A Xunta prevé máis de 120 quilómetros de sendas peonís e ciclistas en estradas autonómicas ata 2027

As actuacións serán nas catro provincia galegas tras completarse os eixes metropolitanos de varias cidades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2024 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que o novo Plan de Sendas de Galicia, aprobado este luns polo Consello, permitirá a execución de máis de 120 quilómetros de novas sendas peonís e ciclistas nas estradas autonómicas ata o próximo ano 2027, e que suporá un investimento de "case 70 millóns de euros".

O Goberno galego destacou que esta iniciativa se impulsa no marco da Estratexia galega de mobilidade, aprobada en maio deste ano polo Executivo autonómico, que prevé como un dos seus eixos de actuación o fomento da mobilidade sustentable e activa mediante a construción de sendas peonís e ciclistas.

Senda ciclista
Senda ciclista | Fonte: DEPUTACIÓN DA CORUÑA.

Ademais, están en execución xa actuacións de gran relevancia, como poden ser as correspondentes aos eixes metropolitanos de Santiago: O Milladoiro – Intermodal, Intermodal – San Caetano, acceso ao CHUS; Ourense: Intermodal – A Ponte Vella – Expourense); ao treito Mollavao – Os Praceres da PO-546 entre Pontevedra e Marín: á senda na estrada PO-323 en Teis (Vigo) ou a da PO-531 en Campañó, tamén no concello de Pontevedra.

AS NOVAS ACTUACIÓNS

Deste modo, planifícase a execución dun total de 122,93 quilómetros de novas sendas no

período ata 2027, con actuacións que están en diferentes fases de tramitación

administrativa. As lonxitudes e os orzamentos definitivos destes itinerarios concretaranse nos proxectos construtivos que se redacten, pero partindo da planificación xa proxectada

nas catro provincias.

Deste xeito, na provincia da Coruña pode destacarse a planificación de novos itinerarios

entre Arteixo e Lañas; entre Oleiros e Cambre, en Cambre e Culleredo ou en Boqueixón. Na provincia de Lugo prevense, entre outros, novos itinerarios en Ombreiro (Lugo), en

Guitiriz, en Parga, en Monforte de Lemos ou en Sarria.

No caso de Ourense, destacan as previstas na capital da provincia, en Reza, de acordo co

proxecto consensuado cos veciños, e na zona do Cumial. En canto á provincia de Pontevedra, actuarase no impulso de sendas en Vigo, Nigrán, O Porriño, Pontevedra, Poio, Moaña, Vilaboa, Meaño, Cangas, Bueu, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia, Tui, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Lalín, Vila de Cruces ou A Estrada.


A Xunta destacou que dá así continuidade ao Plan de Sendas de Galicia levado a cabo en fases precedentes, que permitiu acometer case 300 quilómetros de novas sendas e beirarrúas, cun investimento de case 144 millóns de euros.

O presidente, ademais, lembrou que esta iniciativa foi recentemente distinguida nos premios europeos á excelencia na seguridade viaria 2024, impulsados pola European Road Safety Charter (ERSC), unha comunidade de máis de 4.000 entidades e persoas que promove a Comisión Europea para mellorar a seguridade viaria en toda a UE.

No plan autorizado este luns identifícanse varias razóns para continuar o traballo levado a cabo nos últimos anos, con itinerarios que incentivan os usos de modos non motorizados como alternativa ao transporte convencional, reducindo tráfico e emisións; promoven o exercicio físico beneficiando a saúde e o benestar; melloran a seguridade viaria e teñen un valor recreativo e turístico.

COMARCAS

Deste xeito, partirase dos plans redactados no seu momento para as 11 primeiras comarcas do Plan de Sendas que tiñan prioridade menor ás xa executadas na Coruña, Bergantiños, Ferrol, Lugo, O Morrazo, Ourense, Pontevedra, O Salnés, Santiago, A Terra Chá e Vigo.

Ademais, incorporaranse as sendas identificadas como máis prioritarias de sete novas comarcas: O Baixo Miño, A Barbanza, O Condado, Deza, Lemos, Noia e Sarria. A Xunta prevé licitar, antes de final de ano, os contratos de servizo para a redacción de todos os proxectos necesarios para completar o plan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta