Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2025 | Actualizada ás 12:47
Por fin algunhas forzas de esquerda toman conciencia do perigo que supón permanecer nunha rede propiedade dun ultra confeso e multimillonario populista como é o sudafricano Elon Musk. O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, enviou unha carta a todas as forzas políticas progresistas de Galicia para abandonar "de forma coordinada" a rede social 'X' e "dar exemplo en Europa de cordón sanitario tamén na rede", do mesmo xeito que fixo este mesmo luns a plataforma a nivel estatal.
Para Paulo Carlos López, "a única forma de que sexa efectivo e que provoque un efecto de bóla de neve tamén no Estado é facelo de forma conxunta e anuncialo". Tamén suxire ao PPdeG que dea o paso, pero, indica: "Non espero nada porque se atopan cómodos nese marco".
Na carta, dirixida ao BNG, ao PSdeG, a Esquerda Unida, a EQUO-Galicia e a Podemos Galicia, o secretario xeral de Sumar indica que a plataforma 'X' "é definitivamente un altofalante da extrema dereita mundial e do goberno Trump"
Segundo López, non poden ser "escravos dunha persoa que ten unha actitude marcadamente fascista", algo que, na súa opinión é "cada vez máis evidente". Por iso, apela ás organizacións progresistas a buscar "alternativas conxuntas onde poder mostrar" os seus "acordos e discrepancias", pero "sempre dentro dun marco democrático".
Así mesmo, recoñeceu que é "comprensible" que algunhas organizacións teñan dúbidas xa que "algunhas teñen comunidades moi grandes", pero tamén indicou que pode facerse de maneira "progresiva". Ademais, manifestou que o algoritmo de 'X' promove "o racismo, o machismo e ideas contrarias aos máis elementais dereitos humanos", polo que "non é un campo de xogo válido para a expresión de ideas en pé de igualdade".
MEDIOS DE COMUNICACIÓN E ACTIVISTAS
Esta rede, agora en man dun ultradereitista confeso, xa foi abandonada por medios de comunicación, activistas e distintas entidades. O primeiro gran medio en deixala foi The Guardian e unhas horas despois fíxoo La Vanguardia e Galicia Confidencial, entre outros medios. Tamén a Universidade de Santiago e distintas entidades de dereitos humanos abandonaron esta rede pola súa deriva ultra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.