Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/02/2016 | Actualizada ás 17:06
O expresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o seu entón vicepresidente, Anxo Quintana, volveron coincidir nun foro político, sete anos despois de ter perdido o poder. Un encontro distendido que tivo como marco unha tese doutoral. Un traballo do politólogo e dirixente de Compromiso por Galicia, Paulo Carlos López, sobre, precisamente, os últimos tempos do bipartito.
“A construción da axenda política, mediática e pública nas eleccións galegas de 2009. Estratexia partidaria, produción dá información e cidadanía", é o título desta investigación dirixida polo profesor e doutor Luís Álvarez Pousa. Nela, López, que obtivo a máxima cualificación do tribunal, analiza as causas que levaron ao goberno PSdeG-BNG a perder as eleccións ante Alberto Núñez Feijóo.
Aínda que Touriño e Quintana quixeron ser discretos, o certo é que acapararon toda a atención, especialmente, nun momento político tan convulso como o actual. Por iso, os dous ex dirixentes políticos apostaron por un goberno de cambio en Madrid logo do acontecido o 20D.
“Sería bo que foran quen de poñerse de acordo e poder acometer así varias reformas importantes, ademais de liquidar esa fenda extraordinaria que nos deixou a crise en termos sociais", dixo Touriño sobre as negociacións que mantén o PSOE con Podemos.
E, precisamente, puxo como exemplo a “cultura da coalición” que houbo no bipartito e que, suliñou, “este país necesita” para e “conformar unha experiencia, en todo caso, totalmente innovadora".
Pola súa banda, Quintana suliñou que “existe unha vontade maioritaria de cambio que se reflectiu nas votacións do pasado mes de decembro” e amosouse sorprendido pola “falta de respecto institucional que se está vendo en todo este proceso". “Están a pasar cousas que serían imposibles na miña etapa no Executivo e que carrexarían a morte política dos involucrados”, dixo.
Sobre as conversas entre Podemos e o PSOE, criticou que "Galicia non exista nesta movida", ao contrario do que si ocorre con outras zonas como Valencia, Cataluña e Euskadi. En todo caso, precisou que “se isto está así é porque os galegos e as galegas preferiron que fose así".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.