A Xunta destinará case 7 millóns a unha campaña para vender Galicia como "destino acolledor"

Rueda viaxará esta semana a Roma para promocionar o Camiño de Santiago.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/02/2025 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta autorizou este luns a licitación da nova campaña que promoverá a Galicia como "destino acolledor", á que destinará 6,9 millóns. Trátase do servizo de elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia, coa que se busca incentivar a actividade turística galega ao longo de 2025 e principios de 2026.

A campaña, que busca acompañar a positiva evolución do turismo e reivindicar a imaxe de Galicia como terra hospitalaria e acolledora, empezará en marzo de 2025 e terá unha duración prevista de 18 meses. Dependendo das necesidades de difusión e comunicación, prevé a realización dun mínimo de catro ondas, de impacto galego e español, e darase impulso ao mercado internacional.

Cun orzamento de 6,9 millóns, a adxudicación realizarase mediante procedemento aberto e as ondas incluirán anuncios en televisión, radios, prensa, revistas, edicións dixitais e tamén publicidade exterior.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en rolda de prensa
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en rolda de prensa | Fonte: Xunta

VIAXE DE RUEDA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viaxará o mércores á cidade italiana de Roma para promocionar o Camiño de Santiago de cara á celebración do próximo Ano Santo en 2027. O máximo mandatario autonómico asinará un convenio co gobernador da Rexión do Lacio, Francesco Rocca, para a promoción mutua do Camiño de Santiago e a Vía Francíxena, unha ruta que comeza na cidade inglesa de Canterbury e finaliza na capital de Italia, concretamente na praza de San Pedro da Cidade do Vaticano.

Preguntado pola viaxe na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, Rueda destacou que o obxectivo é "ir promocionando" de cara ao próximo Xacobeo "todo o que ten que ver co Camiño de Santiago" e que nos actos nos que participará estará acompañado pola embaixadora de España ante a Santa Sé, Isabel Celáa, e polo embaixador de España en Italia, Miguel Fernández-Palacios.

O presidente galego, que explicou que se trata dunha "viaxe breve de apenas 24 horas", destacou que os peregrinos italianos son "moito máis numerosos" que os doutros países máis próximos xeograficamente. "A miña intención é seguir facendo de aquí ao ano 27 unha promoción amable", asegurou Rueda, que celebrou que "haxa moitos territorios en España e fóra dela que queiran ter algún acto de exaltación e promoción do Camiño de Santiago". Así, apuntou que, con este obxectivo, estará noutras comunidades autónomas e poderá estar tamén en "algún sitio no exterior".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta