Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2024 | Actualizada ás 14:20
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, defendeu que a postura da Xunta e do PPdeG respecto da cuestión lingüística "segue sendo a mesma que hai dous anos e medio" cando o coordinador de Cultura dos populares galegos, Daniel Chapela, que dimitiu este martes criticando a "incompetencia" do equipo do conselleiro, afiliouse ao partido; e tamén é a mesma, engadiu, "que fai oito meses na campaña electoral", cando Chapela era coordinador.
En declaracións a Europa Press, López Campos asegurou que se decatou da dimisión de Chapela esta mesma mañá tras a aprobación do Proxecto de lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. "Descoñezo as razóns, non entendo cal pode ser a súa motivación. Eu teño unha relación cordial con el. Tentarei entrar máis en profundidade das súas motivacións porque ata onte mesmo mantivo unha reunión totalmente afable co responsable de Política Lingüística, tiñamos programada unha reunión da Comisión de Cultura do partido para analizar o pacto pola lingua", manifestou.
Así, insistiu en que o pacto pola lingua cumpre "escrupulosamente" o que din os estatutos do PPdeG, que quere "usar o galego dunha maneira cordial, harmónica e sen imposicións lingüísticas".
Neste sentido, reiterou que o discurso e o modelo dos populares "segue sendo o mesmo que hai dous anos e medio cando Dani Chapela se afiliou ao PP". "Non cambiou nada", afirmou antes de sinalar que o que defende hoxe o PP é "o mesmo que fai oito meses" na campaña electoral dos comicios autonómicos.
VE OUTRAS MOTIVACIÓNS
Por todo iso, López Campos cre que a motivación da dimisión "non virá da man da cuestión lingüística". "É imposible. A filosofía segue sendo a mesma que fai oito meses e que hai dous anos cando el se afiliou. Supoño que terá outro tipo de valoracións que eu non podo entrar a valorar, seguramente se poidan ver nos próximos días pero estou convencido de que pola súa actitude, pola súa implicación durante estes últimos meses, o motivo real da súa dimisión non é unha cuestión da súa posición no ámbito lingüístico", aseverou o responsable de Lingua da Xunta.
Neste sentido, reivindicou que o PP defende un galeguismo "moderado" e que non cre en "imposicións" nin no modelo de inmersión lingüística ou no monolingüismo". Por tanto, expuxo, "o PP non se moveu de posición".
"INCOMPETENCIA"
Así mesmo, preguntado polas acusacións de "incompetencia" vertidas cara a el e o seu equipo, López Campos argumentou que el leva "20 anos en política", tras ser deputado autonómico, provincial e alcalde do municipio pontevedrés da Estrada durante 13 anos, e que "nunca ninguén utilizou ese apelativo de incompetente" cara á súa persoa.
"Despois de 20 anos uno ten unha certa traxectoria profesional e non se se outros poderán dicir o mesmo en relación a este tema", subliñou. Ademais, cuestionado sobre se teme que as críticas ao traballo da súa Consellería se estendan dentro do partido, o conselleiro negouno, recoñecendo que nestes momentos hai un debate ao redor da lingua "que non deixa indiferente a ninguén".
Un debate que, destacou, abriron porque cre que deben "dar un paso á fronte", á vez que afirmou que a lingua galega non ten "un problema de competencia, senón de uso social". "Temos que seguir impulsando as políticas que permiten normalizar o uso do galego no ámbito social", insistiu antes de apuntar que dentro do PPdeG hai "distintas correntes", pero que o partido defende "o mesmo que fai oito meses" na campaña electoral.
"Eu creo que nese discurso, non só o 100% do noso electorado atópase cómodo, senón tamén unha parte dos posibles votantes doutras formacións tamén entenden que ese é o modelo de cordialidade lingüística que temos que seguir en Galicia", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.