Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2025 | Actualizada ás 17:56
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou no V Foro da Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (ANFAC) que Galicia fabrica un de cada cinco vehículos que se producen en España e reivindicou a "aposta da automoción galega pola innovación" para "afianzar o liderado do sector" co apoio da administración autonómica.
Segundo trasladou a Xunta nunha nota de prensa, Corgos asegurou que o Goberno galego seguirá apoiando un "sector estratéxico" na Comunidade, cunha facturación de 13.000 millóns de euros e 25.000 empregos. Así mesmo, o responsable de Facenda lembrou que "en breve" se aprobará un plan director elaborado en colaboración coas empresas e que contempla unha folla de ruta 2025-2027 dotada con máis de 230 millóns de euros, para apoiar ao sector na dobre transición verde e dixital.
"Estamos a falar dunha nova liña que potencia tres eixos: a transición ao ecosistema de mobilidade eléctrica e conectada, a descarbonización dos procesos produtivos e loxísticos e a adopción de modelos de green factory", explicou. Á súa vez, lamentou que o deseño do PERTE VEC implementado polo Estado non recolla na súa totalidade as necesidades reais do sector que pasan, entre outras, "polo apoio ao sector auxiliar para garantir o emprego local e evitar a deslocalización de empresas".
Durante a súa participación na mesa redonda 'Automoción, impulso e innovación de España desde a Administración', no marco deste Foro, o conselleiro tamén incidiu en que Galicia é unha voz autorizada para influír e contribuír aos avances do sector do automóbil, nun momento "crucial" para esta industria.
PROTESTA CIG
Por outra banda, delegados e delegadas da CIG-Industria concentráronse este xoves ante a sede da patronal do Metal, Asime, en Vigo, e ante as sedes das confederacións de empresarios da Coruña, Lugo e Ourense, para reclamar que se "explore" a posibilidade de promover un convenio galego para esta industria.
Así, entregaron un escrito solitando ás entidades patronais do metal presentes nas comisións negociadoras a celebración de reunións para abordar a modificación lexislativa introducida no Estatuto dos Traballadores, e que permite negociar convenios e acordos interprofesionais autonómicos que prevalezan sobre os convenios sectoriais ou acordos de ámbito estatal.
O secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, que participou na concentración de Vigo, lembrou que en Galicia existen catro convenios provinciais do metal, e que o sector "é moi diverso" en canto ao número de empresas que o compoñen e os produtos que comercializan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.