O Revenidas finalista en tres categorías dos premios Iberian Festival

Competirá para acadar os galardóns a Mellor Festival de Formato Medio, Mellor Fotografía de Festival e Mellor Cobertura de Vídeo.

Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 04/02/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O festival Revenidas de Vilaxoán presume de ser finalista en tres categorías dos prestixiosos premios Iberian Festival Awards 2025: Mellor Festival de Formato Medio, Mellor Fotografía de Festival e Mellor Cobertura de Vídeo.

Foto de Christian Pérez (Revenidas 2024) nomeada na categoría de Mellor Foto de Festival.
Foto de Christian Pérez (Revenidas 2024) nomeada na categoría de Mellor Foto de Festival.

Esta selección supón xa un recoñecemento previo que deixa en moi bo lugar o gran traballo da organización nestes anos e que reforza a ilusión por seguir adiante e buscar a mellora para as vindeiras edicións. O festival de Vilaxoán conságrase deste xeito entre os dez mellores festivais deste formato da península, xunto ao SonRías Baixas (Bueu), Noches del Botánico (Madrid), Festival Gigante (Guadalajara), Stone & Music Festival (Mérida) e outros cinco festivais de Portugal.

A gala de entrega de premios da oitava edición dos Iberian Festival Awards terá lugar en Almancil (Loulé), no Algarve, o 21 de marzo.

A edición de 2024 do festival Revenidas, celebrada do 12 ao 14 de setembro, congregou a 25.000 asistentes nun extraordinario ambiente e cunha reafirmada aposta pola música galega (Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, The Rapants, Guadi Galego, Dakidarría, Rebeliom do Inframundo…) e grandes artistas do panorama internacional (Talco, Dubioza Kolektiv) e estatal (La Pegatina, Narco, El Kanka…).

FORTALEZAS DO FESTIVAL

A candidatura do Revenidas destacou o feito de que unha pequena poboación como é Vilaxoán, cun censo menor a 2.000 persoas, sexa quen de acoller un festival desta dimensión e con estas características. Tamén se subliña o gran impacto económico que o Revenidas xera: valorado pola USC en dous millóns de euros, con 150 postos de traballo directos, que se suman aos máis de 500 entre técnicos e artistas. Por último, tamén se ten en consideración a programación paralela, a maiores dos 40 concertos, coa sardiñada popular, a Gala de Circo Solidaria, os concertos a bordo ou o roteiro turístico pola vila.

Imaxe do Revenidas 2024. Foto de Christian Pérez.
Imaxe do Revenidas 2024. Foto de Christian Pérez.

MELLOR FOTO DE FESTIVAL

Christian Pérez, responsable da vertente fotográfica do Revenidas dende hai case unha década, volve a ser finalista na categoría de Mellor Fotografía de Festival. A imaxe candidata foi tomada durante o concerto de Tanxugueiras no momento no que o trío de pandereteiras cantou entre o público. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta