Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 31/03/2025 | Actualizada ás 18:40
A Consellería de Sanidade e a Asociación Española contra o Cancro (AECC) asinaron este luns un acordo por catro anos --prorrogables-- para impulsar programas de detección temperá de enfermidades oncolóxicas, lanzar campañas de hábitos de vida saudables e liñas de apoio psicolóxico a pacientes e familiares, entre outras accións. O protocolo foi ratificado polo conselleiro do ramo, Antonio Gómez Caamaño, e ao presidente da AECC en Galicia e na provincia de Ourense, Germán Rodríguez-Saa. Tamén contou coa asistencia dos outros tres presidentes provinciais, Manuel Aguilar (A Coruña), José Manuel Rozas (Lugo) e Blanca García (Pontevedra); así como da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.
Tal e como se recolle no documento asinado, ambas as institucións comprométense a impulsar campañas de educación e concienciación dirixidas á poboación, promovendo hábitos de vida saudables; a desenvolver e facer seguimento aos programas de detección temperá de cancro que leva a cabo Saúde Pública; e a prestar apoio e acompañamento psicolóxico e social aos pacientes e aos seus familiares. Ademais, a colaboración inclúe a promoción da formación do persoal sanitario e outros profesionais do ámbito oncolóxico, así como a investigación neste campo da saúde.
MÁIS DE 2.600 CASOS DETECTADOS NOS CRIBADOS
O acto celebrouse este luns, 31 de xaneiro, Día Mundial contra o Cancro de Colon. Sanidade lembra que Galicia conta, desde 2013, cun programa de detección precoz desta enfermidade e que leva diagnosticados, ata decembro de 2023, un total de 2.618 casos, o 65 % en fase inicial. Desde o inicio deste programa, a Xunta enviou máis de 2,6 millóns de invitacións a participar (270.000 o ano pasado), o que supón preto dun 99 % de homes e mulleres de 50 a 69 anos. En 2023, acudiron o 54 %.
Segundo datos da AECC, o ano pasado detectáronse 2.839 novos casos de cancro de colon en Galicia. Por provincias, A Coruña contou con 1.160, Pontevedra con 920, Lugo con 383 e Ourense con 375 diagnósticos en 2024. A mesma entidade lamenta que en torno ao 46 % da poboación chamada a participar no cribado do programa galego non acuda, o que implica que máis de 360.000 persoas non o fixeron. Neste sentido, a AECC advirte que son 10 puntos menos que o requirido para considerar este cribado como eficaz e e insta á realizar a proba.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.