Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/01/2025 | Actualizada ás 21:55
"Todos estamos de acordo en que as vítimas hainas que conmemorar pero non sabemos ben que facer como lembrar ou converter nunha materia de política publica da memoria con efectos educativos". O historiador Xosé M. Núñez Seixas ten claro a necesidade de que as novas xeracións saiban o que é a memoria histórica e, sobre todo, coñezan aos responsables de asasinatos ideolóxicos ou masivos. "Hai que lembrar quen eran os perpetradores e como chegaron a ser perpetradores, asasinos", destaca en declaracións a Galicia Confidencial.
Núñez Seixas tamén participou hai unhas semanas nas xornada 'A xestión dos lugares de memoria da represión franquista", nas que se realizou unha revisión, "incluso reseteado", do que está feito en Galicia no que atinxe á memoria histórica, tomando de exemplo o realizado noutras comunidades autónomas. Na súa intervención fixo un encadramento bastante xeral do que foron as políticas da memoria, da guerra, da ditadura, da represións, do pasado traumático violento en Europa dende a segunda metade do século XX, despois da fin da Segunda Guerra Mundial.
PERPETRADORES E COLABORADORES
Este historiador suliñou a necesidada de que se fale non só dos perpetradores físicos, senón dos colaboradores. Por iso, indicou que, nunha exposición permamente dun campo de concentración, por exemplo de Auschwitz, hai que falar tamén de quen era non só o comandante, senón quen eran os gardas, por que mataban, as súas motivación, os seus nomes e apelidos. "Hai que falar de que facer coas tumbas, os sitios onde viviron, integrar todo isto nun circuito crítico da memoria, aí está a cuestión", indica.
"Hoxe en día hai unha serie de consensos en que había que conmemorar ás vítimas, a cuestión é en que medida ou ata onde chega a categoría de vítima. Nenos que sofren mal nutrición, enfermidades ou fican orfos como consecuencia dun conflito, ata que punto son vítimas?. A partir diso que se debe facer cos perpetradores e os lugares de memoria vencellados aos perpetradores. Non só ás vítimas de mortes violentas, represións por parte da ditadura ou crimes de guerra, senón tamén como conmemorar estas masacres... debemos tamén lembrar a quen mataron non só a quen foron matar. Plantexa dilemas morais", di o historiador.
A MEMORIA HISTÓRICA
E, como foi a evolución da memoria histórica?. Núñez Seixas lembra que, nun comezo imperou un paradigma antifascista en Europa occidental e oriental e nese paradigma antifascista, refundáronse moitas das identidades nacionais da Europa de posguerra, a idea de que a nación sobrevivía aos fascismos. Houbo un consenso básico da maior parte da poboación contra os fascismos con matices.
"Nun comezo realmente os protagonistas realmente foron os heroes, os grandes protagonistas da guera, obxectos de homenaxe, e logo, a partires dos anos 60, foron as vítimas, cando despois do xuízo a Adolf Eichmann en Xerusalén, comezouse a conmemorar ás vítimas do holocausto xudeu e máis tarde doutros colectivos ", lembra. Entón, o foco principal das políticas da memoria pasou de conmemorar os grandes soldados, xenerais, caídos nas guerras, ás vítimas do conflicto, da ditadura, da represión, de réximes dictatoriais. "E isto basicamente continúa a día de hoxe con diversas camadas, novas adicións", indica.
Nos anos 70, no sur de Europa, déronse transicións da ditadura a democracia con diferentes modalidades. Nalgún caso como en España, foi o pacto de esquecento. En Portugal ou Grecia, foron políticas da memoria moito máis decididas, contundentes, pero tamén con xustiza transicional referida, sobre todo en Portugal, cos perpretadores.
Despois de 1989-90 coa fin dos réximes do chamado socialismo real ou comunistas, na Europa oriental plantexáronse tamén outros interrogantes, por exemplo, si se debía equiparar ás vítimas do fascismo coas vítimas da represión stalinistas ou coa represión en xeral das ditaduras comunistas. Ou, polo menos, saber en que medida algunhas vítimas foron obxecto de esquecemento.
NECESIDADE DE VONTADE POLÍTICA
Resalta, ademais, a situación da memoria histórica noutros lugares e suliña que, cando hai vontade política e certo consenso social en chegar a consesos amplos, "é posíble levar a cabo políticas da memoria democrática que cumpren o obxectivo de preservar os dereitos humanos, de intentar, evitar que se repitan eses feitos, defender valores básicos como a convivencia, tolerancia e o respecto á liberdade".
De feito, constata que noutras autonomías, e de acordo coas súas competencias, se están levando a cabo políticas proactivas da memoria, recuperando espazos, con vontade educativa, con excursións, para que visiten as crianzas... Tamén hai contidos renovados na rede, con itinerarios da memoria histórica. "Neste aspecto quizais a política levada a cabo polo Instituto Navarro da Memoria é exemplar", apunta.
CANDO GALICIA FOI REFERENTE
Algo que xa non se fai en Galicia. "O paradoxal do caso é que en Galicia, nun momento dado, sobre todo entre 2005 e 2009, fomos pioneiros en avanzar ideas, en elaborar censos de víctimas da represión franquista, por exemplo", asegura. "Noutras comunidades fixaronse no que faciamos nós e para poñelo en práctica por haber unha vontade política", engade.
Agora, no noso país, quen fai esa función é a sociedade civil, poderes locais ou provinciais que teñen "certa iniciativa"."Pero falla a coordinación, consenso social amplo promovido dende arriba. Por que? Non sabemos", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.