Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2025 | Actualizada ás 21:00
A Xunta reforzará o control sobre a xestión que se fai en Galicia dos residuos industriais co dobre obxectivo de reducir a súa xeración e de optimizar o tratamento deste tipo de refugallos, tendo en conta tanto o seu volume como a súa relevancia ambiental polos riscos potenciais que levan asociados. Un anuncio que fai ao tempo que flexibiliza as autorizacións ambientais.
Esta é unha das novidades do novo Plan de inspección ambiental de Galicia 2025-2030 da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do que tomou razón este luns o Consello da Xunta e que, destacou nunha nota de prensa, "vai en liña cos obxectivos e retos en materia de clima asumidos pola Xunta e coas políticas para o impulso da economía circular".
En concreto, por primeira vez, a planificación plurianual da Xunta neste ámbito incluirá un programa específico para os xestores de residuos industriais co que se espera contribuír a promover unha política "adecuada e eficaz" neste ámbito. Ademais, a administración autonómica explicou que o novo plan de inspección contará con outros catro ámbitos de actuación en función do tipo de suxeito que se someta a vixilancia: instalacións con autorización ambiental integrada (AAI), traslado de residuos, vertedoiros, outras actividades e os xestores de residuos.
INSPECCIÓN
O obxectivo a través destes cinco plans específicos de traballo é conseguir unha maior eficiencia no labor dos inspectores que realizan esta función, comprobando que as distintas instalacións cumpren coa normativa sectorial vixente e centran os seus esforzos en evitar ou, cando isto non sexa posible, reducir e controlar a contaminación sobre os distintos vectores ambientais.
Así mesmo, inclúese tamén un plan transversal de xestión da calidade da inspección ambiental que prevé, entre outras medidas, o desenvolvemento dentro da plataforma dixital GAIA do módulo de seguimento ambiental e de novas funcionalidades na aplicación de inspección para aumentar a telematización, a transparencia e a relación directa cos interesados.
BALANCE PLAN 2019-2024
Nesta mesma nota de prensa, a Xunta detallou que no marco do Plan de inspección ambiental 2019-2024 realizáronse un total de 7.940 visitas, tanto programadas como aleatorias, repartidas en catro grandes áreas: actividades sometidas a AAI, actividades que non necesitan contar cunha AAI, traslado de residuos transfronteirizos e vertedoiros.
Como aspectos positivos e máis relevantes no últimos seis anos, o Goberno galego destacou que case o 60% das instalacións sometidas á normativa de prevención e control integrados da contaminación incrementaron o grao de cumprimento da súa autorización ambiental.
Ademais, sinalou que se constatou unha mellora xeneralizada do cumprimento ambiental por parte dos sectores obxecto de inspección --talleres, depósitos de chatarra, puntos limpos...-- e unha diminución dos puntos de verteduras incontroladas (PVI) de residuos en Galicia, dous asuntos nos que o persoal do Servizo de Inspección Ambiental da Consellería (que consta de 23 prazas de inspectores) contou tamén coa colaboración dos axentes da Unidade da Policía Autonómica adscrita a Galicia e da Garda Civil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.