Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/03/2016 | Actualizada ás 08:00
Os dirixentes afins ao xa ex secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, son partidarios de seguir os tempos que este partido marcara antes da súa dimisión para non abrir novas frontes internas.
Así o teñen manifestado nos últimos días a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o de Lugo, Darío Campos. Todos eles xa se descartaron como candidatos á Xunta pero quixeron deixar claro que o PSdeG non pode agora entrar en loitas internas antes de que non se solucione a situación de ingobernabilidade do Estado.
Unha tese que mantiña o propio Besteiro antes da súa dimisión e é a mesma idea que tamén defende o líder do PSOE, Pedro Sánchez, e outros dirixentes como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. Todos eles entenden que abrir un proceso de primarias ou celebrar un congreso extraordinario xogaría en contra dos "intereses" do PSdeG e insisten na necesidade de "deixar traballar" á nova xestora creada e que dirixe a secretaria de Organización, Pilar Cancela.
Neste sentido, González Formoso suliñou que "os tempos os vai a marcar a xestora do partido", aínda que terá en conta as eleccións autonómicas de outono. "Hai que ter feitos os deberes en casa canto antes para poder presentarnos con forza a un proceso de eleccións tan importante", destacou.
Tamén destacou o papel de Besteiro. "É un pau importante para nós, tanto no persoal como no orgánico e o político porque é unha perda que espero que sexa temporal, que non sexa para sempre, nin moito menos. Sería unha perda irreparable para o Partido Socialista e, por tanto, tamén para Galicia", apuntou.
Tamén o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, insistiu en que o candidato idóneo para encabezar a candidatura socialista á Xunta de Galicia era José Ramón Gómez Besteiro. En canto aos posibles candidatos á presidencia da Xunta de Galicia, opina que pode haber "moitos" no PSdeG, pero xa anunciou que ata que eles mesmos dean un paso á fronte non se vai a "decantar por ninguén".
Ademais, lembrou que neste momento toca esperar para ver que pasa co Goberno de España e despois será a xestora a que convocará as primarias para elixir o candidato.
Da mesma opinión é a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que é partidaria de aprazar as primarias para centrarse na conformación dun Goberno estatal "progresista e de esquerdas". Ese é, cre, o gran obxectivo que debe de ter o PSdeG nas vindeiras semanas logo da dimisión de José Ramón Besteiro como secretario xeral deste partido e a constitución dunha xestora.
"Elixir candidato agora non ten présa inmediata porque o primeiro é axudar a formar un Goberno estatal de esquerdas e progresista", dixo en declaracións aos medios nun acto en Lugo. Por iso, amosouse partidaria de esperar a elixir novo candidato do PSdeG ás eleccións galegas porque, insistiu, nestes momentos, "está constituída unha xestora que será a que despois marque os tempos".
Sen embargo, dirixentes do sector críticos consultados por GC destacan que esta estratexia "non beneficia ao partido" e "si aos intereses de Sánchez e de Besteiro" porque, din, están apurando as datas para "colocar a unha persoa afin como candidata".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.