Temas: FRASEOLOXíA

Paremias galegas equivalentes á castelá “ser cocinero antes que fraile”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 04/03/2025 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Para salientar o valor da experiencia e da sabedoría que dan as vivencias pasadas, e nomeadamente, e con maior concreción, para indicar que unha persoa que chegou a unha determinada situación, oficio, profesión, traballo... (e que, polo tanto, pasou polos estados previos e necesarios que lle permitiron acadar a dita situación) dificilmente vai ser enganada por outras persoas que se atopan neses estados ou fases, en castelán é bastante habitual escoitar aquilo de que fue cocinero antes que fraile.

Alberto Núñez Feijóo no Encontro Internacional de Cociñeiros+Cociña. XUNTA DE GALICIA
Alberto Núñez Feijóo no Encontro Internacional de Cociñeiros+Cociña. XUNTA DE GALICIA

Vexamos a seguir algunhas expresións galegas que fornecen ese mesmo significado.

Ser cocinero antes que fraile

Ser monaguillo antes que fraile

{= Paremias con que se destaca o gran valor da experiencia e das vivencias pasadas e con que se indica que alguén que chegou a unha determinada situación, oficio, profesión, traballo... logo de pasar polos estados previos á dita situación dificilmente vai ser enganado por outras persoas que se atopan neses estados ou fases, xa que coñece perfectamente os seus trucos, os seus xeitos de actuar, etc.}

Ser cociñeiro antes ca frade && Antes de ser frade, ser cociñeiro

Ser sancristán antes ca cura && Antes de ser cura, ser sancristán

[E MAIS]:

Ser paisano antes ca patrón && Antes de ser patrón, ser paisano

Ex.: A los alumnos esas trampas se les dan muy bien, pero como he sido cocinero antes que fraile, no consiguieron metérmela doblada.

Ós alumnos esas trampas dánselles moi ben, pero como antes de ser frade fun cociñeiro pero como antes de ser cura fun sancristán pero como fun paisano antes ca patrón, non foron quen de ma meter a bordo.

● Tamén, neste mesmo sentido, e formando enunciado de seu:

Quen é mestre xa pasou por aprendiz

Ex.: Ós alumnos esas trampas dánselles moi ben, pero como quen é mestre xa pasou por aprendiz, non foron quen de ma meter a bordo.

● Tamén, igualmente formando enunciado de seu:

Quien fue cocinero antes que fraile, lo que pasa en la cocina bien sabe && Quien fue cocinero antes que fraile sabe lo que pasa en la cocina && A quien fue cocinero antes que fraile, en cosas de cocina no le engaña nadie && Quien fue monaguillo y después abad sabe lo que hacen los mozos tras el altar

Quen foi cociñeiro antes ca frade # antes de ser frade, o que pasa na cociña ben o sabe && Abade que foi monaguillo ben sabe quen bebe o viño

NOTAS:

1. Lembremos que a norma léxica non recolle a voz monaguillo, cuxa significación se recolle, grosso modo, na segunda acepción de acólito.

2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Conde Tarrío, Germán: Diccionario de refráns. Correspondencias en castelán e francés. Editorial Galaxia, Vigo, 2001.

- Ferro Ruibal, Xesús: Refraneiro Galego Básico. Ed. Galaxia, Vigo, 1987.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María Rosario: “Novas catas no campo nocional dos peixes e outros animais mariños”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 97-123. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta