Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2025 | Actualizada ás 19:35
O alcalde de Ames, Blas García, enviou unha carta ao ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, para propor a creación de "unha mesa de traballo" na que participen concellos "afectados polas excesivas tarifas da AP-9" co obxectivo final de liberar a autoestrada de peaxes. Segundo informa o Concello de Ames nun comunicado, o rexedor socialista pide a constitución desta comisión na que estean representadas as administracións locais, ben a título individual ou a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e o Goberno central.
Ante "a dificultade que entraña" implantar a gratuidade completa da AP-9 "a curto prazo", García ve viable establecer un plan de traballo que poida priorizar os tramos que se vaian liberando de forma gradual e "en función da importancia que a comisión lle asigne". "Non hai dúbida de que os concellos somos a administración máis próxima aos cidadáns, polo que loxicamente somos os que mellor coñecemos as súas dúbidas e reclamacións", destaca o alcalde de Ames.
Ademais, o rexedor explica que o pleno de Ames outorgoulle "por unanimidade" a facultade de impulsar esta iniciativa. Por iso mesmo decidiuse a enviarlle a carta a Puente, "con quen puiden falar brevemente o pasado mes de novembro en Sevilla", lembra, en referencia ao Congreso Federal do PSOE. O escrito remitido polo alcalde solicita ao Ministerio "que comecen a estudar de forma conxunta cos concellos a gratuidade de tramos estratéxicos da AP-9, como pode ser o tramo Padrón-Santiago", en consonancia cunha moción de urxencia que aprobou o pleno de Ames o pasado mes de novembro. Así mesmo, García considera que isto cumpriría tamén con "unha demanda" dos veciños, como é a de "aliviar as vías alternativas á autoestrada" que transcorren por Ames. Este feito, engade, "beneficiaría a humanización que tamén está a levar a cabo o Ministerio de Puente no Milladoiro por valor de 4,4 millóns de euros".
"Cada vez somos máis os alcaldes e alcaldesas que levantamos a voz para esixir medidas contra os abusivos prezos de Audasa e, pese a que as bonificacións anunciadas desde o 1 de xaneiro supoñen un alivio para os condutores e condutoras que transcorren frecuentemente por esta vía, vexo necesario ir máis aló e que Goberno de España e concellos, representados cada un a título individual ou a través da Fegamp, traballemos xuntos de forma activa para ir liberalizando a AP-9", argumenta o alcalde, quen cre que a súa obrigación é "ser esixente con todas as administracións, independentemente do signo político da mesma".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.