Chamado a participar na concentración do domingo pola "emerxencia lingüística": "Sen presión social, o goberno non fará nada"

Queremos Galego insta á Xunta a iniciar un proceso "transparente, amplo e coa participación das entidades sociais galegas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 13/11/2024 | Actualizada ás 15:10

Comparte esta noticia

Colectivos políticos, sindicais e asociacións de diferente índole fixeron un chamamento para que a sociedade galega participe este domingo nunha concentración e "gran asemblea multitudinaria" na compostelá Praza da Quintana ante a "emerxencia lingüística extrema" que vive a lingua galega. Así o explicaron nunha rolda de prensa representantes da Plataforma Queremos Galego, que nun principio convocara unha manifestación para ese día. A concentración, que mantén o lema 'Mudemos ou rumbo. Polo futuro do galego', será unha "gran convocatoria" pola lingua que terá lugar ás 12.00 horas e que empezará e terminará na propia praza.

Durante a rolda de prensa, o portavoz da Plataforma, Marcos Maceira, debullou os detalles do acto e explicou que se lerá unha declaración unitaria, que aínda continúa aberta, e que xa asinaron 167 colectivos "de moi diferente tipo". Deste xeito, as entidades asinantes instan á Xunta a iniciar un proceso "transparente, amplo e coa participación das entidades sociais galegas", dotado cun calendario de aplicación inmediata, mecanismos de avaliación e recursos. "Este proceso debe partir dos obxectivos contemplados nos acordos comúns, amplos e unánimes xa tomados como a Lei de Normalización Lingüística, a Lei Paz Andrade ou o Plan Xeral de Normalización de 2004", esgrimiu a xornalista Tereixa Navaza. Navaza incidiu en que sen presión da sociedade respecto da situación que vive a lingua galega, "o goberno non fará absolutamente nada", un goberno que tachou de "iletrado".

CARACTERÍSTICAS DA CONCENTRACIÓN

Respecto das características do acto, Maceira explicou que este será o inicio dun movemento "moito máis amplo" e que a concentración do domingo contará coa actuación musical de Tanxugueiras. Ademais, sinalou que nesta "gran asemblea" tamén se decidirán as liñas xerais de acción para os próximos meses para lograr o "cambio de rumbo que o galego necesita". Ademais, Maceira subliñou que un dos obxectivos deste acto é empezar outro proceso de activación da sociedade galega "pola lingua que a une", así como lograr que "nunca máis" haxa pasos atrás na normalización.

"Non pode haber nunca máis pasos atrás para a lingua galega, os desprezos e ataques á lingua propia de Galicia impulsados pola Xunta nos últimos 15 anos non poden repetirse", reivindicou o portavoz da plataforma. Por outra banda, denunciou a falta de respostas do Executivo galego ás solicitudes para reunirse con entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística, "o que non axuda a confiar en que teñen verdadeira intención de iniciar ningún tipo de proceso". Neste sentido, lembrou que o próximo 30 de abril estarán nas Nacións Unidas para denunciar "os incumprimentos dos acordos nacionais e internacionais" ou determinados aspectos relacionados cos dereitos humanos ou o uso do galego.

Queremos Galego chama a participar este domingo na 'gran asemblea' convocada ante a 'emerxencia lingüística extrema'
Queremos Galego chama a participar este domingo na 'gran asemblea' convocada ante a 'emerxencia lingüística extrema' | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta