Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/03/2016 | Actualizada ás 12:00
O Goberno galego acaba de aprobar un novo regulamento que permitirá abrir máis dun casino por provincia porque, segundo dixo o seu presidente, é “un polo de visitantes” e “creará moitos postos de traballo”.
“Trátase dunha reclamación histórica do sector que permitirá, no caso de que así o decida o operador, por exemplo, que exista un casino en Vigo ademais do da Toxa”, explicou Núñez Feijóo este xoves na rolda de prensa do Consello tras explicar que era unha petición dos empresarios do sector, principalmente, de Pontevedra.
O regulamento aprobado hoxe regula as salas adicionais que poderán ter na mesma provincia tanto o casino da Coruña, como o da Toxa (Pontevedra). A cidade na que se instale a sala adicional deberá ser diferente á da localización actual da matriz e non poderá superar o 80% da superficie da zona de xogos do casino orixinal.
Entre outros criterios que se valorarán para conceder a licenza, explicou Núñez Feijóo, figuran o interese turístico, a experiencia e a calidade ou un informe municipal de idoneidade das instalacións. A licenza será por 10 anos, que serán prorrogables, e nas instalacións estará prohibida a entrada a menores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.