O BNG non emendará a comisión de investigación dos contratos de Feijóo por ser "un panfleto" do PPdeG

Anuncia un voto particular na Cámara galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2024 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

O BNG confirmou este xoves que non presenta emendas ao ditame elaborado polo PP para a comisión de investigación da contratación da Xunta, por velo os nacionalistas "un panfleto" e "un mal chiste".

Con todo, o Bloque si rexistrará con posterioridade un voto particular á resolución, que recibirá --salvo sorpresa maiúscula-- o visto e prace do pleno do Parlamento en xaneiro, unha vez arrinque o novo período de sesións.

Este xoves, cando falta un día para que conclúa o traballo desta comisión que impulsou o BNG, compareceron en rolda de prensa os deputados nacionalistas Montse Prado, Óscar Insua e Iago Tabarés, para denunciar de novo que o PP busca "dar carpetazo" a este órgano que xurdiu da "alarma social" xerada, ao seu xuízo, polo modelo de construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e a contratación menor e de emerxencia durante a pandemia.

Rolda de prensa dos deputados do BNG Montse Prado, Óscar Insua e Iago Tabarés.
Rolda de prensa dos deputados do BNG Montse Prado, Óscar Insua e Iago Tabarés. | Fonte: Europa Press

Prado lembrou que o propio PP impulsou "no Senado", onde conta con maioría absoluta, unha comisión sobre os contratos de emerxencia a nivel estatal. En cambio, en Galicia, o que fixeron os populares foi "tentar que non se investigase nada" e "opúxose a todos os intentos do BNG para que isto fose así".

"É UN SINXELO PANFLETO"

A principal conclusión do borrador do ditame --ao que o PP presentou unha emenda que profunda nas mesmas ideas-- é que non houbo "nin unha soa tacha de legalidade" nin na construción do Álvaro Cunqueiro nin nos contratos menores e de emerxencias. Para o BNG, o texto "repite o argumentario" defendido polos populares. "Non é un ditame, é un sinxelo panfleto", engadiu, para seguidamente afear ao PP que convertese a comisión nunha "parodia", nunha "farsa democrática" e nunha "burla" ao Parlamento.

Prado dixo que o ditame que se aprobará este venres consiste en "sacar de contexto" documentación e frases dos comparecentes. "Non lle damos carácter de ditame a isto que vai presentar mañá o PP", insistiu, para seguidamente queixarse de que a comisión concluirá os seus traballos sen que os grupos teñan "as transcricións" das sesións ao completo.

CONVERTER A SANIDADE "NUN NICHO DE NEGOCIO"

Neste contexto, o BNG nega que o bipartito que gobernou a Xunta entre 2005 e 2009 non tivese nada feito para construír o hospital vigués pola vía pública. "Si había moitos pasos dados", sostivo, como unha partida nos orzamentos da Sociedade Pública de Investimentos (SPI) e o plan básico.

Ademais, sobre os 470 millóns de euros que, segundo Contas, custou o Álvaro Cunqueiro por non licitarse obras e servizos por separado, "como planificara o bipartito", Prado destacou que o máximo responsable deste órgano fiscalizador, Juan Carlos Aladro, confirmou que isto fose así na súa comparecencia.

O BNG CRE QUE "FOI UN ACERTO" CREAR A COMISIÓN

En definitiva, os nacionalistas presentarán o seu voto particular ao ditame por estar "máis de convencidos de que foi un acerto" impulsar a comisión "a pesar de todos estes atrancos" que atribúe ao PP.

Con todo, cabe lembrar que o BNG presentou hai semanas un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional por "vulneración total dos dereitos dos deputados", polo control de facto que fixo o Grupo Popular dos traballos da comisión, que fixo que a Cámara galega "se parecera máis a unha república bananera que a un parlamento democrático".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

O caso é que o Bng gastou a escasa munición que lle permite o regulamento (unha comisión por lexislatura) para non acadar nada. A denuncia da corrupción debera estar máis presente na rúa. Nos despachos tamén, e nos xulgados, pero con realismo e desconfianza, para evitarmos a frustración.