Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2025 | Actualizada ás 11:47
-Por que se elixiu para abrir esta 20ª edición da MICE a proxección do filme O Carro e o Home?
O Carro e o Home pasou por un proceso de dixitalización hai pouco dentro dun proxecto co que colaborou a Filmoteca de Galicia. Queriamos mostrar a copia dixitalizada porque as copias anteriores e mesmo aquela que nós temos non responden á calidade e á estética que tiña o filme orixinal. Isto recupérase en grande parte coa restauración dixital. Logo está o guión de Xaquín Lorenzo, Xocas, quen foi realmente o artífice do filme, aínda que sumou como director ao seu paisano Antonio Román. Ademais disto, Xocas deixoulle o seu legado ao Museo do Pobo que detenta os dereitos de O Carro e o Home, un filme que ademais é fundacional dentro do cinema galego en xeral, digo isto porque até daquela o cinema galego tampouco tiña unha filmografía moi abundante. Mais o importante reside en que este documental conta primeiro coa aportación dun grande coñecedor da antropoloxía galega e logo cun cineasta como era Antonio Román, tamén un símbolo do cinema galego.
-Como se consegue convocar trece filmes para a sección oficial e logo máis títulos para as seccións paralelas?
Son vinte anos de traxectoria seria que nos dá unha certa credibilidade no sector. Hoxe en día os festivais temos unhas ferramentas grazas ao mundo dixital, isto permite que cheguemos a moitísimos autores e autoras. Hai vinte anos isto era moi difícil mais agora podemos recibir máis propostas no momento en que abrimos a inscrición. Tamén son vinte anos traballando e isto axudou a crear unha credibilidade ante as produtoras.
-Cales son os obxectivos detrás das mostras 'Trazas', 'Lindes' e 'Cinema Petís'?
No caso de 'Trazas', é unha colaboración co Cineclube de Compostela e intentamos mostrar filmes relacionados co cinema etnográfico mais significativos dentro da cinematografía xeral. 'Lindes' busca límites físicas e mesmo espirituais, por así dicilo, do cinema coas ciencias sociais, ás veces hai lindes moi marcadas entre o que non é cinema etnográfico e o que si é. Buscamos propostas etnográficas mais que ás veces non está moi claro se é cinema etnográfica. 'Cinema Petís' busca achegarnos ao público máis novo sen saírmonos dos nosos obxectivos. Traballamos con grupos escolares con diferentes propostas acaídas para cada idade para mostrarlles temas de interesa para a etnografía.
-Que representan para esta edición a proxección de 'Salvaxe, Salvaxe' de Emilio Fonseca e o da cineasta letoa Laila Pakalnina?
No caso de 'Salvaxe, Salvaxe', polas circunstancias da súa estrea o ano pasado non puidemos telo na edición anterior. Mais aínda de ser xa proxectado en varios festivais, para nós representa moi ben o que falaba da sección 'Lindes', como se difuminan esas fronteiras sobre todo como se fala do ser humano desde o punto de vista da antropoloxía. Cremos que é un dos filmes con maior representación tanto fóra como dentro. O caso de Laila Pakalnina mostra o traballo do cinema feito por mulleres dentro do cinema etnográfico, sendo Pakalnina un referente para toda a cinematografía europea. No seu caso tamén presentaba unha segunda cuestión, o sentido do humor. Moitos dos seus traballos están case no cómico, entón pareceunos a directora e realizadora máis propia para dedicarlle unha sección.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.