais que, "estas redes non son iguais na súa totalidade, senón que teñen moitísimas partes, nalgunhas hai rede pequena, noutras rede máis gorda, logo vai o corcho para que frote, as cadenetas...". "É coma montar un puzzle, leva tempo e paciencia", chancea Rosa.

E como é o día a día desta redeira? "Eu estou aquí na nave e, cando chegan os barcos de realizar a súa ruta, veñen aquí os mariñeiros e déixannos as redes con avarías, por así dicilo", explica. "Nós identificamos a avaría e logo temos que compoñer de novo a rede, e non de calquera maneira, porque ás veces podemos unir a parte rota, pero outras veces non, porque falta un cacho grande, polo que o que facemos é meter outro cadrado de rede novo", sinala, a grandes rasgos. E canto traballo hai? Pois moito, porque, como di Rosa, "as redes rompen case a diario, porque se traballa a diario". Ademais, "hai avarías que tes que arranxar no mesmo día que chas traen, porque o barco vén pola mañá e á tarde ten que volver saír, e non pode facelo sen redes, así que neses casos toca traballar a contrarreloxo". Neses casos complicados nos que o traballo se acumula, porque tamén pode darse o caso de que rompan redes en varios barcos á vez, as redeiras da nave de Portosín axúdanse as unhas ás outras. "Normalmente cada unha traballa xa para o seu barco, pero se temos unha avaría moi grande si que botamos unha man ás compañeiras e axudámonos entre nós", asegura Rosa.

"DEBERÍA HABER INCENTIVOS PARA QUE OS ARMADORES CONTRATEN REDEIRAS, PORQUE HAI MOITAS AUTÓNOMAS E TODAS QUERERÍAN TER UN CONTRATO"

O sector do mar é unha cadea na que, se cae unha das súas compoñentes, van todas as outras detrás. E, actualmente, a cousa non está fácil. "A de Portosín é unha das frotas máis importantes de Galicia, pero agora hai moitísimo problema de cotas, reducíronas moito e o peixe vale moi pouco", lamenta Rosa. Así, aínda que ela ten a sorte de estar contratada como redeira para un barco en específico, ao igual que outras dúas compañeiras, co seu soldo fixo todos os meses, "a maioría das redeiras son autónomas, traballan para o que lles veña". Lembra que houbo un tempo no que si houbo unha especie de cooperativa na que as redeiras de Portosín traballaban todas en conxunto e repartían o traballo que lles ía chegando, pero non saiu adiante, porque "moitos mariñeiros prefiren ter a súa redeira de confianza". Aínda que sinala que hai outros lugares de Galicia nos que seguen operando en cooperativa, como por exemplo en Malpica. No caso concreto de Rosa, "eu non podo ser autónoma, porque teño a miña hipoteca ao mes e os meus fillos que manter, e non quero estar pensando se cobrarei ou canto cobrarei o mes que vén, preocupación que sendo autónoma sempre vas ter". Por iso, considera que o ideal sería que os armadores puidesen ter contratadas redeiras para os seus barcos.

"Unha das reivindicacións que facemos sempre é precisamente que haxa incentivos para que os armadores se animen a contratar redeiras", apunta Rosa. E é que, "aínda que co logro do coeficiente redutor e o seguro subvencionado unha redeira autónoma paga ao mes arredor de 250 euros, os meus xefes por min están pagando 500 euros ao mes", algo que comprende que "non resulta atractivo para ningunha empresa". Para esta redeira non hai dúbida de que, as súas compañeiras, se puidesen estar contratadas, optarían por esa opción, por todas as vantaxes que ten: "Tes as túas vacacións, dereito a paro, días libres e outros dereitos que como autónomo non tes". Con todo, confesa que "entendo perfectamente que haxa barcos que non poidan asumir o pagar ao mes un soldo máis e 500 euros de Seguridade Social enriba", polo que "optan por pagar o traballo dunha redeira de maneira puntual, no día que se lles rompe a rede". Fronte á falta de incentivos para estes armadores, contrapón o que acontece nas fábricas: "Nas fábricas hai incentivos para que os empresarios contraten xente, subvencionando os seguros de traballadores con certas condicións".

"CADA VEZ HAI MENOS FROTA E ISTO É UNHA CADEA, SE CAEN OS BARCOS, CAEMOS NÓS, E SE NON GAÑAN CARTOS, TIRARÁN COAS REDES COMO POIDAN"

Chegados a este punto, seguramente a pregunta, como acontece en moitos outros sectores, é: non poden as novas tecnoloxías chegar a substituír a estas mulleres? Pois aínda que na maioría de traballos a resposta adoita ser si, non é o caso das redeiras. "Este é un oficio moi artesanal, porque unha avaría é imposible reparala ben cunha máquina, xa pode vir o mellor robot do mundo", destaca Rosa, que se amosa moi tranquila neste senso de cara ao futuro: "É imposible que nos reemprace unha máquina, porque moitas veces xa a nós mesmas nos custa". "Hai veces nas que hai moito que pelexar coa rede e dárlle á cabeza, pensando en como poñer cadradiño por cadradiño para que todo quede ben unido", explica, reivindicando que "somos esenciais no noso proceder e ímolo ser toda a vida, mentres exista a pesca". Ademais, o relevo xeracional, aínda que agora a idade media está bastante alta, non é un problema, pois "cando ofertamos cursos cubríronse todas as prazas". De feito, todo o contrario, "hai máis xente que quere traballar que traballo dispoñible para ofrecerlles, por iso moitas redeiras non están desenvolvendo o seu oficio".

Así as cousas, entendendo que redeiras sempre haberá mentres haxa pesca, a pregunta entón é: ata cando existirá a pesca? Rosa non se amosa demasiado optimista co futuro do sector. "Cada vez hai menos frota e isto é unha cadea, se caen os barcos, caemos nós tamén", lamenta. Por poñer un exemplo, sinala que "acaba de comezar a campaña da anchoa no País Vasco e moitos barcos viven do que alí se pesca para o resto do ano, e este ano repartíronse a cota, polo que cada un ten eses quilos determinados para pescar, que cada vez son menos, e así teñen que safar". "Os barcos dependen de nós e nós dependemos dos barcos", resalta, pero tamén se amosa consciente de que, "se os barcos que queden non gañan cartos, tampouco van arranxar as redes da mesma maneira, intentarán tirar co que teñen ata onde poidan". E é que por exemplo, no caso de Rosa, ela traballa nas redes correspondentes a cada campaña tres meses antes do seu comezo, para que, chegado o momento de saír ao mar a por sardiña, bocarte ou pescada, as redes estean en perfectas condicións. Desta maneira, ten traballo garantido todo o ano. "Se os armadores non tivesen moitos cartos, igual tirarían coas redes do ano pasado e non farían melloras nelas que non fosen estritamente precisas", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta