Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2025 | Actualizada ás 19:45
O Salón Peña de Cambados acolleu este xoves un acto organizado pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa baixo o titulo 'Desaparecerá a actividade marisqueira con Altri e a Mina de Touro?' na que varios investigadores alertaron do impacto que tería Altri e a Mina de Touro no marisqueo da ría.
Así, o presidente da Plataforma, Xaquín Rubido, contrapuxo o modelo que a Xunta ten para o sector do mar coas demandas "reais" e "un modelo de país" que aposta por declarar "de interese xeral" ao sector, recuperar as rías e establecer medidas de axuda e apoio a un sector que, tal e como destacou, "rexistrou o pasado ano perdas do 70% de produción".
Co "abandono da Xunta" e a posibilidade de que Altri e a Mina de Touro se instale na Comunidade, o presidente da Plataforma alertou do "impacto fortísimo" que estas industrias terían na produción marisqueira.
Pola súa banda, o profesor de Xeografía Física da USC Horacio García explicou que o recurso 'auga' debe tratarse "con suma delicadeza" e "baixo un principio de prudencia". Tamén fixo referencia a un "contexto de cambio global" no que as proxeccións climáticas apuntan cara a "marcos hipotéticos moito máis restritivos en comparación cos do presente".
Ademais, o geógrafo explicou que a documentación ambiental achegada por Altri para o proxecto de Pas "omite os impactos integrais, traballando o río coma se fosen tramos illados e non un continuo".
Así mesmo, o investigador do CSIC Serafín González subliñou que "non hai ningunha diferenza substancial entre o proxecto da Mina de Touro que a Xunta tramita como estratéxico e ao que lle denegou a DIA a propia Xunta no 2021".
Nesta liña, criticou tamén que "o mesmo proxecto agora é PÉ", pero os riscos ambientais "son os mesmos", así como o seu "impacto social e na actividade socioeconómica", ademais do "perigo da balsa de lodos".
Ante esta situación, a Plataforma fixo un chamamento "ao mar e á terra" a manifestarse o próximo 22 de marzo na Pobra do Caramiñal nunha convocatoria conxunta para defender "un modelo de país" que teña como base os recursos galegos e "contra as industrias depredadoras e expoliadoras".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.