Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 16/01/2025 | Actualizada ás 15:20
Axentes da Garda Civil de Tráfico detiveron a un condutor como suposto autor de varios delitos contra a seguridade viaria, por circular de forma temeraria, sen carné e baixo os efectos das drogas, e despois dunha persecución entre Valga e Padrón, na que o sospeitoso chegou a ameazar aos axentes cunha pistola de aire comprimido que simulaba ser un arma de fogo. Segundo informaron fontes da Comandancia, os feitos ocorreron este martes cando un garda civil destinado no posto de Caldas de Reis e fóra de servizo observou circulando pola N-550, á altura de Valga, a un condutor dunha furgoneta ao que coñecía por motivos profesionais, e do que sabía que carecía de carné por perda de todos os puntos.
De inmediato, o funcionario alertou á Central Operativa de Servizo (COS), en vista de que o home conducía realizando manobras bruscas e perigosas, e ante a sospeita de que a furgoneta na que ía puidese ser roubada. Así, foi informando da posición do condutor ata que chegaron as dotacións da Garda Civil e déronlle o alto, pero este fixo caso omiso e emprendeu a fuxida. Iniciouse así unha persecución por varias estradas, xa na provincia da Coruña, co sospeitoso circulando de forma temeraria, invadindo o carril contrario e chegando a exhibir unha pistola coa que apuntou aos axentes desde o portelo do vehículo. Cando ameazou aos gardas coa pistola, o condutor perdeu o control da furgoneta e puxo en risco a integridade doutros condutores e peóns, chegando a circular por enriba da beirarrúa.
Ademais, durante a súa fuxida, entrou nunha estación de servizo a gran velocidade, obrigando a outro condutor a realizar unha manobra evasiva para evitar unha colisión, e volvendo exhibir a arma. A fuxida concluíu finalmente no quilómetro 2,200 da AC-305, no termo municipal de Padrón, onde o vehículo foi interceptado. O condutor saíu da furgoneta coa arma e iniciou a fuga a pé por unha leira privada, pero foi detido. Os axentes interviñéronlle a pistola, que resultou ser de aire compromido que, pola súa aparencia, simulaba ser real; así, impútanlle tres supostos delitos contra a seguridade viaria: un de condución temeraria, outro por circular sen carné e un por condución baixo os efectos das drogas (pendente da ratificación da análise por parte do laboratorio de referencia).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.