300 vehículos novos e descontos de ata o 20% no Salón do Automóbil de Expourense

Todas as marcas presentes están aproveitando a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara á campaña do 2025. O Salón do 'Automóbil-Vehículo Novo' celébrase do 15 ao 17 de novembro.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 17/11/2024 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Esta fin de semana celébrase en Expourense o Salón do Automóbil dedicado ao Vehículo Novo e a fin de semana que vén será o de Ocasión (22-24 novembro).

Salón do Automóbil-Vehículo Novo (2024). Foto: Prensa Expourense.
Salón do Automóbil-Vehículo Novo (2024). Foto: Prensa Expourense.

Combater a incerteza do consumidor sobre que tipo de coche mercar, ofrecer descontos especiais de feira --de ata o 20%--, presentar seguros todo risco e garantía de ata 10 anos, son algúns dos obxectivos dos 16 concesionarios oficiais da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (A.C.A.U.T.O.) que participan como expositores no 15º Salón do Automóbil que abriu este venres 15 de novembro as súas portas en Expourense.

Facendo un percorrido polos 300 vehículos novos que se expoñen esta fin de semana, resulta evidente a imposición do vehículo eléctrico, tanto ao 100% como de motorización híbrida. Ademais, expóñense por primeira vez marcas, como é o caso de Leap Motor, que fabrican en exclusiva coches eléctricos. Tamén son eléctricas a meirande parte das 37 novidades presentadas polos expositores e onde destacan modelos que celebran o seu aniversario como el 50º aniversario do Volkswagen Golf ou os 40 do Seat Ibiza, por poñer exemplos.

AUMENTO DE VENDAS E AUXE DO COCHE ELÉCTRICO

Dende ACAUTO, Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, indican que o mercado da automoción estase recuperando e aumentando progresivamente as vendas ao redor dun 10% con respecto ao 2023 e destacando sobre todo o auxe do sector dos coches eléctricos, cuxas vendas aumentaron un 29% dende o último ano. Ata o 30 de setembro vendéronse na provincia de Ourense 1.283 coche eléctricos.

Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volve sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta