Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/02/2025 | Actualizada ás 14:45
Semana tras semana, case día tras día, o presidente da Xunta ten que responder ao futuro proxecto da megacelulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei. Este luns era para responder as acusacións de "tráfico de influencias" feitas polo BNG e tamén ás declaracións dun directivo da empresa que apuntaba a principios de marzo como a data na que os informes poden estar listos.
"Non coñezo esas declaracións pero nós seguimos os nosos ritmos. O dictame estará cando os técnicos o teñan claro, vista toda a documentación. Por moito de que diga calquera, os prazos legais serán os que digan os técnicos", destacou Alfonso Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
O xefe do Executivo galego foi moito máis duro co BNG. Este mesmo luns, o deputado nacionalista Luís Bará, pedíalle "que desclasifique os papeis ocultos" de Altri para "coñecer os acordos secretos asinados" entre a Xunta e a sociedade Impulsa, "que tiveron continuidade" ata a declaración da iniciativa como proxecto industrial estratéxico. "Mesmo podería haber tráfico de influencias e de información privilexiada", engadía.
AS "INSIDIAS" DO BNG
"Outra vaca no millo", respondía Rueda que volveu ser moi crítico cos nacionalistas por "poñer en dúbida" e "verter insidias nunca sustentadas" sobre o traballo que fan os técnicos. "Agora resuolta que o problema vai ser un órgano da Xunta que preside a Xunta", indicou sobre a sociedade Impulsa. "Que lle imos facer. Cando non hai outros argumentos, pois a tónica é esta", engadiu.
Rueda volveu lembrar que o BNG tamén coñecía o proxecto de Altri antes das pasadas eleccións galegas e que estaba a favor del. "Para min todo isto demostra unha cousa, e é que o BNG coñecía perfectamente o proxecto, outra cousa é que, ao perder as eleccións, cambiaron a súa postura. Insisto, se o Bloque gañara as eleccións, Altri instalaríase en Palas", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.