José Antonio Gigirey, bombeiro en Valencia: "Levo anos de servizo e nunca vin cousa así, con tantos mortos"

José Antonio Gigirey Amado forma parte do Grupo de Bombeiros de Santiago e forma parte do grupo de dez voluntarios que foron axudar nas tarefas de recuperación despois do desastre da DANA. No momento de falarmos con el viñan de Paiporta, a "zona cero" das inundacións, antes estiveran en Alfafar. Falamos brevemente con el para que nos explique cales son os traballos que realizan nesa zona e como distribúen as tarefas ademais de describirnos o estado en que ven á xente do lugar

Por Moncho Mariño | Santiago | 15/11/2024 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

-Como se organizou o operativo para desprazar bombeiros de Santiago até València para axudar nos labores de axuda á poboación?

Bombeiros de Santiago en Valencia
Bombeiros de Santiago en Valencia | Fonte: José Antonio Gigirey

Primeiro, coa colaboración do Concello pois é quen dá o permiso para vir, basicamente porque estás traballando fóra da túa área xeográfica de competencia. Isto tamén suma que, por non sermos voluntarios senón profesionais, o Concello tamén debe permitir cambios nas quendas de traballo para seren cubertas por outros compañeiros que quedan en Santiago. Logo, todo isto organizouse mediante grupos de Whatsapp e no grupo dos bombeiros de Santiago enviouse mensaxes anunciando a dispoñibilidade de persoal para vir a València. Todos os que viñemos fixémolo voluntariamente, para iso organizamos dous grupos de cinco persoas. O primeiro grupo chegou a semana pasada e nós chegamos esta semana para relevalos e quedamos até o mércores 13 de novembro. Os que viñemos fomos aqueles que primeiro se apuntaron no grupo, había máis xente apuntada para vir da que realmente puido vir ao final.

-Enviouse material desde Santiago para traballardes nesa área?
Chegou unha furgoneta cun remolque con varias ferramentas sobre todo en previsión de seren utilizadas, algunhas si se usaron e outras non. Entre o material enviado están as bombas de desaugue, unha motobomba, equipo de escarceración por se facía falta e logo EPIs, caixas de ferramentas, extensións eléctricas e aquilo que nós pensamos podería ser útil aquí.

-Organizádesvos por quendas de día e de noite?
Non, as tarefas organízanse polo día, desde a mañá até a tarde cando xa imos quedando sen luz diurna. Logo pola noite descansamos nunha vila cerca de València que se chama Puzol, aloxámonos nun hotel e cerca del hai un parque dun consorcio de bombeiros de València onde deixamos todo o material. Cando chegamos pola noite limpamos todo porque, xa che dito, está todo cheo de lama.

-Tamén está a cuestión de organizar as tarefas que se vos asignan. Cal é a maneira de facer isto en orde?
Aquí temos un posto intermedio que vén desde a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e despois hai un posto de mando avanzado que é de València. Nós estamos coordinados polo posto da AXEGA, así temos todos os días un de intervención, ás veces cunha acción específica de traballo, ou buscar persoas ou axudar aos veciños e veciñas que nolo pidan por se teñen algún problema.

Bombeiros de Santiago en Valencia
Bombeiros de Santiago en Valencia | Fonte: José Antonio Gigirey

-Cales son os principais traballos que tedes realizado até o momento ou que vos teñen encomendado?
Nesta quenda temos sobre todo baleirado de sotos e garaxes inundados, apertura de portas que non abren por estaren inchadas, dobradas ou por calquera outro motivo. Realmente, estamos ao que nos digan para podelo resolver desde as nosas capacidades.

-Existen diferenzas entre a maneira de traballar entre os profesionais de València e os que ides de Galicia?
Nós estamos nunha área onde hai moitas unidades procedentes de Galicia e realmente non temos moito contacto con persoal valenciano. Supoño que os profesionais de aquí teñen unha maior experiencia con fenómenos coma a DANA e as inundacións que veñen despois. Aínda así, o sistema de traballo é moi parecido.

-Esta é a primeira vez que ves as consecuencias dun temporal como foi a DANA que inundou esa zona?
Si, e nunca vin unha cousa coma esta. Levo anos dentro do servizo de bombeiros, estiben nos lumes de 2006, no Alvia, mais un desastre así impresiona pola extensión afectada e pola cantidade de xente que morreu.

-Cal é o principal elemento que máis dificulta o voso labor?
Agora mesmo a cantidade inmensa de lama e barro que hai por todas partes. É unha materia difícil de traballar porque se pega a todo, á ferramenta, ás máquinas, á roupa e tamén atranca as máquinas para baleirar de auga os lugares inundados. Tamén os vehículos están afectados por el, é un estrés permanente desde que empezas até que acabas.

-Tomastes algún tipo de precaución ante o risco de infeccións por culpa da auga estancada e sucia ou elementos que poidan resultar perigosos por transmisión de enfermidades infecciosas?
Os EPIs que empregamos son un traxe de risco biolóxico, por encima roupa de protección para termos o mínimo contacto coa auga e tamén dispomos de luvas contra risco biolóxico que xa levamos de Santiago. Todo isto é para actuar dentro de lugares pechados e anagados con augas contaminadas. Logo levamos gafas, máscaras e cascos.

-Como ves o ánimo da xente do lugar cando xa van días desde a DANA e recollendo o que queda do desastre?
Xa pasaron varios días e ven moita xente traballando nas rúas e iso dá ánimos dentro da situación que teñen. Mais isto haino que ver a medio ou longo prazo, un mes mínimo mais se dentro de dous meses a situación segue igual xa non haberá tanta man para axudar nas vilas. Mais agora mesmo vexo a xente con ánimo de sacar isto adiante.

Bombeiros de Santiago en Valencia
Bombeiros de Santiago en Valencia | Fonte: José Antonio Gigirey
Bombeiros de Santiago en Valencia
Bombeiros de Santiago en Valencia | Fonte: José Antonio Gigirey
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta