Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 03/03/2025 | Actualizada ás 21:55
Cando pensamos na Historia de Galicia, a miúdo vénsenos á mente unha imaxe marcada por figuras masculinas: reis, guerreiros, clérigos, intelectuais... Sen embargo, a historia das mulleres galegas ten sido igual de rica e determinante, aínda que moitas veces quedase silenciada ou relegada a un papel secundario e mesmo se ocultase ás xeracións posteriores na transmisión oral e escrita. Téñennos contado que o rol da muller no pasado limitábase exclusivamente ao ámbito doméstico, ao coidado da familia e á obediencia ás normas establecidas, pero, realmente foi así? Ao longo dos séculos, as mulleres galegas teñen traballado a terra, comerciado, emigrado, loitado polos seus dereitos e convertídose en protagonistas na vida social, económica e cultural. Algunhas, como as 'viúvas de vivos' durante a emigración masiva ás Américas, mesmo sostiveron familias e comunidades enteiras. Outras, como as sabias e sanadoras, mantiveron coñecementos ancestrais a pesar da persecución eclesiástica. E moitas máis, dende as campesinas ata as burguesas, atoparon formas de desafiar as normas impostas.
Mirar a Historia de Galicia dende a perspectiva feminina obríganos a cuestionar os relatos tradicionais e a redescubrir a verdadeira dimensión do papel das mulleres. Non todo é como nolo contaron: houbo resistencia, houbo loita e houbo cambio. E hoxe, grazas á investigación histórica, estamos recuperando esas voces e reconstruíndo unha historia máis completa e xusta. Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller, Galicia Confidencial fala hoxe con Ana María Sixto Barcia, historiadora e investigadora do papel das mulleres no Antigo Réxime (s. XV - s. XIX), que nos abre a fiestra a unha nova mirada sobre a muller no pasado de Galicia. De feito, confesa que "aínda que, a nivel normativo, o Antigo Réxime era innegablemente un sistema misóxino, no plano real, a vida era moito máis práctica", polo que, "aínda que falamos dunha sociedade oprimida, na que as mulleres tiñan poucos recursos, tamén era unha sociedade que sempre se defendía a si mesma, na que o pobo velaba polos intereses do pobo, e, nesa loita, tamén entraron as mulleres, mesmo liderándoa nalgunhas ocasións".
En xeral, "durante todo o Antigo Réxime os sectores sociais máis baixos, especialmente os campesiños, non vivían ben, pois estaban sometidos a unha forte presión fiscal que se foi incrementando co paso dos séculos, cun sistema cada vez máis erosivo dos seus dereitos e das súas economías". Pero, dentro de que nin homes nin mulleres estaban ben nestas circunstancias, "é certo que a lei marca unhas diferenzas para as mulleres con respecto aos homes". Con todo, "nos comportamentos sociais e na vida cotiá, é dicir, na práctica, vemos moita máis integración das mulleres na sociedade". Sixto Barcia apunta a que "a sociedade do Antigo Réxime estaba dividida en estamentos, non en clases sociais nas que a riqueza é a que marca a pauta como acontece actualmente, senón cunha pequena parte da poboación que gozaba de privilexios herdados e outra maioría que se vía sometida a esta pequena parte". Desta maneira, "se ben é certo que dende o punto de vista ideolóxico existía unha desconfianza obvia cara as mulleres naquela época, unha tacha que as sinalaba como inferiores a nivel intelectual, esta só se deixaba notar nas altas esferas e na clase pertencente ao mundo das ideas, pois nos estamentos máis baixos, atopámonos cunha realidade completamente distinta".
"HABÍA COMUNIDADES QUE, DESPOIS DA MARCHA DOS HOMES Á EMIGRACIÓN OU ÁS LEVAS, SEGUÍAN FUNCIONANDO PERFECTAMENTE LIDERADAS POR MULLERES"
No caso concreto de Galicia, a historiadora considera que o papel relevante que xogaron as mulleres para a comunidade pode verse moi ben nunha particularidade que non se deu en todos os lugares: a emigración e o movemento da poboación que xa había na Idade Moderna (séculos XVI-XVIII) e que logo se implementou definitivamente na Idade Contemporánea (dende finais do século XVIII). Así, "había comunidades, sobre todo na zona de costa, nas que, debido á forte emigración masculina, só residían mulleres ou que estaban habitadas maioritariamente por mulleres". Con todo, lonxe de caer na ruína, "as rendas seguíanse pagando ao rei, os tributos aos señores, as contribucións á igrexa...". "O sistema seguía funcionando, liderado polas mulleres", asegura Sixto Barcia, que pon en valor que "a pesar de todos os límites que se poñían ás mulleres naquelas épocas, estas foron quen de manter as economías fluíndo, sen que o país colapsase pola falta de homes". Deste xeito, podemos afirmar que "as mulleres participaban en todas as actividades económicas, moitas veces de xeito solapado, pero si o facían porque tiñan que sacar ás familias adiante, en moitos casos soas".
Noutras zonas de Galicia, máis aló da costa, tamén se atopaban vilas integradas por unha maioría de mulleres, debido ás levas, o sistema de recrutamento forzoso de homes para o servizo militar que funcionou durante a Idade Moderna e o século XIX. En Galicia e noutras zonas de España as levas adoitaban afectar sobre todo a mozos de familias humildes, que eran obrigados a incorporarse ao exército ou á mariña, moitas veces en condicións moi duras e sen posibilidade de volver aos seus fogares durante longos períodos. Sixto Barcia conta que "Galicia foi durante moitos anos a canteira do exército da monarquía hispánica, tal e como estudou a historiadora María del Carmen Saavedra", de maneira que, "ben pola emigración ben polas levas, ás que no século XVIII sumouse a matrícula de mar, había poboacións que quedaban practicamente desprovistas de homes, compostas maioritariamente por mulleres, como se reflexa nas relacións de masculinidades calculadas a través das informacións conservadas nos arquivos históricos, que dán conta de mulleres que defenden a vila e as familias mentres os varóns non retornan".
"EN GALICIA OS PAIS NON PRIORIZABAN AOS VARÓNS, SENÓN QUE ÁS VECES PRIORIZABAN ÁS FILLAS PORQUE ERAN QUEN OS PODÍAN COIDAR NA VELLEZ"
Neste contexto, "vemos que no plano da lexislación e da normativa do Antigo Réxime si se marca unha diferenza entre homes e mulleres e se establecen límites para estas últimas", expón a historiadora. Sen embargo, "cando acudimos á realidade, se vamos aos arquivos, vemos a presenza de mulleres en todos os recunchos, mulleres actuando constantemente para defender o seu". E tamén se dan particularidades, como mulleres que, por certos beneficios concedidos nesas diferenzas lexislativas marcadas pola normativa da época, aproveitaban para beneficiar ao seu pobo. Por exemplo, conta Sixto Barcia que "na xustiza real existía un recurso coñecido como 'a ordinaria de viúvas' polo cal a xustiza era gratuíta cando un proceso estaba encabezado por unha viúva", o cal levou a que "teñamos constancia de procesos multitudinarios nos que había 100 habitantes dunha parroquia pelexando pola renda dos foros, como aconteceu nas loitas contra os grandes mosteiros, encabezados por viúvas, porque así lles saía gratis o poder acceder á xustiza". "Eran feministas naquela época? Non o creo, eran prácticos, buscaban a súa supervivencia", alega a historiadora.
Outro exemplo claro de como a Historia que chegou ata nós se atopa moi sesgada pasa tamén polo sistema de herdanza. Sempre se pensa que no pasado os pais priorizaban aos fillos varóns na herdanza, pero isto non era de todo así, alo menos non en Galicia. "En Galicia os pais non preferían especificamente aos varóns, senón que había veces nas que mesmo era ao contrario, priorizaban ás fillas", asegua Sixto Barcia. O por que? Novamente, por motivos prácticos. "Os varóns emigraban ou tiñan que marchar ás levas, pero as mulleres non, e eran elas as que podían coidar dos pais na súa vellez, polo que a reflexión destes era: Quen me vai coidar de maior? Quen se vai facer cargo da casa e da herdanza? O meu fillo que vai emigrar a América e ao mellor non regresa ou a miña filla que vai permanecer na vila? E a resposta evidente era deixar os bens á filla", argumenta a historiadora. Deste xeito, afirma que "tampouco podemos apreciar na Historia do Antigo Réxime ningún tipo de discriminación cara as mulleres neste senso".
"A NOSA VISIÓN ACTUAL DAS MULLERES NA HISTOIRA ESTÁ TREMENDAMENTE INFLUÍDA POLOS CAMBIOS DO SÉCULO XIX, QUE LIMITARON MOITO ÁS MULLERES"
Entón, sabendo todo isto, por que ata nós chegou esa imaxe de que as mulleres do pasado estaban sometidas e maltratadas, relegadas á vivenda e con pouco poder de decisión e acción? Sixto Barcia explica que "a nosa visión actual das mulleres na Historia está tremendamente influída polos cambios do século XIX, que non sempre foron favorables para as mulleres e que as limitaron moito máis do que estaban". Así, "a educación das mulleres foi escasa e moi básica nos séculos modernos, pero a coeducación tiña vixencia no mundo rural. En cambio, no XIX codifícase moito e márcanse as diferenzas entre o que deben aprender as mulleres e o que deben aprender os homes, destinando a elas os labores 'mullerís', isto é, artes de agulla, en esencia, doutrina cristiá e nocións de lectura, o que remata prexudicando a ensinanza vital das mulleres". Esta situación vese posteriormente agravada coa irrupción do franquismo, de maneira que a Historia recente "fixo que teñamos unha visión das mulleres do pasado moi sesgada nas sociedades actuais", cando, en verdade, "no Antigo Réxime, a lexislación existente non sempre se aplicaba estritamente na práctica, porque a normativa no tocante ás mulleres, ao igual que en moitas outras cousas, discorría de maneira diferente sobre o papel que na sociedade".
Lamentablemente, Sixto Barcia confesa que "tras a Revolución Francesa e a implantación dos rexímenes liberais en Europa, as taxas de alfabetización feminina caen brutalmente, porque se desarticula o sistema educativo previo vinculado á igrexa, sen proporcionar unha alternativa para as mulleres.". Estas non se recuperan ata a segunda metade do século XIX. Nesta época as mulleres si comezan a verse desprazadas dos esforzos alfabetizadores. Neste senso, a historiadora apunta a un dato moi significativo: "no censo de 1860, que é o censo poboacional que recolle por primeira vez as taxas de alfabetización en España, obsérvase que Galicia conta coa taxa de alfabetización masculina máis alta de todo o Estado español, pero tamén coa taxa de analfabetismo feminino máis alta de todo o territorio nacional". Como era isto posible? Sixto Barcia apunta a que "naquela época había moita poboación móbil insertada nunha dinámica migratoria á que lle interesaba a formación para ter unha estratexia vital máis exitosa na emigración". Pero a maioría dos emigrantes eran homes, aínda que tamén había mulleres que se decidían a emigrar. As mozas, así mesmo, "sumábanse antes ao mercado laboral e o sistema educativo era tardío no Antigo Réxime, así como nos primeiros tempos da contemporaneidade". Deste xeito, a historiadora resalta que "o custo-oportunidade da educación feminina era moi alto".
"SE ERA NECESARIO QUE UNHA MULLER EMIGRASE PARA CONSEGUIR UN SALARIO CO QUE CONTRIBUÍR Á ECONOMÍA FAMILIAR OU FORMAR UNHA DOTE, FACÍAO"
De feito, no tocante a emigración feminina, a historiadora pon en valor que "se ben as mulleres non emigraban de maneira tan activa, si o facían, e ás veces movidas pola presión económica e pola emigración cautiva", xa que, por exemplo, "se ao seu marido lle outorgaban un cargo como virrei ou administrador de rendas en América, a muller xa se vía obrigada a viaxar, sen ter capacidade de decisión ao respecto". Ademais, recalca que este tema foi estudado por Ofelia Rey Castelao, quen levou o Premio Nacional de Historia de España 2022 por unha obra que reivindica a Historia das mulleres. Con todo, "tamén houbo mulleres galegas que participaron dos circuítos migratorios a lugares como Castela e cidades como Madrid para traballar alí como persoal de servizo doméstico ou como persoal da Administración". Así, "se era necesario emigrar para conseguir un salario co que contribuír á economía familiar, facíano, e se era necesario emigrar para conseguir poder formar cun pequeniño salario unha dote para casarse, tamén", reivindica Sixto Barcia. Alí puxeron en valor as súas destrezas, pois, "a pesar de que a literatura do Século de Ouro azoutou moito ás galegas con calificativos nefastos que dicían que tiñan mal carácter e outras lindezas, as galegas foron sistematicamente contratadas na Corte, en Madrid, porque sempre respondían ao que se lles requiría nos seus traballos e eran de fiar". Unha vez máis, "a literatura, especialmente a satírica, sinala cousas que non sempre teñen a súa representación na realidade".
Ademais, a historiadora tamén evidencia que "na época moderna, a literatura relixiosa e os libros de moral sempre se centraron en atacar ás mulleres, con tópicos tremendamente repetitivos", polo que "habería que ver se estes ataques calaron entre a poboación, xa que unha poboación tremendamente analfabeta, con taxas de alfabetización moi baixas ata o século XX --non xa ata os séculos contemporáneos, senón máis aló--, non tiña moito acceso á lectura existente, a toda esa literatura condenatoria e misóxina contra as mulleres". O que si puido calar máis nunha sociedade desas características eran "os sermóns que se daban durante os actos relixiosos, dende o púlpito das igrexas, aínda que logo a sociedade tamén procesaba o que quería, tendo en conta que tamén naquela época había curas tremendamente analfabetos que en pouco se diferenciaban dos campesiños a nivel de formación". Por iso, Sixto Barcia lamenta que ás veces se lles conceda tanta importancia como exemplo da sociedade da época e das súas ideas a libros tremendamente misóxinos que aparecen a contagotas e dos que realmente se editaron pouquiños volumes. "Habería que preguntarse ata que punto o que neles se conta sobre as mulleres impactou no imaxinario social e popular da época", reflexiona.
"HABÍA MULLERES DE GRANDES FAMILIAS QUE FORON OBRIGADAS A PROFESAR A SÚA FE SEN ELAS QUERELO POLOS BENEFICIOS QUE ISTO APORTABA Á FAMILIA"
No Antigo Réxime, os conventos e mosteiros eran institucións de poder que acollían, á súa vez, a mulleres poderosas. "Cando vemos a nómina das monxas nesas institucións, podemos intuír que o seu interese pola relixión podía ir máis aló da vocación e da fe", chancea Sixto Barcia, que conta que "as relixiosas eran sempre de clase alta, porque a Igrexa tamén era un sistema aristocrático no que non todas as mulleres podían entrar". Así, mesmo había competencia para poder entrar a formar parte deste corpo eclesiástico, porque "ter vinculación cunha institución rendista traía moitos beneficios ás familias señoriais". Ademais, tamén lles solucionaba en moitos casos o problema da dote. "Había nobres que podían ter cinco fillas para as que era necesario constituír unha dote á altura do prestixio da familia, o cal podía resultar tremendamente lesivo para as economías destas familias, porque había dotes que podían involucrar as rendas anuais dunha gran casa, como a dos Duques de Alba, no século XVI", polo que "a estas grandes casas podía compensarlles colocar a unha das súas fillas nun convento ou mosteiro, que ademais eran os bancos da época, os que prestaban os cartos aos privilexiados". Así foi como, segundo indica a historiadora, "moitas mulleres de grandes familias foron obrigadas a profesar a súa fe sen elas querelo". Se ben "tamén houbo outras que, ante a perspectiva dun matrimonio forzado, vían a liberdade e comodidade que lles ofrecía un convento con bos ollos". Ademais destas, a historiadora sinala que "tampouco podemos esquecer os casos exemplares e as santas, se ben temos poucos exemplos na Galicia Moderna".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.