Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2024 | Actualizada ás 14:38
O Son do Camiño anunciou o avance do cartel que conformará a súa edición de 2025, da que formarán parte grupos e artistas como Kings of Leon, Duki, Bryan Adams, Estopa, Amaral ou Bad Gyal, entre outros. O evento, que se celebrará os días 12, 13 e 14 de xuño no Monte do Gozo, conta cun primeiro adianto de 38 nomes, con 23 bandas nos escenarios principais e 16 DJs no Escenario SON Electro, que novamente estará dedicado exclusivamente á música electrónica.
Tras esgotar 25.000 'Abonos Fieis' o pasado mes de novembro, os abonos para esta nova edición estarán dispoñibles a partir do xoves 19 de decembro, ás 11.00 horas, só na páxina oficial do festival (osondocamino.es) desde 135 euros (gastos de xestión e IVE incluídos). Neste primeiro avance, destacan como cabezas de cartel nomees internacionais e nacionais como Kings of Leon, que visitará por primeira vez terras galegas, e Duki, o arxentino líder do trap latino que regresa presentando o seu último álbum, 'AMERI'.
Tamén estarán Bryan Adams, Estopa, Bad Gyal, Franz Ferdinand e Amaral. Ademais, Steve Aoki, Kase O, Mikel Izal, Dani Fernández, ou os galegos The Rapants tamén se suman ao cartel do festival. A proposta amplíase con Lia Kali, Carolina Durante, Juan Magán, e La La Love You, ademais de Nil Moliner, Siloé, Marlena, Dollar Selmouni, Merino e os DJs Galician Army e Taïn.
ESCENARIO SON ELECTRO
Por outra banda, o escenario 'SON Electro' ofrecerá unha selección de música electrónica con nomes como Adiel, Áme (Live) e Andrés Campo. O talento galego tamén estará representado por Barbara Lago e Desfasamento. Outros nomes destacados inclúen a Dennis Cruz, Honey Dijon e Indira Paganotto. A electrónica global enriquecerase con Jayda G, Man Lle Tough, Tsha e Viviana Casanova. Ademais, os sets dinámicos de Benwal, Vendez e a nova promesa galega Yahaira porán a guinda ao cartel electrónico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.