Por Galicia Confidencial | Santiago | 15/03/2016 | Actualizada ás 12:49
Galicia pechou o ano 2015 cunha débeda pública de 10.375 millóns de euros, récord histórico en termos totais, con máis de 400 millóns máis que hai un ano e un aumento porcentual de do 4,2%.
A débeda actual do país representa xa o 18,6% do Produto Interior Bruto (PIB), a só catro décimas do máximo marcado a principios do ano 2014, cando chegou ao 19%. Moi lonxe quedan xa os mínimos históricos dos anos 2006, 2007 e 2008, cando a débeda pública de Galicia se mantivo por debaixo do 7% do PIB.
Dende 2009, a débeda galega non deixou de crecer até o seu máximo rexistrado no ano 2014, que podería ser superado se continúa a tendencia á alza dos últimos meses. De feito, a débeda creceu un 0,8% respecto ao terceiro trimestre de 2015 e está tres décimas por riba do rexistro de principios do ano pasado.
Esta é a cuarta vez que a débeda pública de Galicia supera os 10.000 millóns de euros e supera todas as cifras anteriores.
A galega representa, en cifras totais, o 4% do total da débeda das comunidads autónomas e é a sexta comunidade con menor porcentaxe de endebedamento, por detrás da Comunidade de Madrid, Euskadi, Navarra, La Rioja, Canarias e Asturias, segundo os datos publicados hoxe polo Banco de España.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.