Omar, as dificultades de ser mariscador aos 34 anos: "Como galego e amante do mar, é un orgullo formar parte dun oficio milenario"

"Hai moita diferenza disto a traballar nunha fábrica e ser esclavo, no meu caso tendo que desprazarme ademais, sumándolle ás oito horas de traballo unha hora máis entre ir e volver, facendo fins de semana e sen tempo para vivir porque sempre estás cansado", conta este mozo vilagarcián ao Galicia Confidencial. "Este traballo agora proporcióname unha calidade de vida moi boa", celebra.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 17/02/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Omar é un mozo de 34 que leva tan só catro meses traballando como mariscador a pé en Vilaxoán, unha vila pertencente ao concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa. Despois de ter traballado durante varios anos no sector da industria, non pode estar máis contento de ter apostado por incorporarse a este oficio, algo que lle recomenda a todo o mundo que se plantexe, pois asegura que se gaña en calidade de vida e en saúde mental. Ademais, asegura que esta profesión tamén deixa tempo para poder compaxinalo con outras cousas, como outros traballos que che permitan sumar un pequeno extra ao soldo do mes ou hobbies para os que a todos nos gustaría gozar de máis tempo libre. Dende o Galicia Confidencial, despois de analizar a dura situación do marisqueo a pé en Galicia nalgunhas das principais vilas mariñeiras onde se dá o cultivo de ameixas e mexillóns, falamos con Omar para coñecer as partes positivas dunha profesión que, aínda que cada vez está peor pagada e máis maltratada pola contaminación e a mala xestión das administracións, é das máis fermosas que existen no mundo.

Mariscadores a pé
Mariscadores a pé | Fonte: Arquivo

Cóntanos que leva só catro meses como mariscador a pé en Vilaxoán, dende o pasado outubro. "Meu pai era mariñeiro, nun comezo foi peixeiro pero, cando as cousas se puxeron mal no negocio, meteuse de cociñeiro na mariña mercante", sinala. Ademais, apunta que "meu avó tamén foi mariñeiro, aínda que non cheguei a coñecelo". Deste xeito, a vinculación co mundo do mar xa lle viña de familia a este mozo, algo que tamén queda demostrado co seu propio nome: "Meu pai púxome como nome Omar non porque lle gustase o nome marroquí, senón porque pensaba no mar". Por iso, despois de traballar en fábricas durante toda a súa vida profesional, pasando, entre outras, polo xigante do aluminio Cortizo, cando viu a oportunidade de meterse como mariscador a pé, non o dubidou. E é que "nas fábricas non é fácil entrar de maneira estable, cóllenche dous anos, logo mándanche ao paro, tes un ano de paro no que te ves obrigado a traballar un pouco en negro para sobrevivir, logo vólvenche coller, para volver botarte pasado un tempo...", explica.

"ESTOU ENCANTADÍSIMO DE ADICARME A ISTO, DE TRABALLAR AO AIRE LIBRE, COA AUGA, CO SOL... CADA VEZ QUE COLLO UNHA AMEIXA BOA, SÓBEME A DOPAMINA"

Omar non quería continuar con esa inestabilidade, así que fixo todo o preciso para facerse cun oco entre os mariscadores a pé de Vilaxoán. Confesa que, "aínda que poida parecelo, non é doado entrar nesta profesión". No seu caso, "tiven que estar dous anos sen traballar, no paro, para ir facendo puntos para poder entrar". Este mozo vilagarcián aínda lembra o momento no que, nun proceso en Vigo no que había unhas 30 ou 40 persoas para tan só 7 prazas, lle comunicaron que era un dos agraciados para sumarse aos mariscadores a pé de Vilaxoán: "Foi unha festa". Festa que non decaeu, nin moito menos, cando puxo por vez primeira os pés no mar. "Estou encantadísimo de adicarme a isto, de poder traballar ao aire libre, coa auga, co sol... Sobre todo tendo en conta que veño dunha fábrica na que sempre estabas escoitando ruídos e pechado nun interior", celebra Omar, que asegura que "eu son moi feliz na praia, aínda que poida haber días máis duros, de mal tempo, pero disfruto moito cada momento, non teño a sensación de estar traballando sequera". "Cada vez que collo unha ameixa boa, sóbeme a dopamina, póñome moi contento e danme máis ganas de coller o raño e poñerme a buscar máis", chancea.

"Como galego e amante do mar que son, para min é un orgullo poder traballar nel, formando parte dun oficio milenario", proclama Omar, que pon en valor "a calidade do marisco galego, todo un emblema da nosa terra que tamén se plasma no Camiño de Santiago". De feito, ao respecto disto, asegura que "son moitos os peregrinos que cada día se paran a ver como apañamos o marisco e que nos toman fotos, porque lles gusta ser testemuñas do marisqueo artesanal, da nosa tradición". "É un traballo moi exótico para eles e moi bonito para min, polo que non podo estar máis contento", dinos este mozo, que, con todo, convida ás administracións competentes a tomar medidas para que mellore un pouquiño a situación económica dos mariscadores. E precisamente para dar a coñecer este oficio máis en fondura, Omar decidiu abrir unha conta nas redes sociais (tanto en Instagram coma en Tik Tok) na que xa subiu algúns vídeos do que se atopa día a día nas praias de Vilaxoán. "Sei que todos os mozos pasamos moitas horas do día no móbil e tamén que o marisqueo lle gusta e lle chama moito a atención á xente de fóra de Galicia, así que, quen sabe se facendo este tipo de contido podo chegar a ter influencia e lograr dar unha maior visibilidade a este oficio", plantéxase.

Mariscadores a pé
Mariscadores a pé | Fonte: Arquivo

"SAÍMOS UNS 10 DÍAS AO MES MARISCAR, FACENDO XORNADAS DE ENTRE 2 E 4 HORAS; DÚAS VIXILANCIAS AO MES DE FURTIVOS E LIMPEZA DE ALGAS"

Ademais, nesta profesión non se traballa 8 horas de luns a venres ou fins de semana e festivos, senón que "estamos todos metidos nunha aplicación na que unha bióloga nos vai mandando información sobre as mareas e a meteoroloxía, para que saibamos como vai estar o mar cada día", e, aproximadamente, "saímos uns 10 días ao mes mariscar, facendo xornadas de entre dúas e catro horas de media". Polo que respecta aos días de mal tempo, algo que en Galicia non falta, apunta a que hai algúns nos que directamente non poden saír, se hai borrascas moi fortes que baixan excesivamente a salinidade da auga, pero, nos que si saen, "xogas un pouco cos tempos: se cando fai sol botas catro horas apañando, cando chove fas dúas e tratas de ir máis rápido". Outro punto a ter en conta no seu oficio é que non hai un horario definido ao longo do tempo, senón que teñen que adaptarse ás mareas, de maneira que hai días nos que teñen que estar no mar ás seis da mañá e outros ás cinco da tarde. Por poñernos un exemplo, Omar conta que nesta primeira semana de febreiro "o luns tivemos que comezar a traballar ás oito da mañá, o martes xa pasamos ás oito e media, o mércores ás nove... Cada día imos media hora máis tarde, porque así funcionan as mareas". O que si saben fixo é que, por lei, non poden mariscar máis aló das seis da tarde.

A maiores do traballo de apañar o marisco como tal, para gañarse o pan, outra das tarefas obrigatoria para calquera mariscador é a vixilancia do furtivismo, unha lacra da que a xente do mar non se dá desfeito e que lles afecta moi negativamente. "Máis ou menos xa sabemos quen son, adoitan ser sempre os mesmos, maioritariamente xente de baixos recursos e con problemas familiares ou económicos", apunta Omar, que, con todo, tamén sinala que "cada vez hai máis furtivos profesionais que van con lanchas e moi organizados". Para tratar de disuadir a estes aproveitados, "temos que vixilar activamente as praias ata as doce/unha da noite, de maneira obrigatoria". "Á extracción de marisco podes faltar se queres, porque só che vai influír a ti no peto, pero ás vixilancias non, do mesmo xeito que ás limpezas de algas, que tamén son obrigatorias, para evitar que tapen o marisco e o afoguen", explica. Cantas destas vixilancias e limpezas fan cada un ao mes? "Vixilancias, normalmente, adoitan ser dúas ao mes; limpezas, depende moito, no verán son máis numerosas porque co calor hai máis algas", indica Omar.  E, como calquera traballador, ademais dos seus descansos mensuais nos días que non están laborando, "temos 10 días libres, de vacacións, como calquera outro traballador". Agora ben, se non se vai ao mar, non se cobra.

"EN VILAXOÁN, DE MEDIA E QUITANDO XA A CUOTA DE AUTÓNOMOS, CADA MARISCADOR PODE QUEDARSE CUNS 900 EUROS LIMPOS AO MES"

Falando de cobrar... Por traballar eses 10 días do mes unha media de dúas a catro horas... Cal é o montante total de diñeiro que pode levar ao mes un mariscador a pé para a casa? Aínda que depende moito da zona, porque non todas teñen o mesmo nivel de produción nin as mesmas condicións, Omar sinala que, "de media, en Vilaxoán, quitando a cuota de autónomos, podemos quedar cuns 900 euros limpos, para nós, con meses nos que chegas aos 1.100 e outros nos que te quedas en 700". Por iso, considera que, "dentro do que cabe, estamos bastante ben, aínda que ben é certo que con 900 euros ao mes non podes vivir dignamente, polo que a xente normalmente ten outros traballos complementarios ou fai algunha que outra 'chapuza' como xardineiro ou mecánico, por exemplo".

Ademais, para Omar o máis importante é a liberdade que lle proporciona o ser mariscador: "Hai moita diferenza disto a traballar nunha fábrica e ser esclavo, no meu caso tendo que desprazarme ademais, sumándolle ás oito horas de traballo unha hora máis entre ir e volver, facendo fins de semana e sen tempo para vivir porque sempre estás cansado". "Este traballo agora proporcióname unha calidade de vida moi boa e, se gañásemos un pouquiño máis, polo menos chegando aos 1.200 euros que supoñen o salario mínimo ao mes, e son optimista e creo que a cousa mellorará, sería ideal", afirma o vilagarcián.

"O GRANDE INVESTIMENTO QUE FIXEN PARA PODER ESTAR AQUÍ PAGOU A PENA, ASÍ QUE ANIMO A TODA A XENTE A QUE O INTENTE"

Polo que respecta ás ferramentas de traballo, este mozo emprega o raño para apañar as ameixas, aínda que ao seu redor hai moitas señoras que as seguen collendo a man ou cun pequeno angazo, pois non é doado manexar nin tampouco aguantar o peso deste utensilio, que pode superar os 10 quilos. "Ten a súa ciencia, as primeiras veces non é tan sinxela a cousa, hai que collerlle o truco, pero tampouco hai que estudar unha carreira para usalo", confesa Omar, que lembra que "cando comecei a traballar houbo un día que me deixou paralizado na cama, porque cando traballas co raño tes que ter a espalda moi recta e facer a forza cos brazos, cos antebrazos e cos ombros, non coa espalda, pero ata que non aprendes polas malas...", ríse. Agora cada vez que ve que lle comeza a tirar un pouco a espalda, lémbrase dese momento no que quedou prostrado na cama sen poder moverse e, rapidamente, pona recta.

E no tocante aos seus compañeiros de marisqueo a pé, ao preguntarlle sobre se ve garantido o relevo xeracional na profesión, Omar conta que "hai moita xente maior, moitas señoras, pero tamén está entrando xente nova e teño varios compañeiros que rondan a miña idade". "Entrou fai pouquiño unha rapaza que ten máis ou menos a miña idade e outra tamén moi nova que é de Madrid, logo teño outras dúas compañeiras máis que tamén están entre os 30 e 40 anos...", detalla o mariscador vilagarcián. Así mesmo, a maiores dos que xa hai, este mozo animaría a toda a xente a sumarse á profesión, porque "o esforzo que teñen que facer paga a pena". "Eu gastei antes de entrar aquí 600 euros, aproximadamente, entre o pago de cursos, a compra de material e roupa, os recoñecementos médicos... Foi un investimento grande, pero pagou a pena, así que animo a toda a xente a que o intente, iso si, sabendo que entrar non é do máis doado e que van ter que poñer tamén moito da súa parte", conclúe Omar.

Mariscadores a pé
Mariscadores a pé | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta