Todos os poemas de Manuel María

Galaxia edita unha antoloxía da obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2016, obra realizada por Xohán Cabara e Outeiro Portela.

Por GC Tendencias | Vigo | 04/02/2016 | Actualizada ás 11:19

Comparte esta noticia

Poética de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016, realizada por Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela e publicada pola Editorial Galaxia. Esta antoloxía recolle unha ampla mostra da enorme dimensión da obra poética de Manuel María e da variedade dos seus temas e formas, pensada para todo tipo de lectores que se queiran achegar por primeira vez á poesía do autor chairego e tamén para aqueloutros que queiran revisitar, recollidos nun só libro, poemarios lidos e poemas lembrados.

Manuel María
Manuel María

Os textos ordenáronse pola da data de escritura dos libros aos que pertencen. Para escollelos, tivéronse en conta todas as edicións realizadas en vida do autor e as distintas antoloxías da súa obra publicadas. Confrontouse un bo número de poemas coas edicións anteriores publicadas en revistas ou xornais. Dalgúns libros consultáronse tamén os mecanoscritos custodiados na Fundación Manuel María e orixinais do autor que forman parte da colección dos propios antólogos. O libro complétase cun limiar escrito polo poeta e académico Darío Xohán Cabana, no que se estuda de maneira sintética e accesible a obra de Manuel María, os seus diferentes períodos, temas e aspectos formais.

Biografía

Manuel María (Outeiro de Rei, Lugo, 1929 - A Coruña, 2004) vive a nenez e a adolescencia como calquera outro neno do mundo rural. Aos 19 anos pronuncia no Círculo das Artes de Lugo a súa primeira conferencia; integrase na tertulia luguesa do café Méndez Núñez, invitado polo poeta Luis Pimentel, na que participan tamén escritores como Ánxel Xohán, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro e Carballo Calero. Convértese en editor da revista Xistral —onde publica os seus primeiros poemas en galego—, e escribe o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas, que sairá en 1950 na colección Benito Soto, de Pontevedra.

Inicia os estudos e prácticas de procurador dos tribunais, publica o seu segundo poemario e gaña o Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Buenos Aires. No verán de 1953 escribe a primeira redacción de Terra Chá, que é un verdadeiro reencontro coa vida chairega e coas súas raigames labregas.

Capa da Anotoloxía Poética de Manuel María
Capa da Anotoloxía Poética de Manuel María

Na década de 1960, o compromiso de Manuel María lévao a participar en acontecementos coma a presentación de Raimon e da Nova Canción Galega, a edición de discos en colaboración coa discográfica EDIGSA e a inaugu- ración da Libraría Xistral. No eido creativo, a súa voz é cada vez máis comprometida e combativa: Versos para un país de minifundios, Versos para cantar en feiras e romaxes, Remol e Canciós do lusco ao fusco. 

Da súa ampla obra posterior, cómpre salientar Poemas ó outono (1977), A luz resucitada (1984), Oráculos pra cabaliños do demo (1986), As lúcidas lúas do outono (1988), A primavera de Venus (1993) e Brétemas do muiñeiro (2000).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta