Por Galicia Confidencial | Lugo | 07/03/2016 | Actualizada ás 12:05
"Non estabamos afeitos a este proceso e, tal e como pasa ao xogar unha partida de tute, pode haber entre os xogadores unha sensación incómoda ao terminar a partida, en función dos resultados". Deste xeito tan gráfico describiu a nova presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, a situación que acaba de vivir o seu partido nesta provincia e que a enfrontou coa delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias.
Candia venceu con case o 70% dos votos. Unha vitoria que foi posible grazas ao triunfo que obtivo no congreso local da capital provincial, a conseguir 163 compromisarios dos 739. Precisamente, a agrupación local do PP de Lugo, como outras comarcas da provincia, en especial Sarria, quedou moi dividida tras este congreso.
Unha situación que tenta, agora, solventar a nova presidenta ofrecendo traballar "xuntas" para "aglutinar a moitas sensibilidades". "Trátase de que todo o mundo se sinta representado, de que todo o mundo se sinta partícipe deste proxecto de partido", suliñou en declaracións aos medios.
Sen embargo, e como ela mesma describiu moi gráficamente con esa partida de tute, as diferencias xurdidas neste proceso tardarán moito en cicatrizar. De feito, o seu chamamento a "sumar" chega xusto despois de que teña fracasado, nos últimos días, un intento de que ambas as dúas candidatas chegaran a unha lista de consenso que, finalmente, foi imposible.
Por iso, a delegada da Xunta en Lugo apelaba a ese 30% obtido no congreso para amosarse "orgullosa" de contribuír "a plantar a semente da democratización interna do partido". Unha clara alusión ao control que ata agora exercía o sector barreirista, de quen Candia é herdeira.
A pesar desas diferencias, públicamente, as dúas dirixentes tentan dar a sensación de que esas diferencias xa non existen. "Dixémolo as dúas candidatas desde o principio. O Partido Popular sempre estivo unido e seguirá unido. A partir de agora, traballaremos xuntos", indicou Arias.
"Sempre dixen que non tiña unha rival, que tiña unha compañeira e por iso traballarei para aglutinar a moitas sensibilidades na nova executiva provincial, porque xuntos poderemos conseguir grandes obxectivos", engadiu pola súa parte Candia.
Con todo, non son poucos os que están moi pendentes que acontecerá a partir de agora, sobre todo, logo dunha campaña moi dura na que houbo acusacións cruzadas de chanchullismo e mesmo anuncios nos medios de comunicación denunciando "pucheirazos", como aconteceu coa agrupación de Sarria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.