Aprobado en solitario o ditame da comisión de investigación, un "NO-DO" e "Santos Inocentes" para a oposición

O PPdeG insite en que non hai "unha soa tacha de ilegalidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/12/2024 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

A comisión de investigación de contratos da Xunta concluíu este venres sen sorpresas. O PP fixo valer a súa maioría absoluta para aprobar en solitario un ditame que conclúe que non houbo "nin unha soa tacha de ilegalidade" na contratación menor e de emerxencias emprendida pola Xunta en pandemia, nin tampouco no modelo de concesión empregado para o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Toda a oposición --BNG, PSdeG e Democracia Ourensá, que integra o Grupo Mixto-- votou en contra do proxecto de ditame que elaborou e autoenmendó o Grupo Popular, tras unha última sesión de fortes críticas por parte de nacionalistas e socialistas.

"Nin o NO-DO de Franco atreveuse a tanta falsidade nas súas afirmacións", espetou a deputada do BNG Montse Prado, para valorar un ditame que volveu a tachar de "panfleto". Por parte do PSdeG, Elena Espinosa ironizou con que o texto tíñase que aprobar este sábado, 28 de decembro, porque é "digno dos Santos Inocentes".

Votouse cinco veces na comisión. Tres delas eran emendas do PSdeG --unha propuña un ditame alternativo-- que contaron co apoio do BNG. As outras dúas votacións foron sobre a autoenmenda do PP --presentada o pasado fin de semana e que profundaba nas ideas do borrador inicial-- e xa o texto final. Ojea (Democracia Ourensá) declinou intervir e abstívose en todas as emendas, aínda que votou en contra do propio ditame.

O PP vota a favor do ditame da comisión de investigación dos contratos da Xunta no Parlamento de Galicia.
O PP vota a favor do ditame da comisión de investigación dos contratos da Xunta no Parlamento de Galicia. | Fonte: Europa Press


Unha vez aprobado, o seguinte paso será a apertura dun prazo de dous días hábiles --ata as 13.00 horas do martes, 31 de decembro-- para que se poidan presentar votos particulares. Tanto BNG como PSdeG xa confirmaron que o farán. Xunto co ditame, estes votos particulares serán elevados ao pleno do Parlamento para o seu debate e aprobación definitiva, cando se renove o período de sesións en xaneiro. Cabe lembrar que está pendente de resolución un recurso de amparo presentado polo BNG ante o Tribunal Constitucional, por suposta "vulneración" dos dereitos dos seus deputados.

A OPOSICIÓN VE "FALSIDADES"

A oposición centrouse en criticar as "falsidades" que inclúe o documento elaborado polo PP. Con respecto ao Álvaro Cunqueiro, insistiron en que "si había alternativa" pública porque a Xunta do bipartito presidido por Emilio Pérez Touriño decantouse por facelo a través da Sociedade Pública de Investimentos (SPI); e en que a comparecencia do conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, "confirmou" o "sobrecusto" de 470 millóns de euros polo modelo concesional elixido para a súa construción.

Doutra banda, nacionalistas e socialistas puxeron o foco en que o PP "non quere transparencia" sobre as adxudicacións a empresas vinculadas a altos cargos da Xunta e do PP, entre elas Eulen, onde é directora para o Noroeste a irmá de Alberto Núñez Feijóo.


O PP RETA A ACUDIR Aos XULGADOS

A luva recolleuno o deputado do PP Roberto Rodríguez, quen retou á oposición a acudir aos tribunais. "Non ao notario", chanceou, antes de advertirlles que iso non garante "que lles vaian a dar a razón". O parlamentario popular, que se encargou de elaborar o proxecto de ditame, ratificou o fracaso do BNG, que buscou con esta comisión "apontoar" o liderado de Pontón, que "sae peor do que entrou"; e do PSdeG, que buscaba apoiar "ao Goberno do número un" ante casos de corrupción como o de Koldo García.

Pero as críticas de Rodríguez centráronse especialmente no Bloque: "A única pregunta que queda sen responder nesta comisión é se son vostedes, todos, capaces de garantir e reafirmar que na súa contorna persoal ou familiar non hai adxudicacións en administracións que vostedes gobernan ou apoian ao goberno".

De feito, o ditame aprobado este venres asegura que o BNG "cambiou de criterio e de discurso" despois de que esta pregunta fose formulada cara a Pontón, primeiro polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha sesión de control no pleno. "Esta comisión foi, primeiro, da difamación. Logo, do experimento. E acabou sendo a do espello ante o que vostedes quedaron espidos", espetou o deputado do PP, quen concluíu cun "próspero 2025" e un desexo de que "algúns en concreto" teñan "máis sorte" o próximo ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios (1 pend. aprobación)

1 Gamela

Agardamos a disolución da UPG (agora que cumpriu os 60 aniños xa van sendo horas!) Non asisten á conmemoración do Día da Constitución (falan pestes dela) e resulta que cando a comisión de investigación dos 25 deputados do BNG non sae ao seu gusto, recurren ao Tribunal Constitucional por "vulneración" dos dereitos dos seus deputados ! As incongruencias non son xa de recibo nestes tempos ! Anita chívase a Conde Pumpido !