Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 09/02/2025 | Actualizada ás 22:00
Ao máis puro estilo Succession ou House of Cards, o no seu tempo prestixioso grupo de empresas que integraba Editorial Compostela, co xornal El Correo Gallego --agora en mans de Prensa Ibérica, editora de El Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña-- como buque insignia, estaba dirixido, xestionado e manexado por un complexo entramado familiar e de amizades no que os cartos íanse intercambiando dunhas contas bancarias a outras de diversa titularidade --ata un total de 84-- coa finalidade de esquivar o pago de facturas ou nóminas e a devolución de préstamos realizados por diferentes empresas e entidades bancarias no momento en que o trasatlántico xa se estaba afundindo. Foi no ano 2021 cando El Correo Gallego entrou en crise económica de maneira visible, recibindo denuncias por impago por parte dos seus traballadores, pero os problemas financieiros xa viñan de lonxe. No 2022 a situación agravouse con despedimentos e unha redución significativa do cadro de persoal. Sen embargo, eses préstamos de empresarios e personalidades galegas influíntes retrasaron a entrada da empresa editora, Editorial Compostela, en concurso de acredores ata xullo do ano 2023. Máis de tres anos lograron manter o xornal a frote a base de préstamos.
O Galicia Confidencial tivo acceso exclusivo ao informe elaborado por parte do Grupo de investigación de Branqueo de Capitais da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía Nacional (UDEF) a raíz da investigación realizada sobre a información bancaria do grupo de empresas que integraban Editorial Compostela. Os investigadores detallan nel todas as contas relacionadas con estas empresas. En total, lográronse relacionar co grupo 84 contas de ata 10 entidades bancarias diferentes: Abanca, BBVA, Banco Santander, Banco Pastor, Banco Caixa Geral, Banco de Sabadell, Caixabank, Cajamar Caja Rural, Kutxabank e Bankia. Os titulares das mesmas eran diversos e, aínda que na gran maioría estaban como titular José Manuel Rey Novoa (director de El Correo Gallego) e Ángel María Juan Bautista Remesar Zabaleta (xerente de El Correo Gallego), había moitas outras a nome de familiares, estando practicamente en todas eles algún deles como autorizado.
DIVERSAS EMPRESAS QUE, INDEPENDENTEMENTE DO RECOLLIDO NOS ESTATUTOS SOCIAIS, ADICÁBANSE AO MESMO E TIÑAN UN MESMO REPRESENTANTE
As empresas ás que se asociaban estas contas tamén eran diversas: Editorial Compostela figuraba como titular en 21 delas; Código Televisión, en 7; Anova Multiconsulting, en 5; CTV, en 1; Agrupación Deportiva El Correo Gallego, en 2; Xeogal Publicaciones, en 1; e Think First, en 5. Ata aquí, todas elas poderían relacionarse dun xeito ou outro coa principal actividade coñecida do grupo: a comunicación; pero tamén había outras empresas que, aparentemente, alo menos polo seu nome, nada terían que ver no sector da comunicación, como Granitos de Galicia, que figuraba como razón social en 2 contas; ou Aceros del Tea, que o facía noutras 2. Con todo, dende a UDEF chegan á conclusión de que, independentemente do recollido nos estatutos sociais, a actividade de todas estas empresas é a mesma ou ben é complementaria. Curiosamente, é o xa nomeado Ángel María Juan Bautista Remesar Zabaleta o que figura como representante de todas as sociedades mercantís ante Inspección de Traballo e Seguridade Social.
Ademais, a sociedade Editorial Compostela só figura como socia única en Código Televisión e Anova Multiconsulting, aínda que en todas as demais obstenta a posición dominante. Así, tanto José Manuel Rey Novoa como Ángel María Juan Bautista Remesar Zabaleta son os que teñen unha posición decisivamente maioritaria na totalidade das sociedades e asociacións. Por outra banda, había en todas as empresas unha unificación de tarefas administrativas comúns. Así mesmo, outro dato importante que os investigadores resaltaron no seu informe é que os traballadores contratados por Editorial Compostela prestaban servizo a todas as empresas, producíndose un trasvase continuo de persoal entre elas en función das necesidades do grupo e baixo as mesmas directrices. O mesmo acontecía cos cartos que entraban e saían de todas estas empresas, pois, segundo os investigadores, todas as empresas funcionaban organizadas baixo o criterio de administración en 'Unidade de Caixa', é dicir, todos os ingresos e gastos que procedían das diferentes contas eran finalmente centralizados nunha tesouraría única, que é a que tiña ao seu cargo a xestión de todos os recursos financieiros.
TRASPASE CONTINUO DE CARTOS ENTRE CONTAS QUE DEMOSTRARON SER 'CONTAS PONTE' PARA DESVIAR NUN CURTO PERÍODO DE TEMPO OS INGRESOS
Así, no informe da UDEF menciónase o achado de apuntamentos bancarios nas contas persoais dos investigados e das persoas relacionadas con eles (dende parellas ata fillos) de movementos con orixe ou destino ás contas das moi diversas empresas do grupo, máis concretamente, a Editorial Compostela. A modo de exemplo, moitas das contas baixo a titularidade de Ángel María Juan Bautista Remesar Zabaleta e da súa cónxuxe demostraron ser 'contas ponte', porque nelas recibíanse traspasos de importantes cantidade de cartos --miles de euros e mesmo millóns, nalgunhas ocasións-- que, no mesmo día ou poucos días despois, eran novamente remitidos ás contas de orixe ou utilizados para pagar débedas pendentes con proveedores e traballadores de Editorial Compostela ou ás contas destinadas á compensación de cheques cuxos fondos resultaban igualmente enviados a contas de Editorial Compostela.
A investigación principal por parte da UDEF desenvolveuse sobre esas nomeadas 84 contas atopadas con vinculación a todos e cada un dos 'pesos pesados' de Editorial Compostela. E, dese exhaustivo traballo que se detalla ao longo dun completo informe dotado de 436 páxinas, dedúcese un movemento de cartos continuo entre contas, con movementos tanto das persoais ás das empresas que formaban parte do conglomerado como viceversa. Os ingresos principais de moitas das contas investigadas, ademais de derivar dos pagos que se recibían de clientes, tamén procedían de transferencias feitas en concepto de préstamo ou, directamente, sen concepto, pero, sempre segundo a UDEF, con indicios de tratarse de préstamos que procedían de variadas empresas afíns ao grupo, como Visualiza Business ou Candea Industrias Plásticas, entre moitas outras que comentaremos noutra reportaxe. Estes préstamos serían os que terían servido para financiar a actividade de Editorial Compostela cando esta xa estaba ao borde da quebra. De non ser por estes ingresos externos, o grupo tería entrado en concurso de acredores anos antes, polo insostible da súa situación económica.
MOITOS DOS INGRESOS BAIXO O CONCEPTO DE PRÉSTAMOS ÍAN PARAR ÁS CONTAS PERSOAIS DOS DIRECTIVOS PARA ESQUIVAR O PAGO DE DÉBEDAS
No tocante a estes cartos chegados de importantes empresarios e familias de influencia da área de Compostela, aos investigadores chamoulle poderosamente a atención o feito de que moitos destes préstamos ingresábanse directamente en contas persoais baixo a titularidade de José Manuel Rey Novoa ou da súa cónxuxe, María Fátima O.B.. Logo, dende elas, rapidamente se reenviaban os cartos a outras contas vinculadas á empresa. Seguidamente, desas contas novamente se dirixían as cantidades percibidas a outras, ás veces mesmo ás mesmas nas que se ingresaran os préstamos nun comezo, pero en cantidades moito menores. Do mesmo xeito que cos préstamos, os investigadores detectaron un modus operandi semellante cos cartos procedentes dos pagos que fan os clientes ao grupo polos seus servizos (publicidade, artigos, colaboracións...). Por que se facían estes misteriosos traspases? O informe da UDEF expón moi claramente a súa sospeita: sería unha estratexia para evitar dispoñer dos cartos precisos para realizar o pago das moitas débedas acumuladas por Editorial Compostela e para facer fronte aos embargos que sobre varias das súas empresas pesaban.
O máis preocupante dende o punto de vista ético é que esta mesma mecánica que se seguía para esquivar o pago de préstamos, empregábase tamén para esquivar o pago dos salarios dos propios traballadores do grupo. Os investigadores da UDEF mesmo chegan a detallar en gráficos os pagos que percibían os traballadores en concepto de nóminas, e que, nalgúns meses, ascendían a preto dun millón de euros; mentres que, noutros, non superaban uns cantos miles de euros ou directamente quedaban a cero. Isto demostra que, tal e como denunciaron no ano 2022 varios dos membros do cadro de persoal do grupo, durante varios meses os traballadores desempeñaron a súa actividade sen percibir a retribución económica correspondente por ela. Ademais, os investigadores tamén detectan o pago de nóminas a traballadores dende contas correspondentes a empresas que nada tiñan que ver con eles nin coas súas tarefas, ao non ser as empresas que os tiñan contratados segundo figuraba sobre o papel. Así mesmo, tamén se observa en múltiples ocasións o pago de nóminas dende contas persoais dos implicados nesta complexa 'trama', como o por aquel entón xerente de El Correo Gallego, Ángel María Juan Bautista Remesar Zabaleta. Isto, segundo apunta a UDEF, viría apoiar tamén esa teoría de intento de esquivar as débedas contraídas mediante movementos de fondos artificiais, tanto nas contas das empresas como nas persoais.
SEDE FÍSICA
Por outra banda, no tocante á sede física de todas estas empresas, o informe policial apunta a unha confusión de patrimonios. Así, destaca que inicialmente é Editorial Compostela a propietaria das instalacións nas que se desenvolven as actividades, situada na rúa Polonia número 10 do Polígono industrial compostelán de Costa Vella, pero chega un punto no que esta sede figura como vendida a Think First, seguindo Editorial Compostela facendo uso delas en calidade de arrendataria. Pese a todo, non se atopou contrato algún que xustificase a ocupación nin por parte de Editorial Compostela nin das demais empresas do grupo. Ademais, obsérvase un emprego indistinto dos mesmos teléfonos para atender as chamadas dirixidas a varias empresas. Do mesmo xeito, os gastos telefónicos son sustentados por Editorial Compostela, ao igual que o pago das facturas da luz e da auga. Isto reforza tamén a hipótese de 'Unidade de Caixa' e tesouraría única da que partían os investigadores, de maneira que os gastos dunhas empresas eran sustentados polas outras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.