Castelao e a súa teima de unificar o "ser nacional galego" dentro dunha república federal española ou ibérica

Ramón Villares destaca que o Sempre en Galiza é unha obra que segue viva porque ofrece un futuro de esperanza. O director da Sección de Historia cualifícaa como o testamento no que Castelao deixa constancia da loita política e cultural da súa xeración, galeguista e republicana

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/02/2025 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

"É un testamento no que Castelao deixa constancia da loita política e cultural da súa xeración, galeguista e republicana".  Así define o director da Sección de Historia da Real Academia Galega (RAG), Ramón Villares, o Sempre en Galiza. Libro esencial na cultura política galega do século XX, esta obra saía do prelo por primeira vez no ano 1944 en Buenos Aires. O volume converteuse decontado nun referente para o galeguismo do exilio e tamén do interior, onde foi lido de modo fragmentario ata a súa difusión masiva nos anos 70 do século pasado. O académico Ramón Villares destaca que esta obra recolle a idea de Castelao de que o "ser nacional galego" formara parte dunha república federal española ou ibérica, xunto con Portugal.

Caricatura de Castelao por Bagaria
Caricatura de Castelao por Bagaria | Fonte: RAG

No 75 cabodano do seu autor, estas páxinas son a peza destacada do mes de febreiro do sitio web sobre Castelao no que a Real Academia Galega está a afondar na figura e no legado do intelectual e artista rianxeiro. A obra que Castelao dixo escribir para escorrentar a morriña "segue viva despois de tantos anos porque narra a experiencia do autor como líder do galeguismo na II República, na guerra civil e no exilio e porque ofrece un futuro de esperanza para as xeracións futuras, mesmo a través do seu Alba de Gloria", valora Ramón Villares en referencia ao discurso que pecha a segunda edición, de 1961.

Sempre en Galiza é unha obra de textos de carácter heteroxéneo, "dada a diversidade de contextos políticos nos que foi escrito", dende aos anos 30 ata finais dos 40 do século pasado. Contidos que "son coma un río polo que corren as augas do pensamento galeguista, desde os provincialistas e rexionalistas ata os seus coetáneos nacionalistas da xeración Nós que, como Risco ou Otero Pedrayo, fixeran contributos esenciais para interpretar Galicia como realidade nacional", explica o historiador. "Pero a diferenza dos seus compañeiros, Castelao unifica a análise do “ser nacional de Galicia”, fundado en fortes trazos etnoculturais (terra, lingua, tradición), coa aposta de integrar a política galega no conxunto de España e mesmo da Iberia, dada a súa apelación constante a Portugal, mediante a fórmula dunha república federal española ou ibérica", detalla Ramón Villares.

PRIMEIRA EDICIÓN

A primeira edición de Sempre en Galiza, ao coidado do autor e datada o 10 de marzo de 1944, foi posible co apoio económico do Centro Ourensán de Buenos Aires e contou cunha tiraxe de máis de 2000 exemplares. Constaba de tres libros, precedidos dun “Adro” que arrinca con estas palabras que Castelao escribira en 1935 no desterro: Estou lonxe da miña Terra: en Badaxoz. Cóbreme un inmenso fanal azul. Atópome na torre de Espanta Perros e vexo dende eiquí as rúas ensarilladas da cibdade. Desde o exilio estremeño publicara n’A Nosa Terra a serie de artigos “Verbas de chumbo”,  os textos que constitúen o limiar.

Imaxe de Castelao no 1935
Imaxe de Castelao no 1935 | Fonte: RAG

Se o “Adro” coincide co desterro en Badaxoz, o “Libro primeiro”, escrito durante a guerra civil española, recolle as colaboracións nos xornais Nueva Galicia e Nova Galiza entre València e Barcelona. O “Libro segundo” comezou a redactalo Castelao en Nova York na primeira metade de 1940 e rematouno durante a viaxe no buque Argentina, que o levou dende os Estados Unidos ata Buenos Aires. E o “Libro terceiro” concibiuno en Buenos Aires, entre 1942 e 1943, nun momento marcado pola esperanza de que o triunfo dos aliados na segunda guerra mundial extinguise o réxime franquista.

A segunda edición, ao coidado de Rodolfo Prada e editada tamén en Buenos Aires, once anos despois da morte de Castelo, incorpora o “Libro Cuarto”. Castelao escribírao en 1947 á súa volta a Buenos Aires dende París, tras a caída do Goberno de Giral, do que era ministro sen carteira.

GOBERNO GALEGO NO EXILIO

En Galicia a recepción de Sempre en Galiza viuse limitada pola ditadura franquista e os exemplares da obra chegarían de forma clandestina. A acollida que non se lle puido dar na súa terra atopouna entre a comunidade galega na capital porteña. "O 2 de xullo de 1944, a Irmandade Galega de Buenos Aires organizou unha multitudinaria homenaxe co gallo da publicación do Sempre en Galiza. A pesar de que o goberno arxentino prohibira realizar manifestacións políticas en actos públicos, a celebración converteuse nun verdadeiro acto político de apoio a Castelao e a prol da creación dun goberno galego no exilio presidido por el", destácase no sitio web da RAG sobre o autor. "No discurso pronunciado durante a homenaxe, Castelao caracterizou o seu recente libro como unha tentativa de expresar en ideas os mesmos sentimentos amosados a través dos seus debuxos, salientando así a continuidade e a coherencia do seu percorrido ideolóxico", proséguese.

O libro recibira a primeira recensión na prensa no mes de maio, nas páxinas do Correo Literario de Buenos Aires, que dirixían os galegos Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela e Luís Seoane. O propio Seoane, baixo as siglas C. A., referíase nestas liñas a Sempre en Galiza como unha importante contribución para o tratamento dos problemas que afectaban a Galicia e salientaba tamén que Castelao realizaba unha defensa apaixonada das liberdades galegas. Era, ao seu xuízo, en definitiva, "uno de esos libros que invitan a la lucha y a la polémica y que por eso mismo, perduran en el tiempo", concluía.

O percorrido pola historia do Sempre en Galiza na sección da RAG dedicada a Castelao lembra tamén edicións posteriores como a tradución ao castelán publicada en 1971 polo Centro Galego de Buenos Aires, o Instituto Argentino de la Cultura Gallega e Ediciones, a tradución ao inglés do académico correspondente Craig Patterson do ano 2016, levada ao prelo por Francis Boutle Publishers, ou a edición crítica de 1992 publicada polo Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela en 1992. Coordinada por Ramón Máiz contando coa colaboración de Justo Beramendi, Xulio Cabrera, Xavier Castro, Iris Cochón, Francisco Dubert, Alfonso Mato, Henrique Monteagudo, Xan Moreno e Ramón Villares, constitúe o estudo máis demorado do libro e dos diferentes manuscritos de Castelao. A segunda edición apareceu no ano 2000.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta