Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2025 | Actualizada ás 13:06
A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, anunciou que a partir do próximo mes de marzo a Xunta ampliará o seu denominado 'Aval Mozo' para que os adquirientes dunha vivenda protexida, "sen límite de idade", poidan acceder ao préstamo hipotecario polo 100% do prezo da vivenda. Un aval que, segundo destacou, "ademais" será compatible coas axudas á compra xa existentes e que poden chegar, segundo as cifras da consellería, ata os 20.000 euros para os menores de 36 anos.
Nunha comparecencia no pleno do Parlamento, Allegue reivindicou estar "a avanzar a un altísimo ritmo" nos compromisos do Goberno de Alfonso Rueda en materia de vivenda, e asegura estar "a cumprir os fitos fixados". Respecto diso, cifrou en 200 millóns os euros "xa licitados", con "algo máis de 2.000 vivendas de promoción pública en marcha, en distintas fases".
200 MILLÓNS EN MÁIS DE 2.000 VIVENDAS
En concreto, sinalou que son 2.082 as vivendas "en marcha". Delas, 832 "xa teñen obra licitada" e "moitas delas" adxudicada e iniciada a execución, segundo dixo. Outras 982 novas vivendas teñen, segundo a conselleira, o proxecto licitado e 268 están "a punto" de licitalo "estas próximas semanas". Tras unha intervención na que tamén achegou números sobre desenvolvemento de chan, rehabilitación, axudas e cambios normativos, a deputada do BNG Alexandra Fernández tachou de "reseso" o "anuncio estrela" de Allegue, ao referirse a o xa comprometido por Alfonso Rueda en 2023.
Entón, o presidente galego anunciou 5 millóns de euros para a liña de avais, dos que, segundo a portavoz nacionalista en materia de vivenda, "executou 1,8 millóns", que beneficiaron a "menos de 100 persoas". Así as cousas, entende que a medida "fracasou" xa que os mozos non poden pagar os actuais prezos da vivenda. "Mentres, denegaban por miles as axudas", reprendeulle. Alexandra Fernández tamén acusou á conselleira de "lanzar cifras ao inifinito" no que interpreta como un intento de xerar "confusión", con datos "mesturados" sobre vivendas licitadas e por licitar.
Pola súa banda, o socialista Carlos López Font advertiu a Allegue da "laxa" que "pesa" para o seu departamento, polo "dato" que os anteriores gobernos do PP "deixaron sen executar" neste ámbito, e asegurou que foron 270 millóns de euros en 15 anos. Agora, segundo indicou, "lanzouse Rueda a prometer 20.000 vivendas de promoción para 2028, e vostede recoñece que en 10 meses" levan 2.000. "Non fai falta que lle faga a proporción do restante. Como non apuren...", avisou. A popular María Deza, pola súa banda, cargou contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xa que ao seu xuízo "segue vendendo fume" con medidas que "na súa maioría" reciben "críticas e dúbidas" de "todos os actores do sector".
"QUE ABANDONE A CONFRONTACIÓN"
Na súa primeira quenda, a responsable galega en materia de vivenda tamén instou ao Executivo a que "abandone a confrontación" e reclamoulle "orzamento suficiente". Entre outras críticas, lembrou que "aínda se sabe moi pouco" do novo plan de vivenda e a Xunta quere "dotación suficiente" e que o Goberno "escoite" ás comunidades autónomas. Xa na réplica, Allegue destacou que "lonxe de anuncios baleiros as políticas deste Goberno son de feitos consumados" e engadiu que "se sustentan nunha planificación estratéxica". Concretou, sobre o 'Aval Mozo', que serve para avalar "o 20 % que non avala a entidade financeira" e precisou que o que fará a Xunta a partir de marzo é "amplialo" e que del se poida beneficiar "calquera persoa" con independencia dos seus anos "a condición de que compre unha vivenda protexida".
Así mesmo, lembrou que "por fin" a comunidade recibiu os fondos para convocar o bono para aluguer para mozos do Goberno central, pero é unha partida "claramente insuficiente". A maiores, deu máis datos de promoción de vivenda pública, neste caso por localidades: 775 "en marcha" en Vigo, 363 en Ferrol, 460 en Lugo, 182 en Pontevedra, 104 na Coruña, 64 en Ourense, 60 en Santiago e 20 en Mos, entre outras. A Xunta "redobra" esforzos pero "non comezou antonte", dixo. "Máis de 2.000 novos fogares en marcha é un reto arduo e complexo; asegúrolles que non nos deteremos ata estar orgullosos do resultado", concluíu.
POLÉMICA POLOS 'INQUIOCUPAS'
Na segunda quenda, a deputada do BNG considerou que a conselleira está "encorsetada" nunha "teoría falsa" que establece que "todo é un problema de oferta". Para o seu grupo, existe "un ciclo especulativo cunhas características singulares que tensiona o mercado de aluguer". Ademais, proseguiu, "de fondo" observa "unha batalla cultural que quere que haxa modificacións para que no momento en que un inquilino teña un problema que leve á falta de pagamento non se teña en conta que esta persoa está nunha situación de vulnerabilidade". Neste sentido, falou de "criminalización e deshumanización brutal", e interpelou directamente á conselleira: os 'inquiocupas' "quen son", preguntoulle.
"Pode darme unha definición legal ou se dedican a insultar e menosprezar?", aseverou. "Cre que pode insultar e criminalizar á xente desta forma?", fixo fincapé, antes de acusar aos populares de "sementar odio". A portavoz do Partido Popular no debate utilizou a súa segunda quenda de palabra para relatar o caso dun propietario afectado por un "inquiocupa" e lamentou a "pasividade" de Sánchez ante este tipo de situacións. No peche da súa comparecencia, a conselleira opinou que "non funciona nin a prohibición nin o intervencionismo" e resaltou que, pola súa banda, non está "a falar de bos e malos, propietarios e inquilinos", pero entende que "é tempo de incrementar a oferta, a rehabilitación e dar seguridade xurídica aos propietarios para que poidan alugar con garantías".
"CLAMOR" POR QUE OS ALUGUERES BAIXEN
Pola súa banda, o parlamentario do PSdeG rexeitou o "afán de só construír" e avisou de que fará "seguimento" das "cifras mareantes e ilusorias" da Xunta. E é que, segundo subliñou López Font, existe "un clamor" para que os prezos dos alugueres baixen, e iso require "implicación do público".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.