Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2025 | Actualizada ás 13:42
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinou este mércores cos colexios de farmacéuticos de Galicia o convenio para implantar a "rede de farmacias sentinela". Esta constará de 70 oficinas que proporcionarán á Administración datos de vendas de medicamentos antigripais sen receita e de test de antíxenos co fin de predicir o pico da incidencia da gripe "dúas semanas antes" de que se produza. Ademais, pediu, ante a onda de gripe, que a xente só vaia a Urxencias "cando o necesita" para evitar sobregarcas.
Trátase dun proxecto piloto que forma parte do plan sanitario invernal que aprobou o Consello da Xunta a comezos do pasado decembro. A información sobre as dispensacións sométese a un modelo matemático que, xunto cos datos asistenciais de Atención Primaria e dos hospitais, permitirá albiscar cando se dará o máximo de infeccións para adoptar decisións no plano asistencial.
"Unha vez máis, a saúde pública galega é pioneira", asegurou o conselleiro, quen compareceu ante os medios, tras a firma, xunto coa secretaria xeral técnica do seu departamento, Natalia Lobato; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e os presidentes do catro colexios provinciais de farmacéuticos: Beatriz García (Pontevedra), quen exerceu como portavoz; Sara Catrain (A Coruña); Alejandro Sánchez (Lugo); e Santiago Leis (Ourense).
Gómez Caamaño asegurou que esta rede comeza con 70 farmacias --30 na Coruña, 20 en Pontevedra, 10 en Lugo e outras 10 en Ourense--, pero que o obxectivo é que a cifra aumente proximamente. A falta de que se actualicen os datos sobre a incidencia da gripe na primeira semana do ano, o conselleiro reiterou que, na última semana de 2024, as consultas vinculadas a estas infeccións respiratorias creceron un 21 por cento sobre a penúltima.
CURVA "IGUAL" Á DE 2019
Polo momento, a forma da curva da onda de gripe é "exactamente igual" á do ano 2019, tal e como explicou o conselleiro. Os casos correspóndense, principalmente, á gripe B e ao subtipo H1N1 da gripe A. Mentres tanto, o virus da covid-19 está "estabilizado".
O plan invernal de continxencia da Consellería de Sanidade inclúe tamén a habilitación de 600 camas hospitalarias a maiores --en función da intensidade-- e hai áreas sanitarias que xa as están pondo a disposición, como a de Vigo con 45 prazas. "Igual que no plan de verán pechamos camas, no de inverno facemos o contrario", dixo Gómez Caamaño.
"ÉXITO" DE 'GALFLU' E 'XENOMA'
Por outra banda, na mesma rolda de prensa, os responsables de Sanidade confirmaron o "éxito absoluto" que cultiva ata o momento o proxecto 'Galflu', o ensaio clínico que se realiza en paralelo á campaña de vacinación deste ano para determinar se a vacina contra a gripe de alta carga produce a mesma reposta inmune en pacientes de máis de 80 anos --aos que xa se lles inxecta a deste tipo-- e nos de menos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.