Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2024 | Actualizada ás 21:37
O pleno do Concello de Marín acordou este xoves, co único rexeitamento do BNG, dar luz verde ao comezo do expediente para nomear á princesa Leonor de Borbón e Ortiz como filla adoptiva da localidade, polo que se converte na primeira muller á que o Consistorio outorga esta distinción.
A alcaldesa, María Ramallo, destacou antes do pleno que Marín ten un forte vínculo establecido coa Casa Real por ser sede da Escola Naval Militar, na que a princesa, como así o fixo no seu día o seu pai, o rei Felipe V (que tamén ten este recoñecemento), realiza unha parte da súa formación castrense.
"Ese vínculo marca toda a súa traxectoria, así como o que a une a outras cidades nas que se formou e formará", dixo a rexedora, que sostivo que como Concello "é un orgullo, como xa o foi no seu día co actual rei, poder outorgar esta distinción".
O expediente publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e na sede electrónica para a súa consulta pública, tras o que se aprobará definitivamente. Despois, aprobarase definitivamente o expediente e marcarase unha data para o acto de nomeamento, un acto que, segundo indicou, é de "moita importancia para o Concello".
"NON NOS VEMOS REFLECTIDOS"
No transcurso do pleno, a portavoz local do BNG, Lucía Santos, xustificou o rexeitamento da súa formación a esta proposta e esgrimiu que "non todos os marinenses" están identificados con esta decisión que si apoiaron populares e socialistas.
"Formamos parte dun bo número de marinenses que non nos vemos reflectidos nesa proposta. A ninguén lle sorprenderá que o BNG é unha organización nacionalista, laica e republicana. É público o noso rexeitamento á imposición da dinastía borbónica por parte de Franco e a consagración dunha Monarquía anacrónica nunca sometida a un escrutinio popular", esgrimiu.
Pola súa banda, a alcaldesa defendeu a legalidade do regulamento, co que se nomearon "numerosos" fillos adoptivos e predilectos, "moitos votados polo BNG". Tampouco quixo entrar en máis "polémicas" e concluíu que os populares estarán "en calquera homenaxe a falecidos no mar", por exemplo. "Pero agora non estamos a abordar unha cuestión xenérica", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.