Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/01/2025 | Actualizada ás 21:00
"Calquera proxecto industrial ten efectos negativos e positivos, polo que hai que buscar equlibrios". É a opinión do economista e director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, sobre a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. "Non é posible un impacto cero", dixo ao tempo que engadiu que tampouco se pode asumir "calquera tipo de proxecto".
En declaracións aos medios, Lago avogou por "rexeitar posicións extremas" para analizar "efectos negativos e positivos" de forma "rigorosa". Por iso, pide "botar números" acerca de custos e beneficios. Cuestionado sobre os 250 millóns de subvención pública que pide Altri para o seu proxecto, Lago opina que "250 son moitos millóns" e lembra que España optou "non por concentrar" as partidas de fondos europeos, senón por "esparcir" esas axudas.
INDITEX NUNCA PEDIU AXUDAS
A este respecto, o expresidente da Xunta, o socialista Gonzalo Fernando González Laxe, tamén integrante deste Foro, asegurou que establecer un proxecto "en función dunha subvención" vai en contra da propia "definición" dun empresario, que é alguén que "asume riscos". Lembrou que a compañía "máis importante de Galicia", en alusión a Inditex, "nunca pediu unha subvención do 20% para o seu investimento".
No entanto, Santiago Lago indica que no Foro Económico "hai opinións de todo tipo" sobre o proxecto de Altri, dado que son "moi plurais" con expertos "de todas as orientacións ideolóxicas". "Non temos como Foro unha opinión", senón que se produce un "debate racional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.