Pepe Coira: "'O Carro e o Home' aparece cando non había ningún filme igual ou co que comparalo"

Pepe Coira, historiador e diplomado en Historia e Estética da Cinematografía, será quen presente a versión dixitalizada do filme 'O Carro e o Home' na primeira proxección da XX Edición da MICE do Museo do Pobo Galego o vindeiro 12 de abril.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2025 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

Pepe Coira presentará e participará na proxección da versión dixitalizada do filme documentario 'O Carro e o Home' de Xaquín Lorenzo e Antonio Román. Esta proxección enmárcase dentro do cinema etnográfico, unha ferramenta audiovisual que tivo no filme de Lorenzo e Román o primeiro exemplo, explorando a importancia dunha ferramenta fundamental dentro do traballo agrario galego, o carro.

Pepe Coira
Pepe Coira | Fonte: facebook

-Onde reside o valor de O Carro e o Home como documental?
O Carro e o Home ten o valor de ser un traballo ben feito grazas a un excelente cineasta partindo dun enorme traballo como é o do etnógrafo como era Xaquín Lorenzo “Xocas”. Ademais, está o feito de que non existía nada semellante dentro do contexto onde se gravou ese filme, o contexto dun cinema galego que apenas podía existir. É un filme moi especial pola súa singularidade, pois non había algo igual con que comparala ou mesmo os filmes que puideron existir xusto antes da Guerra Civil que puideron desaparecer. Isto dalle o valor do que é único.

-Precisamente, como foi posible facer este documental sen que houbese unha grande presión censora detrás, pois gravouse no 1940, un ano despois de finalizada a contenda española.
Dunha parte estaba a cuestión de ser un filme moi pequeno. Non causou preocupación, aínda así pasou pola censura como era obrigatorio daquela. Á parte, era unha peza de corte etnográfico e rodada moi á marxe, con moi poucos medios nun lugar tan afastado de todo como era Lobeira.

-Axudou tamén que participase Antonio Román, logo cineasta que mesmo participou en filmes como Raza?
Antonio Román entrou no cinema xunto con Sáenz de Heredia, mais foi xusto despois diste documental. Tanto Román, como Serrano de Osma e o mesmo Xocas tiveran que poñerse a ben todo canto lles foi posible co réxime saído da Guerra Civil e ademais, estaban lonxe de ser persoas incómodas para o réxime. Mais, insisto, o carácter de Román como director franquista é posterior a isto. Cando grava O Carro e o Home, a súa familia fixera todo o posible porque as súas veleidades esquerdistas na República quedasen esquecidas. Román e Xocas alistáranse cos sublevados, daquela non tiña outra. Volvendo ao filme, penso que realmente as autoridades viron aquilo como algo inofensivo, como algo do que non debían preocuparse en exceso, ademais de que Román tiña unha cámara e podía crear un filme pola súa conta e risco.

-Cal sería o obxectivo de Lorenzo e Román cando gravaron este documentario?
Creo que non tiñan exactamente o mesmo obxectivo un e outro. Román seguramente pensaba en facer un filme que para el representaba a súa grande paixón vital, ao xeito dos mestres que el admiraba como Flaherty. Antonio Román buscaba asuntos, temas para facer filmes, pois el era un cineasta. Xocas pensa no cinema como un recurso, como vehículo do coñecemento. Un busca no outro o que precisa para levar adiante o seu obxectivo e esa harmonización de intereses fai posible este filme. Tamén é que Román e Lorenzo tiñan moi boa relación polo que contaban os dous.

Fotograma de O Carro e o Home
Fotograma de O Carro e o Home

-Cales foron as ideas detrás da voz en off que se lle deu ao documentario en 1945 e logo por que se escribiu un novo guión para poñerlle outra narración sonora?
Isto está relacionado coa vivencia do filme. A gravación fíxose en agosto de 1940 na casa familiar que tiña Xocas en Lobeira e despois, Román e Serrano de Osma regresaron a Madrid para completar o filme e estrear como se puidese, estrear o filme. En setembro de 1940 Román consegue entrar no cinema comercial cun guión escrito por si mesmo chamado Escuadrilla. Este feito fixo que esquecese filmes como o documental con Xocas mais enviáralle o “copión”, o primeiro positivado para sacar copias. Xocas gardou este “copión” en Ourense como curiosidade. Román esquece o filme, mais Serrano de Osma aproveita que ese ano hai unha convocatoria de axudas para cinema, e saca El Hombre y el Carro. Practicamente era a montaxe feita por Román e hai unha locución moi básica cunha retórica moi literaria, mais a parte técnica son epígrafes que sen dúbida Xocas ideara como “aquí imos falar do chedeiro, aquí do liño ou aquí da malla”. Este filme é autorizado en 1945 e logo desaparece sen deixar rastro. Isto até 1980 cando Eloy Lozano, con moi bo criterio, coñeceu da existencia do “copión en mans de Xocas e decide sacalo á luz e que o mesmo Xocas lle dese unha nova locución, pois aquel material era mudo. Iso foi O Carro e o Home, o filme mostrado nos anos 80 deslumbrando a quen o vimos naquel momento. Nos anos 90 apareceran copias daquela versión de 1945 de El Hombre y el Carro. Hoxe podemos comparar unha e outra, nunca existiu un guión senón un esqueleto argumental moi claro aportado por Xocas. Na nova versión, Xocas pode desenvolver o guión cunha mirada cara atrás e o escrito en 1945 é unha idea máis básica e allea ao contido. Daquela era habitual que no cinema houbese algo de esaxerado, rimbombante, subliñar a grandeza das cousas, era unha retórica do seu tempo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta